CABALOS NA TORRE DOS MOUROS

Subimos o domingo ata a Torre dos Mouros. Alí, o pasado verán, coa colaboración de varios centos de voluntarios, desenvolveuse a experiencia arqueolóxica de excavación contada en tempo real, a través das redes sociais. Dirixía o equipo de profesionais e voluntarios o arqueólogo Antón Malde. Da información e difusión ocupouse Manuel Gago. Comentar que a experiencia foi un éxito no concello de Carnota, sobre todo pola explicación e divulgación da iniciativa a través das “barconferencias”.

Na parroquia de Lira todos os veciños saben a copla que fala do lugar, Torre dos mouros ou Curro do Castro:

Curro do Castro,
campo do Medio:
hai un cabalo de ouro
coa súa sela
e os eu freo.
O que queira o tesouro
que o monte 
e será del. 

De investigar a súa posible orixe e o seu significado ocupouse Fernando Alonso Romero nun capítulo do seu libro Historias, leyendas y creencias de Finisterre, apuntando a procedencia xermánica da lenda recollida na copla.

Poldras e poldros no Castelo dos mouros

Eguas e poldros no Castelo dos mouros. Fotografía Maribel Longueira

O domingo, no interior do recinto murado do curro, pacían os cabalos. Un macho, sete eguas e dous poldros de poucos días. Un deles case non se sostiña nas longas patas e amosábase torpe, doada presa para os lobos que aínda señorean estas terras. Os dous procuraban os tetos das nais. Maribel disparou a cámara con emoción varias dúcias de veces. Eu lembrei o poema “Cabalos” de Méndez Ferrín, que forma parte do seu libro Estirpe, a el pertencen estes versos:

……………………………………………
polas húmidas provincias do seu sitio de femia
e eu o cabalo cheiro reverenciosamente
os visgos seus de dona das poulas dilatadas
das górguas recendentes a tomelo e fiuncho

 

das corgas de abrevarmos nas rexeiras do sol
das gallopadas loucas cando intervén o lobo
e a grea se recolle ao abeiro do sucastro
mollo daquela as nefras na urina
…………………………………………….
Advertisement