ELENA, CREBAS, ANIVERSARIO, ISLANDIA

Hoxe é o meu aniversario e hoxe, tamén marchamos a Islandia. A miña amiga Rosa Álvarez, dende Madrid, mándame esta imaxe dun globo branco, metáfora da vida e da viaxe, di.

A Islandia imos cun proxecto fermoso, creo, no que as crebas son elemento principal. Alí Maribel expoñerá as imaxes de Xente no Medio, en dúas cidades simultaneamente, Reikiavij e Akureyri. No marco das exposicións haberá recitais no que participaremos Elías Knörr e eu. Eu, ademais, darei a conferencia das crebas nas universidades das dúas cidades. Aquí tendes a illa de Thule, o reino de Sigrid, na carta mariña de Olaus Magnus, de 1537, unha das primeiras representacións que se fixeron dela.

Este xoves pasado presentabamos na libraría Couceiro de Compostela o libro das Crebas, precisamente. Foi un acto entrañable, con amigos e cariño, no que rin moito, o que pasa é que iso de rir os propios chistes, non sei se está moi ben. Os de Couceiro fixeran un fermoso escaparate con libros e crebas. Nesta fotografía estamos Belén, de Baía, Manuel Rodríguez, xornalista e Soledad Pite, pintora e poeta e eu. Faltaba Miro Villar, que non puido acompañarnos, como estaba previsto nun principio. A imaxe é da miña amiga Malores Villanueva, que veu á presentación dende Pontevedra.

Déixovos aí ese enlace para poder ler o discurso de Elena Poniatowska o día do Cervantes. Non sei con canta frecuencia, pero eu procurarei contar algo aquí de como nos vai no norte, na luz do frío.

http://www.eldiario.es/cultura/libros/Discurso-completo-Elena-Poniatowska_0_252675207.html

Apertas e bicos.

Advertisement

PREMIO DE POESÍA PARA SINDO

Os que sigan habitualmente este blog, saben que Sindo é un amigo de adolescencia, a persoa pola que eu me iniciei nisto de escribir, algo así como o meu Ramón Sijé, alguén querido a quen debo tanto. Contei xa, tamén, que escribiamos os dous nos anos da primeira xuventude, que fundamos o grupo poético Renovación e que xuntos aprendemos a transitar por camiños novos e vellos. Pero logo eu seguín e el non.

Sempre dixo de si que sería escritor serodio e quizais aquela intuición ou profecía é certa, porque agora, amais dos poemas xa publicados aquí, vén de gañar o premio de poesía da biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, que eu non sei cal é a razón pola que non bautizan o premio co nome do poeta que dá nome á biblioteca, xa que o nome é Premio de poesía na biblioteca pública da Coruña, o que non deixa de ser equívoco, xa que se hai en Galicia unha cidade con bibliotecas públicas, esta debe ser a principal, pero que ten nome e nome de poeta, velaí a súa identidade.

Pero era de Sindo de quen quería falar. Escribiu estas composicións xaponesas, denominadas Tankas. Trátase dun tipo de estrofa anterior ao haiku, formadas por unha estrutura de 5 versos, cunha medida de 5-7-5-7-7 sílabas. Eu alégrome moito deste premio. Dicíalle onte que levo máis de 30 anos agardando por el e agora, coa continuidade que vai tendo o seu dar a coñecer os versos, síntome acompañado e hai algo dentro de min que acouga e recupera unha parte da inocencia durmida.

Para ilustrar o seu texto temos este gravado, tamén del, titulado Sideral, cheo de forza expresiva e de cor.

I Certame de Poesía na Biblioteca Pública da Coruña – Categoría: Poesía en galego

Primeiro Premio

Título: <<5 TANKAS Á LÚA>>

Autor: SINDO (Gumersindo Álvarez Reza)

 

Lúa alba de vidros,

xogas co soño e as rochas,

pel de meniña …

albiscando, lúa nova,

o irto colo do mar …

*****

Lúa mañá de chorima,

medras co encoro e as pontes,

filla do estío …

albiscando, lúa de ámbar,

o morno aroma do río …

*****

Lúa chea de outono,

rodas co alacrán e as cobras,

noiva do acivro …

albiscando, lúa de ferro,

o murcho celme do frío …

*****

Lúa tarde de inverno,

minguas co lobo e as neves,

nai de obsidiana …

albiscando, lúa tola,

o nidio ollo do cume.

*****

Lúa vella de noite,

morres co alén e as chuvias,

meiga do ouro …

albiscando, lúa negra,

o turbio eco do corvo.

