Retorno ao cine con Eloy Lozano

ELOY LOZANO (Ourense 1953- Santiago de Compostela 2009)

Dende hai algo máis de dous anos, coordino a actividade do club de lectura en galego da biblioteca pública Miguel González Garcés da Coruña. A el asisten vinte lectores interesados e intelixentes (case poderiamos dicir lectoras, xa que a correspondencia é de 17 mulleres e 3 homes) que, cada quince días aceptan compartir a experiencia da lectura do libro proposto, compartir ou contrastar, que non sempre as opinións son coincidentes.

A última sesión estivo dedicada ao libro Amor de Artur, de Xosé Luis Méndez Ferrín. Xa antes léramos Arraianos, do mesmo autor, e a min sorprendérame o moito que gustaran dos relatos que compoñen ese libro extraordinario, por iso me animei a repetir escritor, proposta que foi recibida con entusiasmo.

Practicamente todos os relatos de Amor de Artur están relacionados con Tagen Ata, ese territorio literario creado por Ferrín e que vén sendo a correspondencia ou representación dunha Galicia ideal ou soñada, non exenta de conflitos, pero na que latexa forte a consciencia do ser colectivo.

Para nos internar nese universo complexo, habitado polos azerratas (naturais ou propios de Tagen Ata) falamos de como Méndez Ferrín fora construíndo ese universo dende o principio da súa obra. Había pouco tempo que eu lera nun xornal que o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) procedera a restaurar a curtametraxe Retorno a Tagen Ata, dirixida polo ourensán Eloy Lozano, baseándose na novela breve do mesmo título publicada por Ferrín en 1971. Tanto a novela como o relato Calidade e dureza de Amor de Artur, teñen de protagonista a una rapaza nova, comprometida cos movementos de liberación de Tagen Ata, chamada Els Bri.

A través da dirección da biblioteca e coa autorización de María, a viúva de Eloy, solicitei do CGAI unha copia para ver a película na sesión do club.

Cómpre lembrar que esta curtametraxe é a primeira feita en Galicia, producida no ano 1974 por un rapaz entusiasta do cine que tiña, naquela altura, 21 anos e que soñaba cun cine galego. A obra, vista agora, amosa as limitacións e carencias propias da falta de medios e de experiencia, pero mantén unha fonda vocación narrativa, tanto dende o punto de vista argumental, como visual. Lembro os días da rodaxe de Eloy porque, daquela, eu formaba parte do grupo Histrión 70, no que tamén estaba Delfina Meire, a actriz que dá vida a Els Bri. Alfredo Cortón, pai dos amigos David e Domingos, é quen encarna ao personaxe de intermediario que poñerá en comunicación a Els con Ulm Roan, líder da resistencia interior de Tagen Ata. Emocionoume ver tamén na pantalla a Anxo Martínez, de quen xa teño falado nalgún artigo anterior e a Manuel Gómez Vaiget, compañeiro, por entón, no colexio universitario, con quen moito falaba de filosofía.

Agora penso en Eloy e dáme a sensación de que as nosas vidas foron tecendo un fío de relación dende un tempo anterior á memoria. Non sei se estarei errado, pero paréceme lembrar que seu pai era o practicante que me pinchaba de adolescente. Tampouco podo precisar en que ano vin o documental O carro e o home, recuperado por el a partir daquel que en 1941 fixeran Xaquín Lorenzo e Antonio Román.

Cando eu marchei de Ourense, vivimos un tempo afastados, ata que, anos despois, nos atopamos de novo en Corcubión. María e Maribel, as nosas compañeiras, mantiñan unha relación independente e anterior a nós. Unha tarde de verán fun con Maribel dende Lira a Corcubión por ver a María, ignorando que alí me atoparía con Eloy. Agromou, entón, de novo a relación, baseada no cariño anterior. Daqueles días son as conversas sobre o proxecto cinematográfico As belas durmintes, translación á nosa xeografía da novela do mesmo título, de Yasubiro Kasawata, que Eloy rodou en 2001.

O contacto fíxose máis intenso no ano 2007, cando vivín en Compostela. Cada mañá, para ir ao traballo, dende San Lázaro onde vivía a San Caetano, pasaba por diante da urbanización na que el vivía. A esa hora el baixaba o can. Falamos bastante neses días e algunha vez acompañoume ao despacho. Reprochábame ter aceptado desempeñar a subdirección xeral de creación e difusión cultural e discutimos máis dunha vez por esa razón. Vínculo importante dese novo tempo de relación foi o retorno a Galicia do tamén director ourensán Xavier Bermúdez, amigo común. Eloy fóisenos no ano 2009.

Pensaba o outro día, vendo de novo aquel primeiro traballo seu, que Eloy Lozano debería ter entre nós unha presenza maior da que lle damos. Cismaba con que o esquecemento no que o temos non se corresponde co que el nos deu. Non é esta cousa que aconteza con el unicamente, tampouco é un trazo exclusivamente noso, deste país que non sei se algunha vez se achegara ao soño de Tagen Ata. Quizais para compensar de tanto esquecemento e de tanto silencio, temos esta sección.

(Publicado na sección Ilustres, das páxinas de Ourense do xornal Faro de Vigo, o día 24 de novembro de 2012)