SANTA COMPAÑA

No ano 1895, Jesús Rodríguez López publicaba un libro titulado Supersticiones de Galicia, obra pouco coñecida hoxe, pero que no seu momento tivo a súa importancia, causándolle serios problemas coa Igrexa. O libro deu para unha segunda versión en 1910 e, en 1943, a editorial Nova, fundada por Arturo Cuadrado e Luís Seoane en Bos Aires, publicaba a edición arxentina. Eu teño unha edición, facsímil da de 1910, publicada en Valladolid no ano 2001.

O libro é de moito interese para quen sentimos curiosidade por estas cousas, en particular polo xeito en que enfronta o mundo galego das crenzas tradicionais e das supersticións, vinculándoo ao mundo celta, pero ten, tamén, a súa graza, sobre todo cando vai cualificando os escritores que cita, así vemos que Añón é eximio, Victoriano Novo y García é notable, Alfredo Brañas merece o recoñecemento de inspirado, Ubaldo Insúa de correcto. É este último quen refire que a Compaña rolda por camiños e encrucilladas.

Vén todo isto a conto porque Edward Thomas, no poema “Roads” (Camiños) ten estes versos: The larger companies,/ That by the roadside be,/ And beneath the rafter/ Else uninhabited/ Excepting by the dead;/ (As numerosas compañas/ que están xunto os camiños/ e baixo as trabes/ deshabitadas/ agás polos mortos). Neles eu aprecio unha clara referencia á Santa Compaña. E non sería estraño. Fernando Alonso Romero, no libro El mundo de los muertos en Galicia y en el folklore del occidente europeo, recolle a tradición escocesa, galesa e irlandesa, das ánimas percorrendo os camiños,  de maneira moi semellante a como sucedía (non sei se aínda sucede) aquí.

Continúo esa lectura lenta e intensa dos versos de Edward Thomas, na edición bilingüe xa comentada de Linteo, que recolle a súa obra poética completa. Todas as mañás, no almorzo, dependendo da lonxitude do poema, leo dous, tres ou catro, primeiro en inglés e logo na versión castelán. Pero esta lectura xa non é solitaria. Dende hai semanas, por azar, Antonio García Teijeiro e eu atopámonos nesa mesma descuberta que agora compartimos, coa singularidade de que os dous levamos o mesmo ritmo, aínda que non sempre lemos os mesmos textos. Agora cruzándonos correos sobre os achados de cada mañá, comentamos aquilo que máis nos emocionou e sorprendeu e deixamos constancia deste xogo nos nosos blogs. Recoméndovos o del, Versos e aloumiños, que vén de ser nomeado candidato aos premios que cada ano concede a Asociación de escritores en lingua galega. O enlace está neste, á dereita, porque é espazo amigo.

Como ilustración, de moi baixa calidade, pero é o que hai, deixo esta imaxe na que malamente se observa o mural de Xosé Luís de Dios, pintado na parede do fondo da sala principal do bar Tucho ou O’ Volter, de Ourense, local histórico e emblemático que non soubemos conservar. De Dios pintou nel unha santa compaña da nosa identidade, que levaba por título Alegoría da porta de palla, lembrando a novela de Vicente Risco.

4 opinións sobre “SANTA COMPAÑA

  1. Outros nomes:
    La Santa Compaña es en la mitología popular gallega –y con otros nombres o el mismo en la asturiana, en la antigua región del Reino de León (provincias de Zamora, León y Salamanca) como Huéspeda1 y Extremadura, y en Castilla como Estantigua– una procesión de muertos o ánimas en pena que por la noche (a partir de las doce) recorren errantes los caminos de una parroquia. Su misión es visitar todas aquellas casas en las que en breve habrá una defunción. El mito está presente con diversas variantes en todo el contínuum cultural astur-galaico, donde recibe otras denominaciones como Güestia, Güéspeda, Estadea, Hoste, Genti de Muerti, procesión de ánimas o simplemente Compaña.

    Gústame

  2. E máis curioso:

    A pesar de todo ello, según los escritores Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa y Xosé Miranda, “la denominación de Santa Compaña es errónea, a pesar de su éxito literario. La Compaña puede ser muchas cosas, pero santa, desde luego, no”.

    Gústame

  3. Que antiguedade terán istes pensamentos.

    Para que alguén o varios se poñan de acordo para crear semellante conto e que a saber desde cando está en vigor……

    Tempos que non voltarán

    Ou si ?¡

    Saúde

    Gústame

    • Non pretendía eu outra cousa que significar esa coincidencia con algo noso, nos versos de Edward Thomas. Escribir sobre a Compaña non significa que eu acredite nela. Seguramente si debín escribir Compaña, só, sen santa, niso tanto ti como os autores do dicionario levades toda a razón.
      Cando escribín, Lendas de onte, soños de mañá, recollía estes sinónimos: Compaña, encrucillada, estadinha, avexón, estantiga, zarrulada, visión, noite, xaira, pantalla, antaruxada, bode, rolda, hostilla, visita e estadea.
      Agora ben, rematei de ler hoxe El mar interior, de Philip Hoare e cando fala dos maoríes e das súas relacións co mar, cos cetáceos, das súas crenzas, el apunta: como vou poñer negar eu algo que foi útil e lle serviu a tantos seres humanos durante tantos séculos? Algo así quería expresar eu no me comentario, ao poñer en dúbida se hoxe si, ou non.
      Unha aperta grande e grazas por escribir aquí.

      Gústame

Os comentarios están pechados.