Nostalxia do sur

Ás veces, os libros que agardan lectura vanse acumulando, o seu momento demórase e pasan os meses, ata que un día, a man vai a un título adquirido hai tempo e esquecido no complexo e doloroso catálogo de pendentes. Algo así sucedeu con “Últimas noticias del sur” de Luis Sepúlveda e Daniel Mordzinski.

Gústame a literatura que fala da América austral, ese territorio situado máis ao sur que ningún outro. Sepúlveda, Coloane, Xavier Alcalá ou Chatwin, son algunhas das miñas máis queridas referencias. Sempre soñei co sur, dende que sendo adolescente, miña nai agasalloume “Los hijos del Capitán Grant”, de Xulio Verne, na edición de Bruguera. Durante anos imaxinei unha viaxe ao sur do paralelo 42, seguindo os pasos dos heroes da aventura de Verne. Agora, lendo a Sepúlveda sinto nostalxia da viaxe que lle deu vida aos soños, realizada no ano 2004. Daquela, Rosario Soto, Eustaquio Puga, Maribel e eu, levando de guía a Jorge Omar, arxentino fillo de galegos, ornitólogo namorado da Patagonia. Con el percorremos miles de quilómetros, descendendo dende Puerto Madryn a Punta Tombo e cruzando logo o continente, de oeste a leste, ata Trevelín, ascendendo despois por Esquel, Bariloche e San Martín de los Andes, regresando a Bos Aires tras percorrer o territorio de Neuquén e cruzar a Serra de la Ventana. Daqueles días é esta fotografía, tomada diante da Trochita, da que escribe Sepúlveda: “Nuestro destino era el Maitén, porque de ahí partía La Trochita en su viaje hasta Esquel”.

Unha opinión sobre “Nostalxia do sur

Os comentarios están pechados.