Edward Thomas

Onte demorei un minuto escaso diante da televisión, cando no Intermedio  ironizaban co resultado do debate parlamentario. Debo dicir que vendo os rostros sorrintes e fachendosos dos membros do goberno e do partido que o respalda, sucumbín a un sentimento que non era exactamente indignación e que definiría como cólera. Sentado a miña beira estaba Daniel, o meu fillo, sen traballo. Todas as mañás acudo a unha oficina na que tramitamos expedientes de conciliación en materia laboral, despidos e salarios, basicamente. Se o ano pasado, batindo récords, abrimos pouco máis de 7.000, este ano, aínda non finalizado febreiro, acadamos o número 1.203, polo que a proxección anual nos levaría aos 7.500. A nómina, en xaneiro, baixou de novo. Cando non é por unha razón, é pola outra, pero pagamos máis por case por todo.

Hoxe decidín que non podía enlamar niso, aínda que a realidade me afecte, aínda que nos oídos e nos ollos sobreviva coma insulto, o eco dos risos e aplausos parlamentarios. Nunca se aplaudiu tanto, di hoxe o xornal.

Así que busquei acougo nos versos. Leo estes días a Edward Thomas, o poeta inglés morto en Francia, nas trincheiras da I Guerra Mundial, da que tanto se falará este ano. A edición que me acompaña é a bilingüe e estupenda de Linteo. É un luxo ter en Ourense unha editorial como Linteo, tanto polo catálogo que nos ofrece, como pola calidade das edicións. Cada mañá, mentres almorzo, procuro ler dous ou tres poemas de Thomas, primeiro en inglés e logo na tradución feita por Ben Clark.

Souben de Edward Thomas por Fernando Pérez Barreiro, do que tantas veces falo neste blog. Foi el quen me achegou a ese escritor descoñecido para min, contándome que había moitas semellanzas entre el e eu, e para min, só que o pensase, non deixaba de ser unha honra. Falaba Fernando do gusto de ambos por escribir de certos aspectos da natureza; de observar os paxaros; de reparar nos cambios das estacións. Thomas está considerado un war poet, quizais porque foi vítima da guerra, xa que tampouco non son tantas as referencias que hai ao conflito bélico nos seus versos e, cando as hai, sempre están referidas ao impacto que esta ten sobre a vida da xente e sobre a natureza. Escritor durante toda a súa vida, os 142 poemas que forman a súa obra poética completa foron escritos nos dous últimos anos.

Quizais nos parece que vivimos nun mundo sen guerra, pero hoxe os xornais lembran o incremento de conflitos no mundo, moitos deles silenciados, velaí: Afganistán, Siria, Pakistán, Irak, Malí, República Centroafricana ou a guerra sórdida de México. Así que, pensando que non están de máis, van estes versos del, pero anuncio outros, xa que me gustaría compartir a súa compañía a partir de marzo, que el ten poemas para cada mes, para cada serán, para cada momento e, ademais, vexo nel un antídoto contra o insulto e contra a cólera.

Estes son os últimos versos do poema titulado “Tarde de febreiro”, coma esta de hoxe, primeiro o orixinal, logo a versión de Clark:

Time swims before me, making as a day
A thousand years, while the broad ploughland oak
Roars mill-like and men strike and bear the stroke
Of war as ever, audacious or resigned
And God still sits aloft in the array
That we have wrought him, stone-deaf stone-blind.

El tiempo nada ante mí, haciendo de un día
mil años, mientras el ancho roble del campo arado
ruge como un molino y los hombres golpean y soportan el mazazo
de la guerra como nunca, audaces o resignados, 
y Dios aún está sentado allá en los cielos,
con la magnificencia
con la que lo hemos supuesto siempre, completamente ciego y sordo.
Advertisement

ARTIGO DE CARLOS ARIAS

Carlos Arias, quen moito participa neste blog cos seus comentarios, escribe cada semana un artigo na edición dixital de El correo gallego (http://www.elcorreogallego.es/opinion/ecg/carlos-arias). Procuro lelo cada semana pero hoxe, ademais, quixera compartir con todos este artigo, moi próximo, na miña opinión, a unha reflexión miña sobre o poder da palabra, coa que acudín, un día de hai algo máis de dous anos, ao centro de saúde de Mariñamansa.

