O CUCO

O outro día, en Santa Mariña de Corcoesto, o lugar no que pretenden explotar esa a mina de ouro e de veleno, mentres xantabamos baixo a carballeira, falei co meu amigo Xacobe Meléndrez do canto do cuco. Comentei eu que había anos que non o escoitaba en Oira nin el Lira. Chamounos a atención non escoitalo alí, lugar de bosques e pastos, en mediodía anubrado. Tamén el reparara no silencio do seu canto nos bosques de Cecebre, onde vive.

Días despois, cara ao mediodía, nunha mensaxe ao móbil, Xacobe informábame de que, mentres me escribía, o cuco cantaba en Cecebre. Con todo, dáme a min a impresión de que o cuco é especie en regresión, unha máis das moitas que padecen os cambios no clima que algúns aínda negan.

Quizais non sexa esta a especie máis querida, por aquilo de que pon ovo en niño alleo e deixa que sexan outras especies: carrizo, lavandeira, azulenta, papuxa das amoras ou paporrubio, os que choquen ese ovo de tamaño maior, pero semellante en cor ao da especie parasitada. Malia isto, o cuco é paxaro importante na nosa tradición cultural. En Lira, o canto do cuco medía o tempo de explotación do ourizo e, dende nenos, contabamos a repetición da cucada para saber os anos que teriamos de vida.

De cativos, miña nai contábanos a historia retranqueira do cuco que foi convidado a participar na sega. El respondeu que se facía sol, tería que se poñer á sombra; se estaba anubrado tería que cuquexar, polo que, de chover, iría.

Di miña nai que son moitas as especies que bota en falta, entre elas o cuco, a bubela ou o reiseñor. Acaso conveña invocalas para que volvan, por iso vai esta peza musical, a conferencia dos paxaros, Conference of the birds, de Dave Holland, que lles escoitei tocar no bar-concerto Filloa, non hai moito, a esa formación histórica de jazz, composta por esa república de homes libres, coma paxaros, que son: Fito Ares, Bernardo Martínez, Ildefonso Rodríguez, Antonio ou Toñito Ferreiro e o batería Fernando Lamas.

2 opinións sobre “O CUCO

  1. Tamén eu boto moi en falta o cuco. Ata hai tres anos, escoiteino con frecuencia, pero desde aquela xa moi ocasionalmente. Téñoo asociado a momentos fermosísimos da miña vida, e a súa confianza nos máis para lle criaren os fillos paréceme un toque moi choqueiro de liberdade.
    Apertas

    Gústame

  2. Hai ben anos Chisco presentaba a miña primeira exposición en Ourense e falaba de esa afición compartida, a ornitoloxía, e de que uns días atrás pareceralle escoitar un rosiñor mentres paseaba ao Sil polo campo de Marte. Lembro que no meu turno de retruque o calificaba cariñosamente de ovnitólogo, por aquelo dos paxaros non identificados que as veces nos gustaría, entre dubidas, estar vendo ou escoitando. Isto ven ao conto co canto do cuco que escoitei nídiamente o outro día, máis a chamada non foi dende Cecebre -xa me gustaría- a fixen dende a Serra da Loba, onde fun gravar uns videos para unha colaboración no Festival de Musica do Corpus de Lugo, no que os proxectei mentras profesores do Conservatorio interpretaban “Tierkreis” de Karlheinz Stockhausen.
    Seica algún gran oritólogo le neste blogue e non quixera que tirasen dun dato fenolóxico mal ubicado.
    apertas

    Gústame

Os comentarios están pechados.