MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO

O pasado mes de outubro, por encargo da revista Tempos Novos, entrevistei a Manuel Álvarez Torneiro, aos poucos días de recibir a nova de que lle fora outorgado o premio Nacional de Poesía do ano 2013, polo libro Os ángulos da brasa. 

A entrevista sae publicada no número de decembro, que chega aos quioscos estes días de primeiro de decembro. Ata agora considerei que debía manter silencio con respecto a ela, xa que a exclusiva ou primicia tiña que ser da revista, pero agora, unha vez publicada, quero compartila con todos vós, así que aí vai. As fotografías da entrevista en Tempos Novos son de Carlos Paz, estas pertencen ao arquivo de Maribel Longueira. 

Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) vén de recibir, o día 7 de outubro, o premio Nacional de poesía, polo libro Os ángulos da brasa, publicado no ano 2012 por factoría K, na colección Tambo que dirixe Luís Rei Núñez.

Torneiro publicou o seu primeiro libro, Memoria dun silencio, en 1982, cumpridos os cincuenta anos. Nun principio, alternou libros e galego e en castelán. A partir de Fértil corpo do soño, escribiu e publicou unicamente en galego.

Nestes anos atesourou premios como o Esquío (1985 e 1994), Miguel González Garcés (1992, 1998 e 1994) e da Crítica (1999). Os ángulos da brasa mereceu antes do Premio Nacional, os da Crítica Española, Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores e o de mellor libro de poesía do ano 2012 que concede a Asociación Galega de Escritores.

É doado velo tomando café e paseando polas tardes, co seu amigo e compañeiro de redacción no xornalLa Vozde Galicia, o escritor e académico Xosé Fernández Ferreiro.

Para esta entrevista citámonos nun café na praza de Catro Camiños da Coruña, moi preto do edificio que foi sede do xornal onde el e Fernández Ferreiro traballaron durante moitos anos. A través das fiestras véxoo vir pola beirarrúa. Vén con paso lento, demorado, tranquilo na luz da tarde. Vén ao encontro con paso de verso.

P.- Manuel, xa cho dixen varias veces, pero nunca está de máis celebrar: Felicidades polo premio!

R.- Grazas, pero isto foi un tsunami, algo inesperado do que aínda non me recuperei. Ata o día 7 eu era feliz e agora non o son tanto. Eu pensei que o premio sería cousa de dúas entrevistas, unhas fotografías e saír un par de veces por televisión, pero isto superoume. Hai días nos que non teño tempo para xantar e tamén me alterou o sono.

P.- Dentro dun par de meses verás as cousas doutro xeito. Manuel, recibes este premio polo libro Os ángulos da brasa, pero a min dáme a sensación de que, dalgún xeito, recoñece unha traxectoria, o conxunto da túa obra, coherente e dunha calidade poética innegable…

R.- Pero iso non o sabía o xurado, algún si, pero non todos. O libro non é nada novo no conxunto da miña obra. Xa dixen que non é o libro meu que máis me gusta. Non sei cal escollería de entre os 16 que van publicados. Tería que lelos devagar e facer unha escolma . O resultado sería o libro que máis me gustase. Agora si, eu non boto un libro adiante ata que non sinto que ten un valor superior sobre os demais.

P.- Imos ao principio. Logo de estudar, traballas como dependente…

R.- Si, traballo nunha farmacia, dende os 14 ou 15 anos, ata os 18. Logo vou ao servizo militar. Regreso e ao pouco tempo xa empezo a traballar enLa Vozde Galicia. Eu colaboraba coa Voz, mandáballes comentarios de libros. Un día chamoume o director, Francisco Pillado. Daquela íante buscar para traballar. Citoume unha tarde no despacho. Cheguei, senteime e díxome: Queres traballar con nós?. Onde hai que asinar?, pregunteille. En ningún sitio, mañá empezas, respondeu. Foron 25 anos, traballando como xornalista de mesa, que eu pouco saín á rúa -afirma, aínda que si lembra que foi un dos redactores que cubriu a información do incendio no Pazo de Meirás-.

P.- Que opinión che merece o xornalismo actual?