Aquí estamos os dous, con Yolanda Castaño no centro, o día de presentación das tres antoloxías de poesía sentimentalista en Santiago de Compostela, xunto co resto de amigas e amigos participantes no acto, celebrado na sala Bus Station Space.

CARLOS ARIAS

Psicomaxias

Está bastante estendida a idea de que unha persoa crédula que acode a un oráculo actuará de xeito que os augurios se materialicen, especialmente cando aluden a reveses. De acordo coa lóxica, as mensaxes dunha carta astral, do tarot, das runas celtas ou das liñas da man carecen de calquera relación coa configuración da realidade e o seu devir, pero o individuo déixase parasitar por unha idea e asume como inexorable que suceda. Estamos no eido das profecías autocumpridas, con pensamentos e sensacións recorrentes, que manteñen a ameaza coma se se estivese a concretar en cada instante da vida.

O misioneiro Richard Wilhelm descubriu outra dimensión, concretamente para o oráculo do I Ching, como ferramenta de autocoñecemento, a través da resposta mental que producen os hexagramas e a súa interpretación. Tamén o suízo Carl G. Jung –prologuista da versión para o alemán realizada por Wilhelm– viu interesantísimas posibilidades nestas artes divinatorias, e calquera de nós aprecia dun xeito doado que a trasfega mental que se produce cando centramos a nosa atención en algo concreto reflicte moi claramente como nos comportamos en situacións emparentadas por algunha razón con esa diana voluntaria do noso interese. Vivencias infantís, experiencias importantes, desexos profundos, limitacións inconscientes e a súa pegada saen á luz e permiten reorganizar o material do que están constituídas.

Como filólogo, pouco podo achegar a unha documentación técnica psicolóxica que segue os seus procedementos propios. Interésame sobre todo o vencello que existe entre un estímulo cargado de substancia expresiva e a mente, como resoador inacabable de mensaxes. O que esperta a pasaxe narrativa, unha secuencia dun poema ou un simple refrán paréceme comparable a outras fórmulas de intercambio intelectual ou sensitivo, cos valores específicos da palabra engadidos, e creo que forman parte dunha modelación humana que atinxe a todos os ámbitos da personalidade: a información recibida, nun sentido amplo, inflúe sobre o pensamento, o sono, a alimentación e, en xeral, sobre calquera actividade electiva.

Si vexo que a literatura, nalgúns ámbitos, funcionou e funciona como fornecedora de modelos e de patróns de conduta. Quizabes para convencer verbo de teses manexadas por quen as crease; quizabes para servir a oficialidade e darlle aos seus principios o excipiente necesario para que a masa chegue a os dixerir, pero nin as grandes personalidades creadoras, nin as persoas que integran as elites lectoras adoitan quedar nese paso inmediato, no que só existe o que o autor quixo voluntariamente pór. As resonancias e as lecturas están abertas á aparición de espazos inexplorados, á captación dos elementos sutís que acompañan o texto e, sobre todo, á desmontaxe das crenzas e das convicións, para que se produza unha auténtica evolución de intercambio, na que desaparece a fronteira entre verdadeiro e falso, para descubrirmos que cada convición ten o seu extradorso.

Con esta perspectiva (filo)lóxica regreso ao asunto dos oráculos e da posición cartesiana verbo deles. Resúltame interesantísimo que se lles recoñeza esa capacidade determinante para conducir cara a situacións concretas ás persoas que confían neles, porque, aplicada esta teoría a outros eidos, o benestar e a calidade de vida parecen susceptibles de mellorar dunha maneira moi notable. Independentemente de que consideremos o científico e o non científico como cousas verdadeiras ou falsas, creo que hai moitos ámbitos nos que se xeran mensaxes premonitorias ou que lle descobren á mente facetas ocultas ás que se acomodar.

