PRESTIGE, UNHA SENTENZA, UN ESTADO

Pensaba escribir hoxe doutra cousa máis lírica, máis musical, máis fermosa, pero sinto que debo dicir algo sobre a sentenza ditada onte sobre o afundimento do Prestige e as súas consecuencias. Deixei pasar unhas horas, asomeime ao texto do tribunal, vin moitos comentarios. Agora, pasado o tempo, quixera reflexionar e, se é posible, compartir ou dialogar sobre algo que a moitos nos deixou atónitos.

A verdade é que xa non confiaba moito na xustiza. En xeral non confío nada na xustiza da marca España. Onte foi o Prestige, antes o peche en falso do accidente de metro en Valencia, logo Garzón, dende hai semanas imos advertindo por onde encamiñan a investigación, dilixencias e instrución da trama Gürtel e as súas derivacións: cambio de mandos policiais, resolucións xudiciais sobre asuntos relacionados coas iniciativas do PP na destrución de probas. Hoxe mesmo escoitamos e lemos as conclusións do fiscal sobre a infanta.

Dende a incredulidade, un certo noxo e fastío, penso que a sentenza asinada por Juan Luis Pía Iglesias, Salvador Sanz Crego e Mª Dolores Fernández Galiño, non fai máis que facer súa a sentenza previa ditada polo corpo social da nosa comunidade, que en sucesivos procesos electorais actuou como un gran xurado popular. Hai tempo que a maioría da sociedade galega expresou o seu ditame, absolvendo a calquera responsable e decidindo pasar páxina.

Afondar na investigación procurando botar luz sobre as causas, a cadea de decisións e as consecuencias, supoñía, sen dúbida, investigar o grao de culpa de cada quen. Só era posible garantir a inmunidade dos responsables negando a posibilidade de avanzar nas pescudas. E iso fixeron. Producen rubor as afirmacións do tribunal de que logo de once anos e tantos meses de vista, non foi posible investigar nada, nin sequera o destino final da carga do buque. Ler todo o que non se investigou, resulta revelador. Penso que elas, as Sete magníficas, os sete soles que durante tantos meses alimentaron a case cen mil voluntarios, non o entenderán.

As sete magníficas. Foto Maribel Longueira

As sete magníficas. Foto Maribel Longueira

Nese sentido hai que salientar a noticia que hoxe publica a prensa, en relación coa condena millonaria á empresa Chevron por parte dos tribunais de Ecuador e a iniciativa de procurar apoios internacionais para facer efectivos os embargos alá onde a empresa teñan bens. Non todos os estados nin todas as cortes de xustiza actúan igual, porque aínda que non se consiga que Chevron pague o sanción imposta pola sentenza, é evidente a diferencia de actitude con respecto ao noso. A conclusión en Ecuador é clara: quen contamina, paga.

A sentenza do Prestige é unha mostra máis da excelencia da marca España, marca da que eu quixera borrarme. De poder non estaría aquí e non descarto afastarme en canto poida. Cada día sinto máis forte a presión, a dificultade para vivir en liberdade, a perda da condición de cidadán. Procuramos ser felices nunha sorte de exilio interior e loitamos contra a resignación, pero, ao cabo, sigo, ou seguimos, a ser cans que ladran polas esquinas, comentario que ninguén retirou, palabras ditas contra centos de miles de nós.

Expresado todo o anterior, debo dicir tamén que manteño unha relación constante co mar de Lira, un dos máis afectados entón. Imaxes coma esta que recolle o vídeo que vos convido a ver e que non son de alí, pero si da costa coruñesa, falan dun mar que loita por recuperar o pulso e con ser de novo un mar de vida. Este verán eu asistín a varios espectáculos coma este:

O vídeo anterior pertence a Carraxe Wave Produztions, tan bo nome para o día de hoxe. E para mar de vida, esta canción La mer, de Charles Trenet, que a min sempre me gustou e que vén sendo coma un brillo de ondas nun mar en calma.

 

Advertisement

6 opinións sobre “PRESTIGE, UNHA SENTENZA, UN ESTADO

  1. É triste pero certo, expresa un estado de ánimo ao que non hai que deixar medrar, podemos botar un paso atrás pero só para tomar impulso e continuar avanzando.
    aprts

    Gústame

  2. Para min, o veredito das urnas resultou moi claro: o problema non está nas organizacións políticas e nas quendas que establezan entre elas, senón na estrutura. Creo que os sucesores do fraguismo, coa bagaxe de ilusión que os levou ao poder, preferiron gozar dos privilexios, prolongar un pouco máis o despotismo e labrar os seus minifundios desde a administración herdada, tan confortable para o ego. Con honrosas excepcións, por suposto, pero, en xeral, con moitas carencias para abandeirar ese ‘Nunca máis’ da dignidade.
    Apertas

    Gústame

  3. Esta sentencia non fai máis que confirmar que o poder político que neste momento exerce o máximo poder o exerce tamén sobre a “Xusticia” que así resulta INXUSTICIA, que é o que nestes momentos sentimos unha meirande parte da sociedade.

    Gústame

  4. Pingback: A bitácora da semana (CCXXXVI): A noite branca de Chisco Fdez. Naval

  5. Onte descubrín unha nova verba:

    FAÍSCA:
    Parcela de matéria abrasada que se eleva de uma fornalha,Centelha, chispa, faúlha.

    Cintilação produzida pela combinação de fluidos elétricos; raio.

    Tudo o que se lhe pode comparar pelo brilho ou luz que derrama: os olhos soltavam faíscas.

    Palheta de ouro perdida na terra ou areia das minas.

    Coido que en cada unha de estas definicións entraría a formar parte de esta desgraza.
    **
    … cans que ladran polas esquinas …
    De poder non estaría aquí e non descarto afastarme en canto poida…

    En fin, Saude Amigo

    Gústame

Os comentarios están pechados.