R.- Paréceme que antes había outro sentido dos valores. Hoxe todos falamos de xornalismo independente, pero independencia non hai moita, prima o banal, se cadra por influencia da televisión, e tamén están as directrices ideolóxicas, dos grupos económicos…

P.- Daquel tempo da farmacia e dos primeiro pasos no xornalismo, son as noites de bohemia, os grupos Amencer ou Atlántida, a relación con Urbano Lugrís e, sobre todo, a amizade con Antón Avilés de Taramancos, tan importante na túa vida e na túa obra…

R.- Si. Antón era un home sorprendente pola súa sabedoría poética. Nacera coa poesía aprendida. Lembro o día en que chegou á casa de Pepe Guillén, o presidente do grupo Amencer e dixo: Eu son poeta e veño de Noia e se queredes léovos algún poema. Era un rapaz, con  pantalóns bombachos e mirámolo con escepticismo. Sacou do peto uns papeis engurrados e principiou a ler. Pensamos que o que lía non era del pero, afortunadamente, si o era.

Non eramos asiduos. O seu grande amigo das tascas e aventuras era Urbano Lugrís. Xuntos viviron a bohemia e a penuria. Pero entre Antón e eu había un nexo, unha simpatía. Conectabamos moi ben e, pola noite, logo dos vasos e das cuncas, parabamos no portal da miña casa e líame poemas. En Noia asistín á creación de As torres no ar. Escribía na súa tasca, nunha mesa que tiña e non o distraía o ruído do bar. Tiña a paisaxe e a aldea metidas no corpo. Vivía moito o mundo labrego e mariñeiro. Falando con el sentías o mar. Sempre dixo que as tascas foran para el a universidade da vida.

P.- Tamén Miguel González Garcés tivo un papel na túa vida…

R.- Eu admirábao a el e a súa familia extraordinaria: Elvira, a súa muller, Laura, Carlos e Alberto os fillos. Elvira facía unhas tortillas deliciosas nas tardes dos domingos na casa do Portazgo, onde eu ía con frecuencia. Sentíame aceptado e como da familia, prendido da súa humanidade. González Garcés e eu liámonos cousas, poemas dalgún libro no que estabamos a traballar. Eu visitábao no xardín de San Carlos, onde estaba a biblioteca que dirixía e onde vivía. Prestábame libros e exerceu o labor de mestre. Eran épocas difíciles, sen posibilidade de acceder a libros que che interesaban. Viviamos na penuria cultural. Por el accedín a Neruda, a quen era pouco menos que imposible atopar nas librarías, el tiña varios libros e prestoumos.

P.- Hai moitas referencias literarias na túa obra: Neruda, César Vallejo, Aleixandre, Hölderlin, Valente, Ferrín… xa Concepción Delgado Corral, fai referencia disto polo miúdo no limiar de Os reinos do fulgor.

R.- Neruda, Octavio Paz e César Vallejo forman unha triloxía que a min me conmoveu de maneira especial. Residencia en la tierra de Neruda sacoume o chupete. Vallejo resulta indescritible, ás veces. Lin os clásicos: Quevedo, Góngora e os anteriores, Vixilio, Ovidio. Tamén os clásicos contemporáneos: Aleixandre, Cernuda, Dámaso Alonso, Luís Rosales e toda a xeración dos 50 que me enriqueceron e aos que sigo lendo. Pero a nómina é enorme.

P.- O primeiro libro que publicas é Memoria dun silencio, con cincuenta anos, es pois un escritor serodio… O de agardar, foi decisión voluntaria ou circunstancial? Como levabas ese tempo no que escribías, pero no que non mantiñas aínda relación co lector…

R.- Eu era moi esixente comigo mesmo. Unha esixencia de tipo crítico. Tiña que estar convencido de que o que escribía era bo. Pensei que ese libro xa non era tan malo e accedín a publicalo. O certo é que tivo moita repercusión -en 1984 Memoria dun silencio, é candidato ao Premio Nacional de poesía-. Ferrín no seu libro De Pondal a Novoneyra fala del con eloxios desmedidos.

O de non publicar non me preocupaba moito. Eu escribía e reescribía, esa era a miña preocupación. A poesía faise coa cabeza, hai moito laboratorio detrás. Os sentimentos, ás veces, aínda sendo certos e fermosos, prexudican o poema. Fai mellor a descrición dun incendio un poeta que o bombeiro que loita contra el.   