Se o discurso da sibila ten a capacidade de levar un ser racional maduro a un episodio non desexado, por que a interpretación en clave xenética dunha liña familiar vai cumprirse soamente sobre a base mecánica das secuencias do ADN e do ARN e a súa configuración concreta? Entendo que a única diferenza estriba en que a segunda parte dunha práctica empírica que chega a resultados contrastados, mentres que a primeira actúa sobre variables supostas, incuantificables e imposibles de seguir, a través de pasos sólidos, desde a súa orixe ata o punto onde lle corresponde cumprirse ao vaticinio. Pero neste caso a consideración soamente se refire á superficie; queda á parte o efecto condicionador que nos leva a dubidar da credibilidade desta clase de prospeccións no tempo.

Se un oráculo orienta a coduta, tamén o fará un diagnóstico médico, e o paciente actuará –como xa apuntou J. M. Fericgla no seu libro Epopteia– consonte o modelo previsto para o seu cadro clínico. Deixo á parte a necesidade –creo que incuestionable– dunha práctica médica que investigue e informe os pacientes verbo do seu estado de saúde, polo menos mentres haxa unha demanda coma a que observamos arestora respecto desta rama da ciencia convencional, pero creo necesario abrirmos a intelixencia a que as cousas sucedan fóra do patrón. 

Neste plano, coma habitualmente, creo que o movemento necesita xurdir do conxunto cidadán que se beneficia dos servizos da sanidade. Polo menos, ao meu redor vexo cada vez máis profesionais da medicina que coidan a forma na que transmiten as súas observacións ou establecen os vínculos comunicativos cos seus pacientes. Á marxe disto, entendo que rexe a lei do mercado tamén nesta cuestión: prosperan as correntes que responden á demanda da clientela, co nivel de consciencia desta e co papel que decida asumir. Non se trata de que unha minoría comparta comigo a opinión, senón de xerarmos unha demanda suficiente respecto dunha práctica sanitaria como para a facermos viable, e niso andamos.

Dentro das formas de psicomaxia e da medicina, aparece tamén o efecto placebo. En literatura existen obras que producen benestar, relaxación ou optimismo, e outras que derruban os nosos esquemas. Tamén inflúen no estado vital, e o xeito no que as interpretemos conduciranos a espazos con influencia directa na bioloxía do noso organismo, sen necesidade de irmos a casos tan estremos coma o do mozo Werther, creado por Goethe, ou, no outro polo, as marabillosas pasaxes do extraordinario Juan de Ávila, pasando pola Biblia, o sufismo ou o Libro do Tao.

O efecto placebo funciona sobre o soporte da palabra, igual ca a literatura. O curioso do caso véxoo en que se fagan experimentos para comprobar a eficacia ou ineficacia dun medicamento, pero resulten bastante máis escasos os que afonden na capacidade curativa do placebo en por si. Comparto a apreciación con Rupert Sheldrake, bioquímico que trata en The Science Delusion –A ciencia ilusoria, ou, na tradución para o castelán publicada por Kairós, El espejismo de la ciencia– verbo da investigación que se realiza co que parece un recurso terapéutico dun inmenso potencial. Lonxe de intervir no equilibrio de ninguén co engano, trátase de procurar vías para espertar a capacidade autocurativa do corpo por un procedemento que envía mensaxes cada vez que se utiliza no sentido convencional apuntado.

Se desbotamos todo o que leva a etiqueta de superstición, revélansenos mecanismos moi útiles e curiosos, descubertos polos propios argumentos que desmontan a racionalidade da súa posta en escena. Pode parecernos absurdo que unha persoa crea que nunha bóla de cristal alguén lle vai facilitar o fío de Ariadna para saír do labirinto, pero, desde a mesma determinación dos conflitos internos ata os desaxustes que se evidencian no momento de facer a consulta poden dar pistas extraordinarias para reconstruír harmonicamente a maquinaria enferruxada da súa percepción e a perspectiva das situacións ás que conduce. Hai embaucadores, salvadores, tolos e aproveitados que procuran un beneficio propio sen dar demasiado ao cambio, pero necesitan formas concretas de pensamento, aperturas a solucións, mentes que realicen escollas e que estean dispostas a aceptar outras perspectivas.

