CINES DE GALICIA E CINES DA MEMORIA

Enredei estes días co libro Cines de Galicia, de José Luis Cabo Villaverde e Jesús Ángel Sánchez García, publicado pola Fundación Barrié o ano pasado. Moi ben editado, como todos os da Fundación, o libro ofrece unha boa aproximación ao que foi a arquitectura dos soños (metáfora dos propios autores), dende aquela que acolleu as primeiras sombras chinesas ata as modernas e despersonalizadas salas dos centros comerciais, con especial referencia aos tempos nos que os locais de exhibición foron eixo da vida social, nese período máxico do cine comprendido entre as décadas 30-60 do século pasado, cando o cine era referencia principal da xente, un tempo no que a escuridade da sala permitía, seguindo o camiño da luz, fuxir en liberdade da grisalla proposta vital e represiva do franquismo.

Remata o libro cun inventario de todas as salas que foron e das que aínda son. Nel atopo as fichas dos cines da miña vida, aqueles nos que traballou meu pai e nos que medrei, os que recollo na novela A noite branca: Xesteira en Ourense e Yago, no barrio da Ponte. Quizais, en xustiza, debería incluir o tamén ourensán Teatro Losada.

O Xesteira e o Yago non ocupan moito máis espazo que a ficha do inventario e dáme mágoa, sobre todo polo Xesteira, que no seu momento foi un acontecemento pola súa capacidade e polas características técnicas da sala, así como polo vestíbulo, cun aforo de pé semellante ao que tiña o cine en número de butacas. Pero é que a información ofrecida no libro tampouco non é exacta, sobre todo no que se refire á apertura do local.

Coincidiu esta lectura coa achega dun amigo, que me enviou un recorte de prensa de “La Hoja del lunes” de Ourense, do 31 de marzo de 1952, no que un fragmento dunha entrevista co escritor Manuel María, aparece enmarcado pola programación das salas que había naquel tempo na cidade. A entrevista a Manuel, feita por Costa Clavell, tamén merece lectura.

Como depositario da información que recolle a historia do Xesteira, e ao fío destas casualidades, anímome a ofrecer, nunha próxima entrega, a información que eu teño sobre el.