P.- Empezaches escribindo en galego e castelán a un tempo. Con Fértil corpo de soño prodúcese a decantación definitiva polo galego, opción que, ao meu ver, leva implícito unha transformación na túa poética que, sen perder o ton humano, existencial, pasa do individual a ser un dicir comunal, como se a lingua levase implícita a modificación do discurso, como se este se integrase nunha colectividade de seres presentes e ausentes que fan do poeta o que é…

R.- Iso é certo. A lingua… Eu tiña que dicir cousas do meu mundo rural que me afectaran moito, falar das xentes, dos traballos, dos sacrificios da vida, e iso só podía dicilo en galego.

P.- Nacido na cidade, pero sempre a memoria da urbe, da música, do cine (ese poema que tanto me gusta Tardes de Ingrid Bergman), convivindo coa memoria da aldea… Cal é esa aldea?

R.- Pousada de Arriba, por riba de Sobrado dos Monxes. Hai Pousada de Arriba e de Abaixo. De neno, e aínda de mozo, ía alí coa miña madriña a pasar os veráns, os meses de agosto e setembro. Vía traballar a xente, o esforzo case brutal e iso facíame pensar. Regresaba á cidade e comparaba a vida urbana coa que viña de ver na aldea. Nela coñecín e aprendín, tamén, o valor da paisaxe que se che mete polos ollos e, tamén, a coñecer o ser humano.

P.- A túa é unha poesía de afectos, na que a referencia á muller é esencial: María, Amalia, Manuela, Celsa, Dorinda… e sobre todo, Carmen, esa invocación constante en toda a túa obra e que calquera lector que se achegue de novas aos teus libros vai atopar en tantos, esa emoción que non decae. Para ese lector, podes explicar quen é Carmen?

R.- Carmen non é familia de sangue, pero débolle moito apoio, axuda, comprensión. O que sinto por ela é un amor de agradecemento. Por ela e polo seu home. Coñecinos cando tiña 15 anos e, dende entón, vivo con eles. É a miña familia, aínda que non o sexa de sangue. Unha relación que dura, sólida, tamén cos seus fillos. É un caso especial.

P.- Case todos os teus libros lle están dedicados, agás Epicentro, dedicado a Teresa Seara.

R.- O de Teresa tamén ten a súa razón de ser. Apoioume sempre moito. Ela é unha constante na miña creación. Prestoume libros, levoume a recitais que organizaba, escribiu críticas, limiares. Pensei que lle debía algo máis ca un café e dediqueille ese libro.

P.- Consideras á muller, a figura feminina como sostén da memoria?

R.- Sí, é indiscutible. A muller é o sostén da tribo. Eu dixen sempre que a Galicia fixérona a muller e a vaca

P.- Poesía de afectos, de presenzas, de amor, pero tamén de ausencias, en particular Pilar, a nai de case nunca…

R.- Morreu con 24 anos, tísica. Eu tiña tres. Non a coñecín. Sei dela moi vagamente polo que me contaron. Non conservo imaxe na memoria, nin fotos. Unha ausencia brutal. Escribín moito sobre o que doe a ausencia e o que imaxinas que puido ser. Ás veces penso que debería escribir máis sobre ela.

P.- O elevado ton lírico dos teus versos non impide, nin oculta, un inquebrantable compromiso coa xustiza e coa memoria histórica. Neste Os ángulos da brasa están, por exemplo, poemas como Paredes (mortos arreo e con todo posto/ nunha hora antes das primeiras luces) Aquí (maldigo en sombra e cuspo/ enriba da diadema da vitoria) ou algún no que falas dese espolio inxusto dos desafiuzamentos…

R.- Eu era mozo e escoitaba as historias terribles dos paseos, do franquismo. Sabes iso e recibes unha impresión tan enorme que penetra, afecta e rabuña tanto que queda para sempre. Perdemos a guerra e perdemos a posguerra. E claro, foron 40 anos con iso e ves como viviron tantos, que iso remata tendo un reflexo na poesía. Ao mínimo descoido aparece e eu non o rexeito. Alguén pode dicir que Torneiro anda coa poesía social e a min non me importa e, cando me peta, volvo a ese tema que foi duro e canalla. Agora, tes que darlle un acento lírico, non é unha mensaxe sen máis, é poesía.