No campo da psicomaxia importa pouco que Ítaca non apareza nunca: existe un camiño de descuberta, no que as persoas modulamos as nosas vidas, pero tamén teñen un papel importantísimo nas nosas relacións, na curación dos desfasamentos colectivos, na transformación dos nosos paradigmas en referencias flexibles para acadar logros evolutivos. As fórmulas resultan compatibles coa ciencia convencional, dado que esta dá a máxima expresión da capacidade humana por explorar o insondable, e, do mesmo xeito, compadécese ben co sistema de mercado, no momento no que nos facemos donos del, como axentes que o regulan consonte as súas aspiracións e necesidades.

OUTRA VEZ SINDO

Mándame Sindo novos poemas que aproveito para compartir. Xa non existe a casa que aparece nun deles, a casa onde nos viamos e onde fundamos o grupo poético Renovación. Si a cidade da que fala no segundo, labirinto que tan ben reflectiu Blanco Amor na Esmorga.

A casa familiar de Sindo en Ourense quedaba nun espazo medio rústico, dentro dun patio de mazá, case ao final de Jesús Soria, moi preto de onde ubicaron a escultura de Manuel Patiña. A min, que viña de ler poucos anos antes, todo o que atopara de Enid Blyton no mercado e na casa dos amigos, pensaba que aquel seu fogar estaba sacada dalgunha das sagas da escritora inglesa. Accedíase por un longo rueiro entre dous edificios altos con glicinia emparrada, ata chegar ao espazo con horta onde estaba situada. Eran dous os edificios, o principal, onde vivía a familia, e un máis pequeno, diante, unha sorte de almacén, cuarto de pasar o ferro, pero tamén de cuarto estar, xa que tiña mesa, cadeiras, andeis e estufa. No patio entre ambos, un parral que non sei agora se era de vide ou da glicinia que continuaba a do rueiro e da que el fala no primeiro dos poemas. Máis alá, cara o centro daquel enorme espazo entre edificios novos e altos, as roseiras e a horta. Ese edificio auxiliar e cativo era o noso espazo, sorte de casa de monecos ou merendeiro. Alí estudabamos aperturas e finais de partidas de xadrez; liamos en voz alta os nosos versos; compartiamos os poetas que cada un descubría, ou inventabamos palabras coas que lograr a música e o ritmo do poema.

Xa dixen na entrada anterior que, daquela, Sindo pintaba e non o facía nada mal. El era o noso orgullo. Nesta foto, detrás del, vese un cuadro que nos acompañaba por aqueles días, Newmalco, óleo pintado en 1971 e que o Museo Arqueolóxico incluira nunha exposición de bodegóns.

A pintura de Sindo tiña, e penso que ten hoxe, un evidente trazo surrealista e, tamén, sen que iso supoña contradición, expresionista e, a nós,  parecianos de absoluta vangarda. Rafa, o amigo común, que tamén tiña casa particular, xa que vivía no Chalé Losada, na rúa do Paseo, sempre quixo quedar con este cadro.

A CASA DERRUIDA

 Todo quedou alí, baixo a cerdeira
ao pé do pozo da glicinia
na vertixe na que rematou a infancia.
 Todo quedou atrás, ao outro lado da cancela,
nas escaleiras de mármores rachados.
Todo quedou agochado nesas pedras
por onde subían as roseiras da tristeza.
 Todo quedou no silencio das orixes,
dos pequenos cazadores de paxaros
que tentaban fuxir tras os arames.
Todo quedou no estridente corazón do odio,
no grande sombreiro dos mariachis,
no patético espantallo dos espellos.
Todo nunha longa ferida que aínda nos percorre
como o pesadelo de caer eternamente,
o soño impotente por voar.
Todo foi pechado, repartido, arrincado,
ficou tan só a sombra dunha casa
no medio da cidade e do baleiro.
E volve a cheirar a pechado,
a verniz, a flores murchas,
e ao badalear do medo.
Xa non hai reloxo, nin acios desa viña,
nin roupa de clareo sobre a herba,
nin bufardas con fendas para o soño.
Todo rematou nese cuarto
onde segue cabalgando o espectro da tolemia.
 (Para nós é o intre da fuxida.)

