O RITMO DA CHUVIA

Non deixa de chover. Alguén me comentou onte que o nivel de pluviosidade é semellante ao rexistrado no ano 2002, aquel en que pensamos que nunca chegariamos a secar.

La Voz de Galicia informa hoxe de que a causa da chuvia é que o anticiclón siberiano bloquea o camiño natural das borrascas. Veñen días de vacación, pero sen sol.

Para que lle poñamos boa cara a todo isto, deixo aquí este vídeo e esta canción que sempre me gustou, dende neno, na voz de Sylvie Vartan, na miña opinión quen mellor cantou O ritmo da chuvia. Que elas, Sylvie e a canción, nos acompañen nestes días.

Sylvie Vartan – Én ecoutant la pluie

Ás veces, a min dáme por escribir letras para músicas que me gustan e que quero. É algo do que non se dán moita conta nin críticos, nin lectores, aínda que, como sucede neste caso, porque a cousa resulta obvia xa dende o título deste poema que formaba parte do libro Miño:

O RITMO DA CHUVIA

En Oira a chuvia
sabe a flor de terra e gran,
pinga grosa
de mazá, recendo a piñeiral
son que se mira azul
na órbita do gabián.
Mansas lembranzas coma espellos
ollos de luz coma un abrazo,
o doce aloumiño que nos garda
nunca anubrará.

 

Pasádeo ben, queredevos moito e non deixedes de pensar que a vida é o mellor e o máis marabilloso que temos.