P.- Na túa obra a música ten un valor esencial, non só por ser referencia permanente, creo que poderíamos facer unha nómina completa de compositores clásicos, pero tamén está o jazz (Coltrane), o tango, e de instrumentos, pero o importante é ese ritmo perfecto, a música interna do poema…

R.- A música acompañoume moito. Eu non escribo acompañado de música, pero escoitei moita música A música é a arte das artes. Quixera ser músico e saber tocar o violín, como quixera ser pintor. En realidade somos soños incumpridos. A música do poema vén de dentro. Aprendín en autores que tiñan nos seus poemas moita música, ás veces lelos é como escoitar unha sinfonía. Pero a música non é unha obsesión. O poema nace cun ritmo interno que logo se desenvolve e vaite levando a escribilo enteiro ou unha gran parte. Non teñen porque ser versos medidos a propósito, non. É coma un río que pasa, unha melodía, un ton.

P.- Falando de música, en Setembro Stradivarius lemos un verso no que dis que somos dun país condenado ao imposible…

R.- Si, somos así. Quizais porque somos un país que soñou demasiado e non todos os soños son posibles. Pero iso si, o día que non soñemos estaremos mortos. O soño é o que queda, o que ninguén nos pode quitar.

P.- Outra cousa que me fascina da túa poesía, tan limpa e brillante, tan melódica e fondamente humana, é o emprego dos adxectivos, un uso leve e sorprendente pero que amplía e transforma os significados sen que nos decatemos de que están aí (felpa fusilada, mel lento, noite cereal).

R.- Iso vén de Neruda. Emprego unha linguaxe que me aproxima moito a el. El era un mago que escribía esas cousas como se non sucedese nada. Lelo tanto foi como fertilizar un campo que agora dá froitos.

P.- A alegría de vivir e a nostalxia das perdas, a memoria, son elementos permanentes nos teus libros, nos teus poemas. A memoria camiña connosco levándonos da man coma se fósemos nenos… nese verso están eses elementos: a infancia, a man querida que nos guía e protexe, a lembranza…

R.- A memoria é a miña intendencia, o que me alimenta. Hai xente que escribe e que non ten pasado. A min gústame que digan: mira Torneiro, viviu e ten pasado. A memoria é o que son e espero que non se me vaia a alma.

P.- A palabra “brasa” co mesmo significado de vida, xuventude, destino, co que aparece agora neste Os ángulos da brasa, xa aparecía nun verso do primeiro poema de Desnudo en barro, e reaparece en Setembro Stradivaius.

R.- Brasa é palabra fundamental. Vale para prender e quentar, aínda que tamén queima e abrasa, pero é algo vivo sempre, ese é o valor que lle dou a esa palabra.

P.- Nun poema de Luz de facer memoria, de 1999, falas dun tempo durísimo… é así este tempo?

R.- Durísimo, si. Segue sendo inxustamente duro. Vivimos nunha sociedade canalla, civilizadamente desalmada. Están matando os valores. Poñen por diante a derrota, a desolación, o fracaso, fan que nos sintamos pequenos e humillados, continuamente. Matan a vida en favor do mundo e iso non debe ser así. A vida é unha cousa e o mundo é outra. A vida dáse no mundo, claro, pero non son o mesmo.

P.- Entregarse ao dominio do silencio… quizais o máis necesario logo destas semanas de vertixe, nas que semella que non es dono de ti… porén, ti tes obra escrita, pendente de publicación…

R.- Si, hoxe mesmo rematei un novo libro e chamáronme agora da editorial Visor para publicar Os ángulos da brasa en edición bilingüe galego castelán. Antes había que buscar editor, agora virán buscar os libros á casa.

P.- O grande amigo Xosé Fernández Ferreiro, de onte e de hoxe, amigo común que compartimos, rematamos con el esta conversa?.

R.- Amigo de case toda a vida. É difícil pensar que existiu vida antes de Pepe. A nosa é unha relación fermosa. Traballamos xuntos no xornal e agora vémonos cada día. Alegrouse co premio máis ca min. Estaba vibrante e exaltado.

Vén a noite. Marcha con présa, aínda ten que ir á aldea. Quedamos para vérmonos con Fernández Ferreiro, tomar café no lugar habitual, falar de todo e pasear polas rúas da cidade.