 

CIDADE DA NEUROSE
Alí, entre as pontes e as pedras, toda a túa cidade se encollía.
Alí, nos soportais das prazas, escoitabas a ladaíña das fontes.
Alí bebías do silencio nos pórticos das sombras.
¡Cantas veces falabas con absurda tristeza da túa lúa asasinada!
¿Lembras a nosa urbe, a urbe dos anxos de pedra?
Alí quixeras tornar nube dese abrazo,
dese abrazo chuviñoso que esmigalla os soños.
¿Lembras?, aquela era a urbe das angustias de ferro.
¿Lembras?, alí seguía, no primeiro andar, o teu niño de andoriñas,
alí, as árbores onde rincharon os cabalos.
Alí, naquel campo da feira, nos amenceres arredados,
podreceron os teus froitos.
Alí, nas barroncas, crecían tesouros
con lavas de volcáns e colas de lagartos,
… e, alí, si, alí, desbordáronse os teus ríos.
Alí ollabas a túa urbe inmóbil, escrava e dona do tempo,
coas contradicións, coa dúbida,
… con esa nada pegañenta e destrutiva,
¡tantas cousas!
Mil agarimos degorados,
mil fantasmas que odiabas e que amabas,
pero sempre era ela, a cidade teimosa,
ela,
a eterna Neurose.

DOUTOR ALVEIROS

Sei desta novidade cinematográfica e literaria polo meu amigo Xosé Luis Fernández Carnicero, músico e autor da música orixinal da película. Levar ao cine a historia de Risco, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, foi proxecto da Fundación Vicente Risco. Eu só vin este trailer que vos deixo a continuación. Non deixa de causar simpatía e de provocar un sorriso, ver a Alfonso Monjardín, vestido de época e circulando pola película de figurante, pola paisaxe urbana de Allariz.

Quizais engadir que Carnicero puxo música a 16 poemas do meu libro Mar de Lira. Músicas fermosas e suxestivas. Agora toca ver o xeito de facer diso un produto que compartir con todos.

NATUREZA E CREBAS

Hoxe erguinme cedo. O día era luminoso e almorcei axiña coa intención de saír e percorrer o litoral cara o sur, dende Mar de Lira ata o faro de Lariño. Pensaba, dese xeito cubrir toda a liña de costa dende o faro ata a Boca do Río. Case conseguín o obxectivo, pero faltoume tempo, debido a circunstancias ben singulares que se explican nesta crónica.

Dende a Beirada distinguín un alca dentro de Portocubelo, pero do outro lado de onde eu estaba, así que encamiñeime cara o espigón, para confirmar a observación e averiguar en que estado se atopaba, logo da desfeita de onte. Efectivamente era alca e pareceume que estaba ben de saúde, descansando, quizais, dentro do porto, logo da fatiga extrema destes días. Continuei ata a punta do muelle e alí agardaba por min unha das sorpresas do día. Entre o muelle e Pedra Pas (as pedras que dan nome ao bar) varias ducias de golfiños comían, saltaban, xogaban, nun espectáculo marabilloso, sobre todo porque estaba mesmo sobre eles e a moi poucos metros. Tirei fotos co móbil, pero non creo que percibades nada, aínda que, podo asegurar, que nesta imaxe saltan tres, aí, diante da onda central, á esquerda da pedra.

