A caixa marabillosa

A novela A noite branca, que estes días chega ás librarías e que iniciará tempo de presentación a partir do día 14, cando comece a xira en Ourense, ten a súa orixe nunha caixa de marmelo, atopada no fondo dun armario da casa dunha das miñas tías, logo da súa morte.

A caixa contiña recibos de contribución, de préstamo, de enterramentos; fotografías como a da muller que se ve na capa do libro e sobre todo, cartas. O conxunto maior, composto por 21, estaban asinadas por Alfredo e foran escritas durante a súa aventura na fronte do leste, formando parte da División Azul.

Durante meses dinlle voltas á idea de escribir un libro con este material, pero nada dentro de min me levaba a facelo. A División Azul era algo que sentía lonxe, símbolo dun tempo, dun país e dun momento histórico que, dalgún xeito, rexeitaba. Porén, foi ese retrato de muller, María Luísa, a nai de Alfredo quen pouco a pouco foi aniñando dentro de min ata que, nalgún momento, agromou como unha realidade, sentindo a súa voz que me falaba, pedíndome que a buscase. Dende ese momento a figura de María Luísa medrou, transformándose nunha sorte de xenio deses que habitan nas lámpadas marabillosas das Mil e unha noites.

A caixa e a ilustración da tapadeira, é un dos múltiples fíos que tecen a historia, por iso ofrezo agora aquí a imaxe, xa que dentro da trama xeral, provoca unha investigación sobre o seu posible autor, así como sobre o significado das figuras e a composición que aparecen nela.

Unha opinión sobre “A caixa marabillosa

  1. Pingback: Voces na noite | Criticalia

Os comentarios están pechados.