A VIRXE DA BARCA

É a noticia de hoxe, día de Nadal: ardeu a Virxe da Barca. O retablo, do século XVII, obra de Miguel de Romay, presidido no centro coa imaxe da Virxe, ficou calcinado. Non ardeu, porén a imaxe orixinal, gardada noutro lugar da vila, senón a réplica. 

Virxe da barca. La Voz de Galicia

Virxe da barca. La Voz de Galicia

De especial devoción para as xentes da Costa da Morte, a Virxe foi cantada por Federico García Lorca, nun dos seis poemas galegos:

¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!

A Virxen era pequena
e a súa coroa de prata.
Marelos os catro bois
que no seu carro a levaban.

Pombas de vidro traguían
a choiva pol-a montana.
Mortos e mortos de néboa
pol-as congostras chegaban.

¡Virxen, deixa a túa cariña
nos doces ollos das vacas
e leva sobr’o teu manto
as froles da amortallada!

Pol-a testa de Galicia
xa ven salaiando a i-alba.
A Virxen mira pra o mar
dend’a porta da súa casa.

¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!

Hai unha gravación do poema recitado por Eduardo Blanco Amor, nunha conferencia que deu en Bos Aries sobre Lorca e os seis poemas galegos. Non dispoño dela para deixala aquí, pero si temos esta presentación que fai ao recitado deste romanceFederico García Lorca: “Romaxe de Nosa Señora da Barca”

O ano pasado levamos a Cardiff, ao congreso de Asociación Internacional de Estudos Galegos, unha comunicación sobre as virxes da Costa da Morte, todas elas crebas atlánticas, propoñendo a teoría de que algunha, efectivamente, chegase por mar, aboiando sobre as ondas, ben dende as illas Británicas ou por ser lanzada ao mar dende un barco que pasaría por diante das nosas costas. Aquela comunicación pasou a formar parte do libro das Crebas que, espero, estea publicado este ano. Déixovos agora uns fragmentos do texto:

Nas Virxes da Costa da Morte ás que se lles rende culto e ás que aquí nos referimos, advírtese un solapamento ou estratificación de referencias temporais, lendarias e históricas. É probable que todos os lugares de culto xa tiveran esa condición antes da chegada do cristianismo, producíndose unha colonización e utilización por parte do novo credo, dos espazos e dos ritos pagáns que neles se realizaban, vinculados moitos deles coa fertilidade, pasando logo a ser referencias de devoción mariana. Ergueríase no lugar un pequeno templo ou ermida, sobre a que co tempo se construirían os santuarios ou capelas que agora coñecemos. Porén, a entronización nos altares das imaxes que hoxe son obxecto de devoción, é cousa relativamente recente, producíndose entre finais do século XVI e o XVIII. 

Camiños da terra
camiños do mar
na Virxe da Barca
se veñen xuntar.

E aínda, referida á Virxe do Monte:

 Anda sobre a maruxía
pois é boa mariñeira
a barca agarda en Muxía
a que lle amañen a vela.

………………………………………………..

Chegados a este punto, quizais deberiamos lembrar que no ano 1534, durante o reinado de Enrique VIII, dítase a primeira Acta de Supremacía Real, que declaraba ao rei como única cabeza da igrexa de Inglaterra. A acta será ratificada en 1559, durante o reinado de Isabel I. Estamos no século XVI. A fractura que isto supuxo deu lugar a conflitos e guerras de relixión, que se prolongarían ata o reinado de Carlos I, executado en 1649. Oficialmente Inglaterra, e con ela Irlanda primeiro, Gales e Escocia, despois, rachan co catolicismo e a igrexa de Roma, asumindo os principios expostos por Lutero e a súa Reforma, entre eles a exclusión do culto mariano. Durante ese período destrúense santuarios, igrexas e imaxes da Virxe María. A persecución, destrución e profanación non só se produce en territorio británico e irlandés. Cóntase que Francis Drake, chegado ás costas de Galicia, arrasa a illa de Tambo, destruíndo o mosteiro que nela había, guindando ao mar a imaxe da Virxe da Gracia, que será recollida polos pescadores de Combarro nas súas redes e trasladada á ermida de Nosa Señora da Renda, onde a verá Frei Martín Sarmiento, que é quen refire a historia. Días despois, antes de atacar a cidade da Coruña, Drake fará probas de puntería cos canóns das súas naves sobre a ermida de Santa Mariña, nas illas Sisargas.

…………………………………………….

Para X. Antón Castro, a imaxe da Virxe da Barca reflicte con fidelidade, o estilo gótico de importación francesa. Considera que puido chegar a Muxía a través do Camiño de Santiago ou ben por mar, procedente de Portugal ou Inglaterra, seguindo a ruta do alabastro. Sinala el varias singularidades da imaxe da Barca, que inverte algúns presupostos doutros modelos da época. Unha delas é o feito de portar o neno no brazo dereito, sobre a curvatura da cadeira, como fai a de Flawford, da que xa falamos. É habitual nestas imaxes que no brazo libre a Virxe sosteña un cetro, como é o caso, ou un ramo de flores. Antón investigou a madeira de que está feita a imaxe e o resultado foi castiñeiro do país, da zona de Muxía. Porén, na súa opinión, isto non contradí a tese inicial de procedencia estranxeira, xa que non sabemos se a imaxe á que hoxe lle renden culto milleiros de romeiros, aquela que cantou en galego Federico García Lorca, é a primeira ou unha copia doutra orixinal anterior.

Esa característica de portar o neno sobre o brazo dereito, non se dá nas imaxes de Lira, nin na da Virxe do Monte, pero si na da Virxe da Xunqueira, tanto na primitiva orixinal, como na que se expón hoxe no templo. A primeira, protagonista da lenda, perdeuse durante o incendio que destruíu a vila de Cee en 1809, logo da batalla entre as tropas francesas de ocupación e os habitantes da contorna, apoiados polo buque inglés Endimion. Desta imaxe primitiva só se conserva unha reprodución pictórica, feita polo pintor cubano David Planas, a partir dunha estampa ou postal atopada por Rafael Mouzo nunha das súas viaxes á illa caribeña, cando era alcalde de Corcubión. Suponse que a estampa sería levada alá, no século XIX, por un emigrante da bisbarra. Quizais a imaxe da Virxe reproducida na estampa partiría dun gravado, semellante ao de José De Santos Maragato, que en 1728 recollía a Virxe da Barca, ou a da mesma virxe que ilustra o libro do pai Pascario Seguí, publicado na Historia do Reino de Galicia de 1750.

4 opinións sobre “A VIRXE DA BARCA

    • Duro é pouco, durísimo. Aínda sabendo que os días non saben de almanaques, a ver se ao dobrar o cabo do calendario e ollar o horizonte do 2014, a enerxía de todos desexando unha navegación mellor, fai que amaine a forza do temporal que se abateu sobre nós neste ano que deixamos.
      Co mellor dos desexos.
      Chisco

      Gústame

  1. Chisco: entrar na páxina de A Noite Branca para ler os teus artigos relacionados coa actualidade é un obriga (moi sa) que me propuxen -dúas veces á semana-, dende que a descubrín.
    A lectura deste artigo dáme pé para dúas cousas: darte as grazas pola túa sensibilidade nestes momentos tan importantes para Muxía e pregarte que me digas como conseguir a comunicación sobre As Virxes da Costa dá Morte (recordo cando estiveches en Cee solicitando a información sobre a Xunqueira).
    Unha aperta e os meus mellores desexos para Maribel, Daniel e ti, no 2014. Quico Leis

    Gústame

Os comentarios están pechados.