LUGO, CALOR E FRÍO, AO MESMO TEMPO

O venres fun a Lugo con Ali Ali e Xan Arias. Tratábase de presentar na libraría A Biblos o libro Suleiman y Salúa, publicado en árabe e castelán pola editorial Trifolium. Ïamos con esa tensión que nos acompaña sempre que participamos nun acto nunha cidade ou nun espazo que non son os nosos. Certo temor a estar sós, xa se sabe: non saíu nada no xornal, é moi  mal día que chove e que vai frío… Pero a xente da Biblos traballara ben e a nosa sorpresa foi grande cando empezou a chegar xente, nenos, sobre todo, que axiña sentaron no chan agardando por nós.

Pasámolo moi ben con eles, pero sobre todo emocionounos a presenza de varias familias da comunidade árabe, nais e nenos, sobre todo, e gustoume ver como as nais, mentres liamos o conto, pedíanlle aos fillos que atendesen a Ali Ali, que era quen lles lía en árabe. Todos as rapazas e rapaces, en especial as rapazas, participaron no xogo que lles propuxen, accedendo ao sorteo de varios debuxos de Ali Ali.

Cando rematamos puidemos falar con Mohamed Bouhamid, marroquí, profesor de árabe en Lugo. Demos un paseo pola cidade e tomamos un café, mentres charlabamos de lingua, de literatura, de xeografías e proxectabamos unha visita de Alí Alí e miña, para conversar cos seus alumnos, adultos todos.

Cando regresamos ía frío na noite húmida de Lugo, pero nós volviamos coa calor de coñecer e compartir.

Advertisement