PAISAXE DE BATALLA

Hoxe, tras mes e medio de espera, atopeime con mar de inverno. Nestes últimos días botábao en falta, afeito a convivir con el todos os anos. O que atopei no paseo que vai dende a casa en Sestelos ata a Boca do Río, foi un mar desatado e salvaxe, unha natureza vencida polo vento e pola auga, a visión dun territorio familiar vestido hoxe dunha desacougante beleza.

A praia transformada

A praia transformada

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

Antes xa María me puxera ao tanto. Mal ano, dixera, cinco mortos na parroquia e dous barcos perdidos, un deles o da confraría. Si, o Novo Belay, o que quixo ser abandeirado do proxecto Mar de Lira, un vello pesqueiro de Fisterra, adquirido e restaurado para navegar de novo, agora con outra función, habilitado para facer turismo, para levar viaxeiros, tamén persoas con discapacidade. Fixéramos nel, no verán do ano 2011, unhna viaxe inaugural, de Lira a Caldebarcos, logo toda a Costa das Crabas e o Pindo, pasando por diante das Lobeiras. Isto é o que resta del.

Paisaxe de batalla, pero aínda non despois da batalla. Moita natureza morta: medusas, paxaros, cetáceos. Atopei os corpos de 6 araos e 4 frailecillos. Un dos araos aínda vivía cando o atopei. Deixouse coller e procurou a miña calor. Fíxenlle un niño mentres buscaba algo para protexelo ata a casa, porque chovía e non tiña onde metelo. Cando volvín xunta del, xa estaba morto.

 

 

 

 

 

 

 

 

2 opinións sobre “PAISAXE DE BATALLA

  1. Cantas crebas son anacos de soños desfeitos polo mar da vida?.
    Ogallá fosemos crebeiros capaces e sensibles para construír novos soños coas crebas do Mar de Lira. Serémolo?
    Habémolo de tentar.

    Gústame

    • Escribo hoxe domingo, de regreso, logo doutro día de crebas, pero tamén de vida. Si, as crebas son anacos de soños, tamén as nosas vidas. Supoño que construímos sobre o feito e sobre o que se estragou, sobre o que permanece e sobre o que perdemos e si, supoño que traballaremos xuntos para facer posibles outros soños, tendo en conta todo o que aprendemos deste.

      Gústame

Os comentarios están pechados.