Visitei o Monte Pindo en dúas ocasións dende o incendio de setembro. As dúas veces a excursión non foi máis alá de Chan de Lamas, camiñando polas pistas. Son da opinión de que o Monte precisa descanso, silencio e tempo. Ocasións haberá de subir de novo a el polos carreiros dos soños, de percorrelo como agarimándoo, de sentir o seu magnetismo, a forza que emana das súas rochas, a alegría das paisaxes, o fungar do vento.
A primeira das veces, Daniel e eu acompañamos a un grupo de artistas que participaban no encontro Arte e Natureza que cada ano Antón Sobral organiza na praia de Lariño. Era o sábado vinte e un de setembro e ía calor. A sensación foi de que o lume non só calcinara árbores, terra, pedras, vida animal e vexetal, senón tamén o aire. O que máis nos sorprendeu foi que da terra calcinada nacían formigas e que sobre a negrura voaban bolboretas brancas. Esa tarde, Sole Pite, pintora e poeta (A véspera do silencio), pediume que nos parásemos quince minutos en Onde se adora. Nese tempo pintou esta acuarela e escribiu o poema que figura nela e que aquí se reproduce aparte:
Pegada tras pegada,
fun rachando
o absoluto silencio
que envolve a morte.
Testemuña indiferente,
o sol abrasador e a cinza
envorcándoo todo,
ata o alento.
Pegada tras pegada,
foise acompasando
o meu corazón
co teu mudo lamento.
Neste setembro, que xa é
desventura,
subín ao Pindo
en procesión doente
para deixar caer
as miñas bágoas:
tal é a ofrenda
neste lugar sen tempo,
Onde se adora.
Este sábado, case un mes e medio despois do lume, regresei ao Pedregal acompañado de María, Maribel e Lino. Subimos seguindo o Camiño dos Costados. Impresionoume ver algunhas rochas que logo da calor sufriron e sofren escoriacións ou entrecoceduras, como se a pedra padecese de soriase. Antes, pola mañá, baixando das Paxareiras, Maribel e eu tivéramos ocasión de ver acugulada no miradoiro, a palla que empregaron para cubrir certas partes sensibles e evitar a perda de terra coas chuvias destes días, moito máis intensas do que ninguén puido imaxinar, cun efecto erosivo sobre a superficie terrible. A palla está alí, como unha instalación artística impresionante, pero a sensación é de que se trata dunha iniciativa dun alto custo, xa que é levada á ladeira do Monte por helicópteros. Vendo isto, un non pode deixar de pensar que quen deseñou o plan, non ten nin idea do que é o macizo do Pindo e cal a súa dimensión.
Colocan tamén unhas barreiras que pretenden impedir a baixada de terra, barreiras semellantes as empregadas no mar para illar manchas de fuel. Todo iso nas zonas baixas, xa que non é posible facer eses traballos, agora, nas zonas altas do Monte, onde unicamente se pode acceder a pé. Camiñando puidemos comprobar que a perda de terra é brutal. A escorrentada arrastrouna polas ladeiras, depositouna nas agras, ocupou as leiras, desfixo os camiños. Eu, pensando que poñía o pé nun terreo firme con area, afundín a perna ata a metade, porque o que pisaba era lama, mestura de terra e cinza acumulada estes días pola chuvia. Como boas novas, vimos os agromos novos do rebolo e dos sanguiños, escoitamos unha chasca e vimos voar un miñato cara o sur.