AS CREBAS

Saíu o libro das crebas. Chegounos o venres. Resultado de tantos paseos pola beirada do litoral entre Muros e Fisterra, de tanto perdernos por recunchos do litoral da Costa a Morte, de tanta conversa e tanta información recollida, da curiosidade, do xogo, da casualidade e da descuberta. Corenta fotos de Maribel e un texto meu deron este, As crebas, outro xeito de andar ao mar, que a editorial Baía acolleu no seu catálogo, nunha colección chea de luz. Esta é a cuberta, lembranza e homenaxe a Man. As crebas, título tamén dun libro de poemas e do blog de Miro Villar. Falando delas percorremos moitos lugares e con elas iremos a Islandia, país de crebeiros, entre abril e maio. Fotos, versos e conferencia acompañada de imaxes, na compañía de Elías Knörr e de Níels Einarsson.

Onte, en Area Maior, dei con este cavaco (madeira na linguaxe dos crebeiros), que ben valería para apuntalar o tellado da casa, madeira de teca en bo estado, agardando por alguén que a recolla.

Estando xa o libro disposto para imprimir, no límite do tempo, puidemos recoller, como colofón, fóra de texto, a imaxe da estación meteorolóxica que apareceu en Lira o mes pasado, procedente de Miami e que xa foi comentada nunha entrada anterior.

Espero que esta achega nosa axude a ollar ese mundo con curiosidade, porque del tamén se obtén información e por el aprendemos cousas. Hoxe a maior parte das crebas son lixo e sobre iso deberamos tomar consciencia. No libro fálase das illas artificiais formadas pola acumulación de moléculas de plástico nos lugares dos océanos onde conflúen as correntes. Gustaríame que este noso dea outros moitos libros, porque a súa vocación deste non é esgotar nada, senón abrir e dialogar.

 

Unha opinión sobre “AS CREBAS

  1. Regresan os nosos detritos cargados de beleza. Os plásticos rotos lémbrannos que xa somos 7000 millóns á procura dunha convivencia posible; os cristais luídos traen ao tacto e unha cor para extasiarse. As madeiras, os restos de seres vivos, os fragmentos de abandonos regresan ao ciclo, alá onde a mirada infantil dexerga tesouros.
    Apertas, e parabéns polo novo libro.

    Gústame

Os comentarios están pechados.