Dous discos de John Coltrane están entre os que máis me gustan de entre cantos teño: My favorite things, sobre todos, e Ballads. A este segundo pertence este tema que vos deixo: Too Young to Go Steady, como se dunha banda sonora se tratase, algo que na súa cadencia, como nun paso de baile, nos leve cara o final deste ano e que nos permita acceder ao novo cun sorriso nos labios e con calor no corazón.

O vídeo está composto por 8YASO, que non sei quen é, pero non está nada mal a sucesión de imaxes que propón.

A formación é clásica: Elvin Jones (drums); Jimmy Garrison (bass); McCoy Tyner a quen tiven a sorte de ver, hai moitos anos, tocando unha noite de verán no parque de Castrelos en Vigo e claro, John Coltrane (tenor saxophone).

Unha aperta grande a quen me acompañades nos días da vida e dende o outro lado deste espectro que é o blog.

Advertisement