AMADA LIBERDADE E A VIDA XUNTOS.

Xa está nas librarías Amada liberdade as agardadas memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, publicadas por Edicións Xerais, que se complementan, no mesmo libro, cun texto de Teresa Barro titulado “A vida xuntos”.

Coñecín a Fernando no ano 2005, no último acto do congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Foi el quen se me achegou, logo do recital que pechaba o congreso, na aula de cultura de Corcubión. Dende ese momento a nosa amizade no fixo máis que medrar, alimentándose de encontros aquí e de visitas a Londres primeiro e logo, a partir do ano 2008, a Lancaster. A conversa con el era algo emotivo, divertido, enriquecedor e eu sempre tiven a sensación de que con el descubría unha parte da historia de Galicia que aquí nunca se contara ben. Lembro, en particular, un longo paseo dende a casa que compartía con Teresa en Maida Vale ata a canle que atravesa Londres, espazo que moito lle gustaba, no que comprendín que camiñaba a carón de alguén que fora testemuña dunha parte importante dos acontecementos históricos da Galicia recente. Foron logo moitas as conversas que se sucederon, sobre todo porque contra o solpor, mentres Teresa e Maribel falaban de astroloxía ou desenvolvían sesións fotográficas, el eu camiñabamos ata un pub próximo á casa e alí sentados, el cun refresco e eu cunha pinta de Guinness, repasabamos a súa memoria e falabamos de poesía.

Moito de todo iso está nas memorias que el empezou a traballar antes do traslado a Lancaster. Dende o pasado familiar e a infancia, ata os días do IGADI, institución coa que colaborou intensamente e co entusiasmo que el poñía sempre nas cousas nas que cría. Tamén dese proceso de enfiar recordos, fomos testemuñas Maribel Longueira e máis eu.El falaba e Teresa tomaba nota, para deixar que logo fose el quen lle dese xeito ao torrente de lembranzas e de feitos convocados cada día. Pero ese fluír non era caótico. Traballaban de xeito sistemático, levando a orde que Fernando quería tivesen as memorias.

A literatura memorialista non é un xénero habitual nas nosas letras. Non sucede así no Reino Unido. Alí, a memoria de quen viviu con intensidade o seu tempo, atento, sobre todo, ao que acontece nas beiras, axuda a construír o ser colectivo e alimenta o sentimento de comunidade. Fernando, residente en Londres dende o ano 1963, gustaba moito dese estilo anglosaxón e, seguramente, esa é a pegada que se advirte en Amada liberdade. Ao cabo, o resultado é o compromiso dun home coa sociedade á que pertence e co seu tempo, ofrecendo un punto de vista subxectivo, pero intelixente, sobre o devir histórico.

Fernando non puido rematar de escribir as súas memorias. Traballou ata o que pensaba debía ser o último capítulo, que trataría sobre a súa relación coa poesía, para el algo esencial. A familia, en particular Teresa, acordaron non prescindir das sete páxinas que deixou escritas, engadindo algúns dos seus traballos sobre poetas e obras que amaba, textos difíciles de atopar, que amosan cal era a súa relación coa poesía. Por certo, o título Amada liberdade, provén dun verso de William Blake, un dos poetas que máis amaba e ao que lía días do seu pasamento.

Como complemento e, ás veces, como enriquecedor contrapunto, Teresa Barro conta en “A vida xuntos”, os anos de convivencia con el, as decisións, ás veces difíciles, que deberon adoptar, os amigos comúns, os traballos compartidos, os fillos, a reflexión sobre Galicia, o proxecto do Grupo Galego en Londres… Dúas vidas en comuñón vizosa e fértil, interrompida, abruptamente, o 4 de xaneiro de 2010.

No novo cemiterio de Lancaster, onde Fernando repousa, rodeado de árbores e de persoas de orixe polaco alí enterradas, unha lauda de pedra negra lembra: “Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Ferrol 1931-Lancaster 2010. Cabaleiro galego”. Si, Fernando foi un cabaleiro e paladín desta Galicia que sempre ollou con amor e con espírito crítico. Ese amor e ese sentido crítico son unha das riquezas deste libro, para min, tan necesario.

 

Unha opinión sobre “AMADA LIBERDADE E A VIDA XUNTOS.

  1. Para min, un home do que a construción de Galicia aínda pode tomar moita enerxía. Pola súa sensibilidade, pola súa visión, pola súa potencia.
    Apertas

    Gústame

Os comentarios están pechados.