O meu amigo Pepe Vera, faloume o outro día dunha película titulada: El fantástico mundo de Juan Orol, dirixida por Sebastián del Amo e interpretada por Roberto Sosa no papel de Juan Orol. Eu nunca escoitara falar de Orol, director de cine mexicano, pero de orixe galega, que emigrou a Venezuela, Cuba e, finalmente, a México, onde é considerado o peor director da historia de cine do país, pero que conta cunha filmografía que suma 57 películas. Din, tamén, que foi o pai do cine negro mexicano e do cine de rumberas, amais dun surrealista particular.
Indagando no personaxe, vexo que non existe coincidencia nas fontes. Orol era seudónimo, xa que o seu verdadeiro nome era Juan Rogelio García García. A Galipedia di que naceu en Santiso, Lalín, en 1893, mentres que a Wikipedia en castelán sitúa o nacemento en Ferrrol, no ano 1897. Non hai dúbida con respecto ao lugar e a data da morte, México DF, en 1988.
Na súa vida foi toureiro (coñecido como Esparterito), piloto de coches de carreiras, boxeador, xogador de béisbol, actor de teatro e detective privado. Sábese, iso si, que arrisca todo canto ten fundando a produtora ASPA e realizando a súa primeira película Sagrario en 1933. O éxito chegará ao ano seguinte coa produción ¿Mujeres sin alma, venganza suprema?.
El fantástico mundo de Juan Orol foi película presente en festivais, dende a súa estrea o pasado ano, obtendo varios galardóns e estes días pódese ver na televisión de pago. Velaí o making-of da película.
Este é un dos tráilers que se vén en YouTube