Onte pola noite, martes, no pub Dublín na rúa Panaderas da Coruña, Eva Veiga e eu recitamos os nosos poemas nun ambiente íntimo e entrañable. Diante do micrófono, como dous cantautores, fomos debullando versos dos nosos libros e, tamén, algún poema novo nunca antes recitado. Rodeados de amigos, o ambiente adquiriu un grao intenso de emoción cando ela recitou o seu poema sobre a muller, escrito para a gala de Implicadas, celebrada hai uns meses en Compostela.
Estas son algunhas das imaxes que nos deixou a noite, fotografías do cómplice e amigo Xacobe Meléndrez Fassbender. Polo medio, dous poemas novos, un tango de Eva e un breve momento de suspensión do tempo, escrito por min en noite de insomnio e recitado para Violeta.
(lembrando os paxaros de Horacio Ferrer)
ai estes son os meus merlos
e hai que ver como chían
é o aire en cristais en áscuas
de mortal melancolía
e eu bebo a sorte desa copa
que afoga no escuro labirinto
dos teus ollos dos teus ollos
transparentes
abraiados insurxentes
sen autocompaixón
despenados nas correntes
que arrastra o corazón
os meus merlos cantan atan un tango
con bágoas e soños de alta tensión
ao seu traxe de azul roto
desolado
que lle quiten o bailado
anzol na punta da dor
parsimonia deste amor
furacando o seu buraco
polo espazo excéntrico e sideral
en celo astronáutico extraviados
os meus merlos de tenrura
aruñando
as súas unllas e o seu pan
o parqué incandescente
abismado trascendente
dunha ausencia diagonal
porque só o desexo vive así
morrendo por volver a aquel instante
onde unha vez se foi feliz
transparente
Magnolia Liliflora
Violeta e branca
a pétala
despréndese no aire.
Detense un intre e cae,
como bágoa de amor,
sobre a terra
aceda e fértil.
O luns espero encontrarme convosco, nos Di(n)versos, e gozar destes momentos estupendos de poesía.
Apertas
GústameGústame