O día, marabilloso de luz, ofrecía un agasallo tras outro. A observación de aves vivas era completa: alca, miñato, merlos, lavandeiras, escribenta liñaceira, os dous corvos mariños, as tres gaivotas, garzas, ostreiros, mazaricos, volvepedras, mascatos, rabirrubio tizón, corvos, chascas, pardais, pirlo bulebule, píllaras…

Antes de chegar a Porto Balea, un coche da Televisión de Galicia atascado na lama ocupaba o camiño. Pola xanela vin un folio sobre o asento dianteiro: Vara en la costa de Lira una estación meteorolóxica procedente de Miami. Alá fun. Varias televisión, protección civil, persoal do 112 e a estación varada sobre as rochas, á beira da toma de auga limpa da piscifactoría. A estación, contáronme, desprendérase do morto que a sostiña firme no mar, hai cousa dun ano, tempo no que cruzou o Atlántico ata arrombar esta noite na beirada.

Como enredara coa alca, cos golfiños, coa estación, só puiden chegar ata a fonte que construíron, en homenaxe ás xentes de Lira, os voluntarios de Castela León, cando foi do Prestige, algo máis alá da áncora que lembra o naufraxio do Ariete. Hoxe o espazo da fonte está abandonado e un non pode deixar de pensar que é por desidia, xa que ata aí non penso que chegue a crise, aínda que si pode valer de desculpa.

Vin crebas singulares, aínda que non tanto como a estación, e aumentei o inventario de animais mortos: 1 alca como a que vira no porto, 4 frailecillos e 4 cetáceos, penso que golfiños. Destes din parte ao 112. Tamén moita medusa azul, -xa as vira onte en Carnota-, e un mariñeiro comentoume que en Lira dinlles “caveiras portuguesas” e que teñen moto veleno.

Como as botas de camiñar e contra a auga non secaran da camiñada de onte (entroulles auga ao cruzar de volta o río de Mallou), calcei as de goma e media cana, tipo “El pocero”, que desa marca eran as que mercabamos cando me iniciei nisto dos paxaros. Con ese calzado, volvendo e pisando sobre madeira, esvarei dúas veces e batín con todo o corpo contra o chan. Agora sinto todo descolocado, dende a cabeza ata os pés, aínda que sen lesión grave. Iso si, entre un escorregar e outro, observando o mar dende o paseo de madeira que une a Beirada e Mar de Lira, pareceume ver, na Foz de Carnota, unha parella de colimbos ou mobellas árticas, o paxaro que busco cada ano entre xaneiro e febreiro. Estaban lonxe e non o podería asegurar, pero logo de velos tantas veces, penso que a observación é certa.

Falando de certezas, o venres entrou na imprenta o libro das crebas. Mañá procurarei parar o proceso e ver se aínda é posible incluír unha nota que informe desa gran creba que é a estación meteorolóxica de hoxe.

PAISAXE DE BATALLA

Hoxe, tras mes e medio de espera, atopeime con mar de inverno. Nestes últimos días botábao en falta, afeito a convivir con el todos os anos. O que atopei no paseo que vai dende a casa en Sestelos ata a Boca do Río, foi un mar desatado e salvaxe, unha natureza vencida polo vento e pola auga, a visión dun territorio familiar vestido hoxe dunha desacougante beleza.

A praia transformada

A praia transformada

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

Antes xa María me puxera ao tanto. Mal ano, dixera, cinco mortos na parroquia e dous barcos perdidos, un deles o da confraría. Si, o Novo Belay, o que quixo ser abandeirado do proxecto Mar de Lira, un vello pesqueiro de Fisterra, adquirido e restaurado para navegar de novo, agora con outra función, habilitado para facer turismo, para levar viaxeiros, tamén persoas con discapacidade. Fixéramos nel, no verán do ano 2011, unhna viaxe inaugural, de Lira a Caldebarcos, logo toda a Costa das Crabas e o Pindo, pasando por diante das Lobeiras. Isto é o que resta del.

