RAMÓN OTERO PEDRAYO

Infatigable, meu amigo Xosé Manuel segue na procura de materiais curiosos e históricos. Agora deu con este artigo que publiquei no ano 1986 no xornal La Voz de Galicia, naquel suplemento mítico para moitos, iniciado por Luis álvarez Pousa e, daquela, coordinado por Arturo Lezcano.

Falaba eu de Otero Pedrayo. Dáme a sensación de que hoxe, Otero, está moito menos presente entre nós que entón, cando Carballo Calero denunciaba a súa pouca presenza na vida cultural galega. E é mágoa, porque a súa literatura é lugar onde aprender e onde reflexionar. Para min tres dos seus libros deberían ser lectura obrigada de todos nós, penso nestes: Ensaio histórico sobre a cultura galega, Guía de Galicia e Arredor de si, sen lle facer de menos a todo o resto.

Por actitude, por coherencia, por coñecemento ou por amor a unha terra e aunha fala, Otero debería ser hoxe referencia en tempos difíciles, días nos que creban os valores, nos que sobrevivimos á corrupción, nos que enfrontamos a perda da identidade e a agonía da lingua.

No club de lectura da biblioteca González Garcés, lemos Arredor de si e O mesón dos ermos, con fortuna desigual, pero con paixón e alegría. O que observamos, conversando entre nós, é que existe un interesado preconcepto de que Otero sempre é difícil e barroco, dese xeito semella desculpado o esquecemento. E non é así, ou non sempre é así. Otero é o verbo rico e fértil dunha lingua viva e, sobre todo, é unha clara e limpa interpretaciòn da terra, da súa xeografía, do seu ser.

Vai o artigo. Hoxe correxiría a lingua, pero quizais para nada o resto. Dicir, unicamente, que no último parágrafo eu non escribín rúa da Paz, senón rúa de Santo Domingo. O cambio foi cousa de Arturo Lezcano, quen considerou que eu erraba os nomes das rúas de Ourense, xa que Otero, como Risco e como o Xocas, viviron na rúa da Paz. Pero eu empregaba ben o nome da outra, a de Santo Domingo, porque forma parte da miña memoria de infancia ver vir cara min a enorme figura de Otero, recortada contra o sol mediodía, camiñando rúa adiante, dende a Praza do Ferro. E non é esa imaxe dunha soa vez.

Premendo dúas veces sobre o artigo sae a lupa que permite ampliar e ler. A ilustración é de Xaime Quesada, publicada no libro Ourense, publicado pola Caixa de Aforros de Ourense en 1966, con textos de Otero. No libro figura cun pé que di: Ourense óllase nos espellos do Miño. 

 

 

2 opinións sobre “RAMÓN OTERO PEDRAYO

  1. Creo que neste momento a corrupción e demais lacras soamente expresan o que se viña fraguando no transcurso dos séculos. Iso fai que neste momento, no que vemos o problema, resulte máis doado solucionalo, porque sabemos con que nos enfrontamos.
    Desde logo, unha parte do traballo está en tomar consciencia, como propuñan Otero e os restantes vellos galeguistas, que nos levaron ata o punto onde nós decidimos se facemos realidade o soño ou deixamos que esvaeza sen darmos a batalla, que gañará quen resista os últimos cinco minutos.
    Unha aperta

    Gústame

Os comentarios están pechados.