XAVIER CORREA CORREDOIRA, LA GALGA E DOBLE CERO

O venres 29, na galería Monty 4, Xavier Correa Corredoira inauguraba nova exposición. Á mesma hora, no museo de Belas Artes, había tamén a inauguración dunha mostra de Xaime Quessada que procurarei ver a semana que vén.

Xavier reuniu un conxunto de obras, pintura e escultura, baixo o título Espazo a destempo, para expoñer nesta galería que el denomina claustro público. Explicábame, falando con el antes da chegada do público, que o que pretende con esta mostra é afondar nese espazo íntimo e limpo, o reduto máis forte e máis firme no que debemos atopar a forza interior para defendernos contra a agresión que sufrimos individualmente e como colectividade. Pintar como cando comezaba, coa mesma forza e coa mesma inocencia, recuperar aquela forza, a esperanza e a ilusión que, noutrora, nos axudaron a plantar cara ao poder.

No folleto catálogo inclúese un poema manuscrito seu, no que fala do espazo, e da mostra:

O punto de partida
no encontro do patio
co claustro público;
onde concorren Loaima,
Trismexisto, Góngora,
Gufú e tres tremendas
mulleres de talento.
O peixe chega á man
nun abalo líquido
O ferro pousa táboa
na que arrastra sombra
caída no aceite do
ESPAZO A DESTEMPO

Unha das sorpresas da xornada foi que a galería puxo a venda varios exemplares da revista La Galga, aquela que a finais dos anos setenta facían na Coruña os dous Xavires, Seoane e Correa e na que colaboraban Manuel Rivas e Ánxeles Penas, entre outros. Foi o pintor quen os levou para ofrecer aos asistentes, xa que conservaba varias ducias no seu estudio.

Escoitara falar desa publicación, pero non a tiña e nunca a vira, así que merquei un exemplar. Folleándoo, lembrei que tamén por aquel tempo en Ourense faciamos Doble cero, seguramente coa mesma filosofía e certa estética común con La Galga, xa que as dúas responden ao mesmo momento social e histórico. Non lembro os nomes da xente que formaba parte daquel proxecto e hai tempo que din por extraviado o exemplar que conservaba. Lembro, iso si, que as xuntanzas do consello de redacción eran na cafetería do desaparecido Hotel Miño, na rúa do Paseo e, tamén, que no primeiro número publiquei eu por vez primeira un texto. Foran, en concreto, dous, un en prosa escrito nun galego que non recoñezo e un poema en castelán. Era este un tempo no que aínda non dera nin co nome. Hai uns meses Xosé Manuel pasoume escaneada a portada e as miñas achegas. Velaí o texto en galego:

Unha opinión sobre “XAVIER CORREA CORREDOIRA, LA GALGA E DOBLE CERO

  1. A exposición fantástica, mañán espero poder vela de novo porque o día da inauguración foi case imposible aprobeitala ben, daquela disfrutei da compañía dos amigos e amigas que alá nos xuntamos. Moitas grazas Chisco polo agasallo da revista, é ben curiosa e encántame a presentación tan delicada.

    Gústame

Os comentarios están pechados.