AS IMAXES DA MEMORIA

Na caixa de marmelo que deu orixe á novela A noite branca, entre outras fotografías, estaban unha de Alfredo, vestido co uniforme da Wermacht, tomada en Vilnius, na primavera de 1942, nos últimos días da súa aventura divisionaria e outra dunha muller, para min descoñecida, pero que miña nai identificou como María Luísa, súa madriña e nai de Alfredo.

O proxecto de escribir a historia das súas vidas, provocou unha catarse familiar, que fixo posible a posta en común de moitas lembranzas e, tamén, que agromasen, coma ecos, momentos e situacións esquecidos, uns de maneira casual ou natural, outros por imposición ou por necesidade. Como individuos, como grupo familiar, como colectividade, somos o que somos polo que lembramos e polo que esquecemos. Tamén o esquecemento nos fai ser como somos. O esquecemento intencional, agochar, non transmitir, non compartir, empobrece e, ás máis das veces, provoca situacións inxustas. A memoria libera e fainos fortes.

Un dos agasallos dese proceso catártico foi recuperar a foto de Claudino ou Claudio Naval, meu avó, vestido co uniforme da banda da militar da mariña en Cuba, a principios dos anos vinte do século pasado.

 

Os tres son agora personaxes da literatura, por iso quero compartir os seus rostros, as súas expresións, as súas olladas. Quixera pensar que os tres, en particular María Luísa e Alfredo, poderán gozar agora doutra vida, diferente, unha vida que non compensará o desamparo que padeceron na outra, pero que contribuirá, se cadra, a construír a memoria de todos.