Paisaxe de batalla, pero aínda non despois da batalla. Moita natureza morta: medusas, paxaros, cetáceos. Atopei os corpos de 6 araos e 4 frailecillos. Un dos araos aínda vivía cando o atopei. Deixouse coller e procurou a miña calor. Fíxenlle un niño mentres buscaba algo para protexelo ata a casa, porque chovía e non tiña onde metelo. Cando volvín xunta del, xa estaba morto.

 

 

 

 

 

 

 

 

PACO CAMPOS E XOSÉ TABOADA

Onte polo serán, antes do temporal que logo se nos veu enriba, acudimos ao local de Monty 4, ben preto da casa, no que fora barrio do Papagaio coruñés. Tocaban e cantaban Paco Campos e Xosé Taboada, nun percorrido por cancións de amor dos territorios atlánticos, dende Brasil a Irlanda, dende Cuba a Portugal, pasando, claro, por Galicia e Bos Aires.

Dicir que Monty 4 é un espazo moi especial, un deses locais dos que hai poucos, espazo moderno para a creatividade e o diálogo, con paredes de formigón e tubos no teito, pero decorado con obras de arte, por estar ligado coa galería do mesmo nome. As mesas todas teñen deseño diferente e baixo o cristal, exhiben obras de artistas. Contra as paredes, libros. Tamén tivemos baile de tangos.

Eu coñecín a Paco Campos cando aínda era funcionario, antes de se dedicar ao teatro, á música e, agora, tamén á escrita.

Xosé Taboada é músico extraordinario, sempre disposto a nos acompañar coas súas frautas e os seus saxos en presentacións e recitais. Coñecino formando dúo con César Morán. Xuntos, Xosé e César, viñeron a Lira, no mes de decembro de 2012, a participar nos actos do 10 aniversario do Prestige.

Aquel ano, en maio, diante da provocación que supuña que o goberno municipal da Coruña non organizase ningún acto polo día das letras, unha morea de persoas, respondendo á chamada de Xavier Docampo, Lino Braxe e Olga Patiño, organizamos comandos artísticos dispostos a percorrer o centro da cidade, interpretando música, recitando ou actuando na rúa, cafés e bares. Xuntou forzas o comando no que estabamos nós co de Paco e Xosé e xuntos vivimos momentos ben emocionantes. Esta gravación que está en you tube, corresponde a unha das intervencións daquel día, no Rei do xamón. O vídeo é penoso, pero a acción non. Eu lembro esa tarde como de felicidade. Entrar nos locais, falar cos donos e co público e empezar a recitar, a contar, a cantar e a xente toda respectándonos e, en moitos lugares, participando. Ningún local nos dixo que non e algún, como ese do vídeo, ata nos quixo convidar a todos, e eramos moitos.

A AUTOESTRADA DO SUR

A música de Thelonious Monk que nos acompañou onte, trouxonos por unha cosmopista de autonautas ata hoxe, trinta cabodano do pasamento de Julio Cortázar. Hoxe, precisamente, a editorial Trifolium lanzou a tradución ao galego do relato A autoestrada do sur, o primeiro dos que formaban parte do libro Todos los fuegos el fuego.

Eu son o responsable da tradución e o que nela hai de bo, débese aos consellos e achegas de Carlos Arias, que me axudou con ela. Con este libro, Trifolium pretendía conmemorar o centenario do nacemento, que será o 26 de agosto, pero o azar, cousas de cronopios, fixo que sexa dobre a conmemoración e máis intensa a lembranza.

Ata onde eu sei, esta é a segunda tradución ao galego dun texto de Cortázar. O anterior foi o Discurso do oso, que formaba parte do Manual de instrucciones, incluído en Historias de Cronopios y de famas, publicado por Kalandraka como albúm infantil ou de adultos, que con estes libros e estes formatos nunca se sabe. As ilustracións eran do arxentino Emilio Urberuaga e a tradución de Xosé Ballesteros.

THELONIOUS MONK

Estas tardes, concentrado arredor de Cortázar, traballando baixo presión, acompáñome da súa música: Charlie Parker, Miles Davis, Dizzy Gillespie ou Thelonious Monk. Non teño costume de escribir con música, pero paréceme que, postos a dialogar con Cortázar, algunha concesión hai que facer e se non imos ter fume de tabaco, nin whisky a media tarde, nin cantos de cronopio dende o patio, cando menos que nos acompañe a calor desa música.

