CORCOESTO: INTRANSIXENCIA E DESTRUCIÓN

DESTRUCIÓN DO MILLADOIRO DE CORCOESTO – (Cabana de Bergantiños-A Coruña)

Días pasados publicaba aquí unha entrada sobre a xornada vivida en Santa Mariña de Corcoesto, en relación coas iniciativas emprendidas para tentar frear o proxecto de explotación dunha mina de ouro a ceo aberto. Hoxe vai esta nota, remitida polos amigos de Arteu, relativa á destrución e desaparición do amilladoiro que aquel día construimos-

“O pasado día 1 de xuño, como celebración do día mundial do medio ambiente convocouse en Santa Mariña de Corcoesto o “III Enarborar o Bosque”, unha romaría artística reivindicativa, na que, como en convocatorias anteriores, artistas plásticos, músicos e escritores amosaron o seu compromiso co medio ambiente. Este ano, a convocatoria centrouse na loita contra a minería a ceo aberto en Galicia, escolléndose como máximo expoñente desta ameaza o proxecto de explotación de ouro, que se pretende levar adiante na parroquia Corcoesto.

Foi unha xornada agradable onde se conviviu a actividade creadora dos artistas, obradoiros, actuacións musicais en directo, recitais de poesía e a presentación do libro Versus Cianuro, actividades nas que participou o público asistente.

Creouse, tamén, unha instalación artística colectiva contra o arsénico, o cianuro e a destrución da natureza, denominada “Milladoiro de Corcoesto”, unha proposta de Xacobe Meléndrez Fassbender, na que participaron máis dun cento de persoas que escribiron desexos, versos e diversos textos ou interviron artisticamente sobre seixos e pedras, que foron depositando nun milladoiro situado nun dos camiños de acceso á boca da antiga mina, hoxe clausurada. Entre os preto de 300 croios alí depositados, habíaos de procedencia portuguesa, mexicana ou senegalesa. Algúns eran verdadeiras esculturas cedidas por artistas de recoñecido prestixio (Artemio Lamas, Sebas Rozas, Carlos Botana, Mercedes Molares, Teiga…) e outras que contiñan texto escritos de puño e letra polos escritores alí presentes (Helena Villar Janeiro, Francisco Fernández Naval, Tati Mancebo, Iolanda Aldreu, Xesús Rábade Paredes ou Ramiro Torres)

Os milladoiros, outeiros de croios acumulados como testemuña de paso ou de ofrenda en determinados lugares, son práctica antiga, quizais de orixe celtíbera, comunidade que ía deixando seixos nas encrucilladas e outros lugares de simboloxía especial.

Practicouse e practícase ainda en multitude de culturas de todo o mundo, dende a tribo Churingaque en Australia ate os Masais africanos, pasando polos pobos do norte peninsular, tendo un valor especial no Camiño Xacobeo e no que accede a Santo André de Teixido.

A pedra, símbolo de forza, virilidade, fecundade, persistencia, demarcación, tiña o valor de esconxurar os malos espíritos. Con ese fin foi empregada no milladoiro de Corcoesto, para afastar a ameaza do arsénico e do cianuro que, con este modelo de explotación mineira, pasará ao interior da terra, contaminará as súas veas de auga, as mesmas que nutren as nosas producións agrícolas e gandeiras e que rematará afectando ao río Anllóns e a súa ría, como sucede na actualidade nos terreos próximos as balsas que acumulan as toneladas de fuel do Prestige.

I GNORANCIA · E · V A N D A L I S M O

Estes días, a obra de arte construída entre todos en Santa Mariña, desapareceu. Intransixencia, ameaza, agresión, contra unha manifestación lúdica, creativa e pacífica, que non pretendía outra cousa que expresar, nun estado democrático, o sentir dunha gran parte da poboación diante das consecuencias previsibles deste tipo de explotación mineira.

Malia isto, a instalación vivirá na memoria, xa que será exposta, para o outono, no novo edificio do Forum de Carballo e na primavera na galería “El taller” de Santiago de Compostela, e a exposición irá acompañada dun vídeo documental que recolle os diferentes momentos da montaxe, así como un álbum fotográfico que amosará cada un dos seixos e as súas lendas.

“Enarborar o Bosque” é unha convocatoria do Colectivo arTeu (Inma Doval e Xacobe Meléndrez) e a Factoría Delideas (Delio Sánchez).

Vai a fotografía do estado do milladoiro momentos antes de ser cuberto pola última capa de pedras, imaxe de Helena Villar Janeiro.”

 

Unha opinión sobre “CORCOESTO: INTRANSIXENCIA E DESTRUCIÓN

  1. Creo que temos demasiadas rixideces en cuestións adxectivas, que nos impiden defender o esencial coa potencia real que podemos despregar.
    Parabéns pola marcha de Corcoesto, porque tivo un efecto de chamada cara á consciencia.
    Apertas

    Gústame

Os comentarios están pechados.