O FREIXO: NAVEGAR NUN MAR DE VELAS

A fin de semana pasada, celebrouse no Freixo, concello de Outes, o XI Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, que cada dous anos promove a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Son estes tempos difíciles, tamén para iniciativas como esta e, aínda que o número de embarcacións convocadas era menor ao doutros encontros, non foi menor a emoción de contemplalas atracadas e abarloadas no porto do Freixo e navegar a ría de Muros-Noia en días de sol.

O sábado pola tarde vivimos un acto particularmente emotivo, con dúas homenaxes, unha aos carpinteiros de ribeira do Freixo e outra, non agardada nin programada, pero non por iso menos xusta e emotiva, que foi o recoñecemento da Federación ao labor desenvolvido durante os vinte anos de encontros por Lino Lema Bouzas. Lino lembrou que hai vinte anos, no primeiro dos encontros celebrado en Ribeira, viñera o barco portugués Fe en Deus, que volveu este ano. Outra embarcación portuguesa participante no encontro foi a María dos Anxos.

O domingo pola mañá tivemos ocasión de navegar na que quizais é a última embarcación en se incorporar a esa flota de ilusión e de esperanza que son as embarcacións tradicionais galegas, o racú construido por Xerardo Triñanes no seu asteleiro de Cabo da Cruz, pensado como prototipo que amosar a aqueles que queren facer navegación a vela, tentando demostralles que unha embarcación tradicional, en madeira, é tan mariñeira e pode ter tantas comodidades como calquera das de fibra que se ofrecen por aí. O racú de Xerardo, bautizado como O Laberco, en lembranza dun tío seu, ten o seu luxo, a súa confortabilidade, a seguridade, representada polo dobre casco e, sobre todo, a fiabilidade dun barco ben feito. Habilitado para navegar a vela e a motor, o barco ten camarote con tres liteiras e cuarto de baño.

Navegamos primeiro polo Mar do Freixo, para logo, tras pasar por diante da illa da Creba, cruzar ata Portosín. Na illa xa non está a Virxe que invocaban mariñeiros e pasaxeiros do Carreto, cando recitaban: Indo polo mar abaixo/ o aire rifoume a vela/ Nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela. Chegamos ata Muros e demos volta, nunha mañá de mar amenizada polo saber gaiteiro de Pablo Carrera.

Entramos en porto acompañados pola xeiteira Nova Mariña, esa embarcación que supuxo o principio de todo o movemento de recuperación deste noso patrimonio marítimo, réplica daquela Mariña atopada na marisma de Caldebarcos por Staffan Mörling, hai agora 22 anos. Todo un símbolo, a primeira embarcación e a última, navegando xuntas, a Nova Mariña con Uxío en proa, outro símbolo.

Na homenaxe aos carpinteiros de ribeira do Freixo, descubriuse unha placa cun poema de Antón Avilés de Taramancos, ese tan fermoso, incluido no libro As torres no ar, no que o traballo dos carpinterios  propio ser do poeta:

Na outra banda do mar constrúen o navío:
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construír a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.
Que cando no remate ergan a vela, e a enxarcia
tremole vagarosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón. 

O noso corazón. Dende aquí desexarlle longa vida aos encontros de embarcacións tradicionais e bo vento para as velas das nosas vidas.

 (Todas as imaxes son de Maribel Longueira)

Advertisement

3 opinións sobre “O FREIXO: NAVEGAR NUN MAR DE VELAS

  1. Benquerido Chisco, grazas por este “Navegar nun mar de velas” tan fermoso no texto coma nas fotos de Maribel. No que a min se refire agradezo a referencia ao agarimoso recoñecemento que me fixo a FGCMF e que eu agradezo fondamente pero como alí dixen o que o mar galego se teña enchido de velas tradicionais que tanto promoveron os encontros é unha labor colectiva onde hai persoas que merecen tanto ou máis ese recoñecemento coma Dionisio Pereira, Isidro Mariño, Santiago Páramo e algún outro máis que espero que máis cedo que tarde o reciban.
    En canto ao texto un par de puntualizacións. A catraia de Esposende do colega João Paulo Baptista chamase “Santa María dos Anjos” en grafía portuguesa. (http://pt.wikipedia.org/wiki/Catraia_de_Esposende)
    A “Mariña” non foi atopada por Staffan Morling, senón por alumnos da “Escola Taller de carpintería de ribeira” de Marín. En 1991 ao comezar estes a traballar para facer unha replica da “Gitanilla” (a lancha xeiteira que Morling documenta no Ézaro e da que levanta planos) algo non encaixa polo que se intenta localizar algunha, dándose con ela nunha canle da “Birbirecheira” de Caldebarcos que tan ben coñeces. Morling participou despois no estudo e documentación necesarios para facer a replica, e hai cinco entrevistas feitas por el con diferentes persoas de Caldebarcos e o entorno nas que recolleu información sobre a construción, uso e navegación das lanchas figurando nunha delas a copla sobre o naufraxio da lancha xeiteira “Prim” (copla feita para o Entroido de 1952 ou 53).
    Apertas
    Lino

    Gústame

  2. Benquerido Chisco, grazas por este “Navegar nun mar de velas” tan fermoso no texto coma nas fotos de Maribel. No que a min se refire agradezo a referencia ao agarimoso recoñecemento que me fixo a FGCMF e que eu agradezo fondamente pero como alí dixen o que o mar galego se teña enchido de velas é unha labor colectiva onde hai persoas que merecen tanto ou máis ese recoñecemento coma Dionisio Pereira, Isidro Mariño, Santiago Páramo e algún outro máis que espero que máis cedo que tarde o reciban.
    En canto ao texto un par de puntualizacións. A catraia de Esposende do colega João Paulo Baptista chamase “Santa María dos Anjos” en grafía portuguesa. (http://pt.wikipedia.org/wiki/Catraia_de_Esposende)
    A “Mariña” non foi atopada por Staffan Morling, senón por alumnos da “Escola Taller de carpintería de ribeira” de Marín. En 1991 ao comezar estes a traballar para facer unha replica da “Gitanilla” (a lancha xeiteira que Morling documenta no Ézaro e da que levanta planos) algo non encaixa polo que se intenta localizar algunha, dándose con ela nunha canle da Birbirecheira de Caldebarcos que tan ben coñeces. Morling participou despois no estudo e documentación necesarios para facer a replica, e hai cinco entrevistas con diferentes persoas de Caldebarcos e o entorno nas que recolleu información sobre a construción, uso e navegación das lanchas figurando nunha delas a copla sobre o naufraxio da lancha xeiteira “Prim” (copla feita para o Entroido de 1952 ou 53).
    Apertas
    Lino

    Gústame

  3. Grazas a ti, Lino, por ese comentario que enriquece o que eu escribín. A verdade é que eu sempre tiven algo de lea co da Gitanilla e o da Nova Marina, que agora, para min, queda claro. Unha aperta. Chisco

    Gústame

Os comentarios están pechados.