MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO

Hoxe quero compartir esta nova feliz: Manuel Álvarez Torneiro, premio Nacional de poesía 2013, polo libro Os ángulos da brasa, publicado o pasado ano na colección Tambo, que dirixe Luís Rei Núñez, da Factoría K de Kalandraka.

É moito o cariño que lle teño a Torneiro. Con el e con Pepe Fernández Ferreiro, comparto algúns cafés e paseos pola rúas coruñesas. Eles vense todos os días, cita cotián de dous vellos amigos, ambos escritores, ambos xornalistas en La Voz de Galicia, nun tempo no que o oficio significaba compromiso coa sociedade e coa xente, aínda, paradoxalmente, sendo os tempos máis difíciles e escuros, pero non, quizais, máis escuros.

O xurado recoñece este libro, último dos publicados por Torneiro, non o último escrito, que garda outros no caixón. Pero el ben puido gañar este premio con anterioridade, xa que títulos de calidade extraordinaria non faltan na súa longa traxectoria: Rigorosamente humano, Luz de facer memoria, Campo segado, Setembro stradivarius…, son algúns títulos esenciais na súa traxectoria poética marcada pola limpeza da linguaxe, o ritmo preciso, a sensibilidade, a fascinación pola beleza, a memoria e unha humanidade fonda e solidaria.

Este que segue é o poema do que sae o título do libro:

MOCIDADE DUN DÍA

Eras brasa e latexo,
maña en voo ergueita,
horta cabal dos anxos irmandados,
un licor conmovido, unha tormenta branca.
Eras sublime e recia de delirios,
o condado dos soños incendiado de alcances,
a gloria na firmeza dos peitos do pecado,
unha campá excedida e unha salva de rulas.

Mentres fomos en ti, que ruína xestabas?

Non sumabas pasado nin nevaba no tempo,
nunca fora novembro nos teus ritmos,
viciosamente sans, en danza arrebatada,
sufocados, mordendo un talo de estramonio,
con hábitos de deuses, retadores, campantes.
Onde estás esta tarde de arciprestes xementes,
de atrabiliarias causas e de pulsos cansados?
A que xardín te acolles e preludias?
Que poldro desbocado rebentou a pradeira,
na feliz cabalgada?
Que vermes fan memoria das mazás da abundancia?

Que consolo deixaches ao pé da túa ausencia?

Tornaremos a ti os que fomos cantores.
Tornaremos a ti cando xa non sexamos.

… mocidade dun día.

O que quizais non é coñecido é que Torneiro é quen de construír marabillosas paisaxes, unhas pintadas e outras conformadas polo debuxo e materiais diversos que xunta en collages sorprendentes. Eu son afortunado porque teño varias. Esta que vai agora é a única non enmarcada e, polo tanto, doada de compartir, pero non por iso menos fermosa. Está feita con papeis de cores diferentes e a min non me importaría nada habitar ese espazo de calma con aqueles que quero, tamén con Torneiro, a clara voz da tribo e da estirpe, escoitando os seus versos como música.

Advertisement