OURENSE: CLAUSTRO DE SAN FRANCISCO

Onte, día do Carme, visitei, coa miña nai, o claustro do antigo convento de San Francisco, en Ourense, patrimonio furtado a ourensáns e visitantes dende que o exército abandonou as instalacións do cuartel que incluían o que restaba do mosteiro franciscano. Antes, cando aínda tiña residencia alí o rexemento Zamora, a visita era posible amosándolle o carné de identidade ao oficial de garda, quen quedaba con el, devolvéndoo á saída. Logo ese patrimonio foi entregado ou devolto á sociedade civil e, paradoxalmente, nese proceso, veu o silencio, o impedimento e o abandono. Así ata hai pouco menos dun mes.

Claustro de San Francisco. Faro de Vigo. Foto Iñaki Osorio

Claustro de San Francisco. Faro de Vigo. Foto Iñaki Osorio

Moitos e moitas veces, vimos reclamando que a cidade de Ourense non pode prescindir do seu patrimonio, sobre todo do que está en mans das institucións civís e sempre poñiamos como exemplo o claustro e, tamén, o museo arqueolóxico. O claustro está, a ver conseguimos visitar de novo o edificio singular do museo, catálogo arquitectónico da historia da cidade, así como as extraordinarias coleccións que o museo atesoura.

Estrela David

Estrela de David

O claustro restaurado, aínda que con obras pendentes, luce fermoso e algo fatigado polo paso do tempo e a desidia. Desapareceron os setos, non sei se de buxo que había antes e o patio aberto, coas catro grandes palmeiras, deixouse a herba. Paréceme a min, furgando na memoria, que o número de figuras decapitadas ou mutiladas, medrou nestes anos. Pero este dano, as feridas visibles, non ocultan a súa fermosura. Edificado entre os anos 1325 e 1350, gótico pero con lembranzas románicas, ofrece tamén marcos renacentistas nas portas que se abren nos seus panos.

Home verde

Home verde

A riqueza iconográfica vexetal e animal, as figuras humanas, os seres míticos, dan vida aos capiteis, tanto polo interior como polo exterior. Chamoume a atención reparar en cousas que non vira antes, como unha estrela de David e, sobre todo, a figura dun home barbado, entre dous capiteis vexetais, que supoño representa ao home do bosque, o home verde, o Green man das Illas Británicas, Basajaun de Euskadi, Busgoso asturiano ou Numa, nas novelas de Juan Benet.

Este é un personaxe mítico, común a toda a cultura europea, que representa o ser da vida vexetal, o señor do bosque e das árbores, que vén sendo como dicir o señor da vida. Del tense ocupado o investigador Alfredo Erias. É posible ler unha entrevista con Alfredo, no blog de Manuel Gago: http://www.manuelgago.org › Home › Destacado

No libro No corazón da fraga, publicado pola editorial Everest Galicia, Suso Cubeiro e eu incorporábamos esta figura da mitoloxía do norte peninsular e empregabamos, por proximidade, o nome asturiano de Busgoso. Nunha das fantásticas ilustracións de Suso, moi escondido entre árbores e follas, como corresponde, amósase a súa imaxe que os nenos deben atopar, na proposta que lles faciamos nese libro, que tamén era xogo para compartir.

Busgoso agochado no corazón da fraga

Busgoso, o home verde ou señor do bosque, agochado no corazón da fraga