No tomo II de La vuelta al día en ochenta mundos, Cortázar inclúe un texto titulado: La vuelta al piano de Thelonious Monk, escrito logo de asistir ao concerto que este deu no Victoria Hall de Xenebra, no mes de marzo de 1966.

Ahora se apagan la luces, nos miramos todavía con ese ligero temblor de despedida que nos gana siempre al empezar un concierto (cruzaremos un río, habrá otro tiempo, el óbolo está listo) y ya el contrabajo levanta su instrumento y lo sondea, brevemente la escobilla recorre el aire del timbal como un escalofrío, y desde el fondo, dando una vuelta por completo innecesaria, un oso con birrete entre turco y solideo se encamina hacia el piano poniendo un pie delante de otro con un cuidado que hace pensar en minas abandonadas o en esos cultivos de flores de los déspotas sasánidas en que cada flor hollada era unha lenta muerte de jardinero. Cuando Thelonious se sienta al piano toda la sala se sienta con él y produce un murmullo de alivio…

Thelonious deja caer las manos, escucha un instante, posa todavía u leve acorde con la izquierda, y el oso se levanta hamacándose, harto de miel o buscando el musgo propicio a la modorra, saliéndose del taburete se apoya en el borde del piano marcando el ritmo con un zapato y el birrete, los dedos van resbalando por el piano, primero al borde mismo del teclado, donde podía haber un cenicero y una cerveza pero no hay más que Steinway & Sons, y luego inician imperceptiblemente un safari de dedos por el borde de la caja del piano mientras el oso se hamaca cadencioso porque Rouse y el contrabajo y el percusionista están enredados en el misterio mismo de su Trinidad y Thelonious viaja vertiginoso sin moverse… viaja a su manera, apoyándose en un pie y luego en otro sin salirse del lugar… 

Quizais esta gravación foi esa noite, ou calquera outra, pero acompañado por eles, por Julio, Charlie ou Johnny, Miles, Dizzy ou Thelonious, calquera tarde xa non é calquera tarde e un debe cruzar o río onde o oso, e o cansanzo mide o corpo doutro xeito, que xa non é fatiga, senón emoción e soño, e aí está o misterio e o milagre.

 

LUGO, CALOR E FRÍO, AO MESMO TEMPO

O venres fun a Lugo con Ali Ali e Xan Arias. Tratábase de presentar na libraría A Biblos o libro Suleiman y Salúa, publicado en árabe e castelán pola editorial Trifolium. Ïamos con esa tensión que nos acompaña sempre que participamos nun acto nunha cidade ou nun espazo que non son os nosos. Certo temor a estar sós, xa se sabe: non saíu nada no xornal, é moi  mal día que chove e que vai frío… Pero a xente da Biblos traballara ben e a nosa sorpresa foi grande cando empezou a chegar xente, nenos, sobre todo, que axiña sentaron no chan agardando por nós.

Pasámolo moi ben con eles, pero sobre todo emocionounos a presenza de varias familias da comunidade árabe, nais e nenos, sobre todo, e gustoume ver como as nais, mentres liamos o conto, pedíanlle aos fillos que atendesen a Ali Ali, que era quen lles lía en árabe. Todos as rapazas e rapaces, en especial as rapazas, participaron no xogo que lles propuxen, accedendo ao sorteo de varios debuxos de Ali Ali.

Cando rematamos puidemos falar con Mohamed Bouhamid, marroquí, profesor de árabe en Lugo. Demos un paseo pola cidade e tomamos un café, mentres charlabamos de lingua, de literatura, de xeografías e proxectabamos unha visita de Alí Alí e miña, para conversar cos seus alumnos, adultos todos.

Cando regresamos ía frío na noite húmida de Lugo, pero nós volviamos coa calor de coñecer e compartir.