A MEIXENGRA

Con Antonio Piñeiro Seage, Xosé Manuel Penas Patiño elaborara aquel fermoso libro titulado Cetáceos focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas, publicado en 1989 pola entón denominada Consellería de Pesca, pero sobre todo, é autor, xunto con Carlos Pedreira López e con Calros Silvar, da nosa mellor guía de aves, publicada por Baía Edicións.

ferreiriño común tamén chamada meixengra

ferreiriño común tamén chamada meixengra

Agora, e logo da lectura da Noite Branca, pregúntame con que especie identifico eu a meixengra, paxaro que tantas veces sae na novela. Hai, segundo parece, diverxencias entre os expertos á hora de asignarlle esta denominación popular a unha ou outra especie de ferreiriños.

a meixengra noutro hábitat

a meixengra noutro hábitat

Levo a guía a Oira, para preguntarlle á miña nai e ao meu tío Lolo. Ningún dubida. En canto vén a imaxe do ferreiriño común, os dous coinciden en que ese era o paxaro que cada ano facía o niño no muro da casa da señora Beatriz e, tamén, no muro da palleira, aínda que din que leva dous anos sen aparecer e atribúen a ausencia ao emprego masivo de velenos por parte dun veciño que mata todo canto ser vivo se move ao seu redor.

(As imaxes pertencen unha a wikipedia e outra á páxina http://www.rios-galegos.com)