O ALCALDE DE BARALLA E A CAUSA XERAL

Sendo neno, de maneira casual, un día descubrín que na casa había un lugar prohibido, un lugar que contiña un segredo. Na mesiña de noite, baixo os zapatos, meu pai agochaba un libro titulado: “Causa general: dominación roja en España”. Ese era o lugar, ese era o segredo.

Non sei de onde sacou aquel libro que metía medo. O da prohibición era porque nel recollíanse fotografías de corpos amoreados en fosas comúns e cabezas desfeitas logo de recibir un disparo na tempa ou na caluga. Tratábase de impedir que nós, miña irmá e máis eu, désemos con aquel libro e con aquelas imaxes que quizais, pensaría el, podían provocar en nós un trauma infantil. Non sei moi ben como dei con el. Supoño que sería un día que quedei só na casa, quizais un daqueles do verán no que estiven pechado dous meses, recuperándome dunha hepatite. Pasei moitas horas só na casa, durante aqueles meses de xuño e xullo, quizais de 1965.

Non sei se me mancou, pero o libro aquel volveuse unha obsesión. Sempre que quedaba só ía ao cuarto dos pais, abría a porta inferior da mesiña, collía o libro, retiraba os zapatos, sentaba no chan e pasaba o tempo observando aquelas fotografías que me causaban calafríos. Hoxe teño o libro comigo na casa.

Trátase, efectivamente, dun amplo resumo da causa xeral seguida polo réxime nacido do golpe militar contra a República, na que se investiga a represión levada a cabo contra os insurrectos. Alí están, entre outros, os mortos de Paracuellos del Jarama, exhumados, identificados e trasladados a monumentos da memoria ou a tumbas familiares. Tamén se identifica aos presuntos autores e dáselle publicidade os seus nomes, por suposto, sen xuízo público e sen dereito a defensa.

Exhumar, identificar e trasladar é a pretensión principal dos familiares das vítimas da represión franquista e de todos cantas asociacións e particulares os apoiamos. Tamén, se é posible, aclarar e permitir o paso da luz, sobre o procedemento, causa e responsables das execucións. Por iso non entendo e me fan mal as argumentacións dos que para impedir esa reivindicación e ese dereito, falan do mal causado pola República, xa que ese mal foi investigado baixo o amparo do estado, iso si, sen posibilidade de defensa dos inculpados. Na casa teño a proba certa de que iso foi así.

Son de familia que padeceu a represión franquista. Meu avó, por evitar a gabia, viviu un ano no monte. Logo entregouse. Non fixo nada que podamos entender como acto criminal, quizais formar parte dun grupo de homes que os días 20 e 21 de xullo de 1936, percorreron as terras das parroquias de Canedo, Cudeiro e Rivela, en Ourense, pedindo á xente que defendese a República. Ese foi o delito. Sometido a consello de guerra, acusado de auxilio á rebelión, librou da petición de pena de morte do fiscal e, finalmente, quedou libre, grazas ás testemuñas dun militar e dun crego que declararon a favor seu. Non aconteceu o mesmo con tres dos seus amigos, fusilados contra o paredón do cuartel de San Francisco.

Debo expresar a miña convicción de que ningún dos galegos perseguidos que atoparon morte ou prisión, foi autor de actos considerados delito en democracia. Debo engadir, tamén, que sinto a represión que existiu no outro lado, síntoo dende neno, dende que clandestinamente abría o libro e vía as cabezas desfeitas de homes e mulleres, todos cun número de identificación e co seu nome ao pé. Debo proclamar e aventar, por evitar equívocos, que en Galicia a barbarie foi unidireccional, que aquí non existiu fronte de guerra, nin quinta columna, só a vontade de exterminio do mellor da nosa sociedade, representada polos líderes políticos, intelectuais, artistas, mestres e emprendedores, mulleres e homes de pensamento libre, a liberdade que invocaba Georges Moustaki:

Escoitando as declaracións do alcalde de Baralla e as desas persoas que o aclaman, especialmente as dos que o aclaman, sinto temor e un calafrío –o riso do cura é estarrecedor-. Hai un vídeo no que unha voz lembra Paracuellos. Tamén hai quen increpando aos concelleiros da oposición, que piden a dimisión do alcalde, aseguran que de volver aquel tempo, eles serían os primeiros.

A dor non curou e sangran as feridas. Non abondou coa transición. A negación a investigar, exhumar, identificar e trasladar, solicitada ao estado presuntamente democrático, por todos os medios e sempre rexeitada, causa frustración e xenreira por un lado e libera a expresión do máis innobre desprezo e da fachenda máis ruín polo outro. Mentres, as manifestacións fascistas de membros do PP medran. Estes días, ao declarado polo alcalde de Baralla e algúns veciños, hai que sumar as imaxes de militantes valencianos.

Para nós só hai un xeito de deixar de sangrar e de pechar a ferida. Ninguén esquecido nunha gabia ou nunha fosa. Saber, de cada vítima, o porqué de cada morte, o proceso de execución e os executores. Exactamente o que fixo a Causa xeral, pero iso, que eles fixeron, é o que nos negan e cada día que pasa, menos tempo nos queda.

P.D. Nas imaxes do pleno, entre os que solicitan a dimisión do alcalde, portando un retrato de Alexandre Bóveda, está o que foi compañeiro meu de colexio e de pupitre, Cosme Eladio Pombo Rodríguez, cada día máis parecido a Sean Connery.

 

Advertisement