RESINA DE POLIÉSTER, CORREA CORREDOIRA

Fomos á presentación do novo libro de Xabier Correa Corredoira, titulado Resina de poliéster e publicado por Baía Edicións. Acolleu o acto, no que tamén participaban Lino Braxe e os músicos Miguel Ladrón de Guevara e Ismael Bardei, a galería Monty4. Viñeron canda nós Stella e Níels, os amigos islandeses que nos visitan estes días. Foi para eles unha experiencia fascinante, pola cantidade de xente que congregaba a presentación dun libro de poemas e pola forza creativa de Xabier a quen descubriron tamén como pintor. Aproveitando, faleilles de Elías Portela ou Elías Knorr, o poeta nacido no Morrazo, pero que hoxe é unha das voces máis singulares da poesía islandesa e de quen me gustaría falar máis devagar outro día.

Fomos de presentación, pero nós xa sabiamos do libro porque hai dez días atopamos a Xabier na esquina da rúa da Torre co Campo da Leña e falounos del e recitounos algúns dos poemas que sabe de memoria e fíxoo, xa daquela, coa paixón que Xabier pon en cada cousa da vida. Onte recitou e deixouse levar por un blues ben compasado que improvisaron os músicos xa contra o final.

Resina de poliésterResina de poliéster. Di el que ese é o material máis cabrón, máis agresivo e máis perigoso daqueles cos que traballa no estudio. Para el, este tempo canalla que habitamos, a densidade da agresión que sufrimos, as emanacións nocivas das palabras e dos discursos que escoitamos cada día, son como resina de poliéster. Velaí a razón do título, velaí a xustificación do libro. Digamos que é este un libro necesario, polo que ten de denuncia, de resistencia e, sobre todo, pola forza que tamén é desexo e que, quizais, contaxie en nós a necesidade xa non de sobrevivir, senón de combater.

De mostra van dous poemas. Un polo que veño de comentar, outro porque fala de baleas e… niso ando.

DO REGRESO DA PALABRA POBO
depende a melloría da terra.
Pasamos as tendidas correntes
e as cordilleiras exaltadas
co territorio enrodelado
na caluga. Arrastramos sombra
entre lumes tras carne divina
coa que acadar mover a morte.
Mais fracasamos ao someter
os animais e o cereal
á cultura; a muller con himen
e a terra acaeron dominio
privado, herdade de príncipe
que dispón clases e arreda
escravos tras muro eléctrico
que só a república mundial
deitará co abalo do trigo. 

———————————————–

AUSCULTAS CO FONENDO A TERRA
coa man colles o pulso na falla,
a fogaxe do monte cinsento,
apalpas ganglios polos ríos
e tensión nas carnes abertas;
no iris do abismo albiscas
cemiterios radioactivos,
a túa ollada clínica chega
ás fístulas da estratosfera,
entendes o canto das baleas…
Es moi capaz de morrer por elas.
Es quen Zaratustra reclamaba:
O que virá detrás daqueloutro
que pestanexaba preguntando
Que é amor? E unha estrela?

Unha opinión sobre “RESINA DE POLIÉSTER, CORREA CORREDOIRA

Os comentarios están pechados.