 

GABO E ELENA

Onte pola tarde, tomando un café co meu amigo Pepe Fernández Ferreiro, falamos moito de Gabriel García Márquez. Anda arrefriado. Cousa do sol de Ourense, o sábado 12, día no que recibiu homenaxe, xunto co resto dos membros que restan do grupo Brais Pinto, todos agás Ferrín, que non acudiu. Por certo, Brais Pinto non é un grupo musical, que foi o que dixo o xornal La Región.

Pepe é da opinión de que a mellor novela de Gabo (el dille así), vén sendo Crónica dunha morte anunciada, pero que Cien años de soledad é algo que está máis alá do común, un monumento, un universo inabarcable. Onte, tamén, Elena Poniatowska recollía o premio Cervantes, cun discurso sobre os amigos escritores perdidos ultimamente, o que lle valeu para falar dos desposuídos de México e de América en xeral, en particular das mulleres.

Cada día recibo correos dunha sorte de axencia de información libre que funciona na rede, con novas sobre México, chamada Mexileaks. Sempre ofrece perspectivas interesantes sobre o que sucede alá. As persoas que escriben manteñen unha actitude valorosa e firme contra a corrupción e o narcotráfico. O outro día, nunha información sobre intelectuais orgánicos, viña esta foto que aproveito para ilustrar esta entrada. Non sei Gabo, pero non considero a Elena nin a Monsivais intelectuais orgánicos, dende ningún punto de vista, senón todo o contrario.

Sei que no grupo hai políticos e xente do xornalismo e do teatro que eu non coñezo. Só identifico a Elena de pé no centro, a Monsivais, na esquina esquerda e a Gabriel García Márquez, do outro lado no sofá. Eu dinlle a man unha vez, en Guadalajara e ceei nun restaurante, nunha mesa á beira da que el compartía cun grupo de amigos. Tamén tiven a fortuna de estar naquela feira na que el mantivo un diálogo con Álvaro Mutis, aínda que aquel día o diálogo case non existiu, xa que os dous confesaron a amizade que se tiñan e que entre eles non había nada que discutir. García Márquez sempre dixo que el foi a México, a visitar por unha semana ao seu amigo Mutis, alí exiliado, e en México quedou xa para sempre.

A propósito de García Márquez tiven que falar na radio o outro día. Lembrei o que me contou a min Paco Porrúa, de como chegou a el o nome do escritor colombiano, como o buscou e como recibiu o orixinal de Cien años de soledad. Dicir que Paco Porrúa, nacido en Corcubión, foi sempre un editor exemplar.

O que non contei na radio foi o esforzo que debín facer para vencer a tentación de mal emular o xeito de escribir de García Márquez. Do esforzo por borralo sobrevive o inicio da miña primeira novela, O bosque das antas, na que quixen xogar cun deses principios tan marabillosos cos que el nos agasallaba. Como en Cien años de soledad eu pretendín arrincar a historia proxectando a novela nos tres tempos narrativos. Non sei se o conseguín: Levaba moito tempo agardando aquel intre. Que para min tiña dinamismo, viña do pasado, fincábase no presente e abría a porta a acción que se iniciaba. En fin.

TORTURA FRANQUISTA: A VOZ DAS VÍTIMAS

Pásame este vídeo extraordinario a miña amiga Carmen Rodeja. Contar e necesario, seríao nun estado no que os torturadores recibisen castigo ou fosen sinalados. Moito máis neste que ampara e protexe a quen violou, torturou e matou. Se alguén ten reparo que non faga clic no enlace. Advirto, iso si, que o vídeo é fondamente humano, magnífico na realización e produce máis acougo do que manca, sexa só por recoller a voz das vítimas.

http://periodismohumano.com/sociedad/memoria/torturados-por-el-franquismo.html

VIVIR NA CORUÑA

Parece, pero non é, ou non é o que parece, que non son os tempos para andar de parranda e durmir de pé. Iso si, para todos aqueles que vivan na Coruña ou na súa contorna, para os que se acheguen por aquí de cando en vez, ou para calquera que teña curiosidade, deixo aquí o enderezo da axenda cultural que están promocionando xa Lucía Pita e Daniel Fernández Longueira, proposta de información cultural que alcance a todas as iniciativas, modalidades, dinamizadores, organizadores e locais, dende o máis institucional ata o bar de barrio.

Se vos apetece, eles agradecerán que entredes de cando en vez, porque a vixencia do proxecto dependerá do número de entradas e estas, claro, da calidade do que ofrezan. Como veredes, e iso pode ser unha boa desculpa para entrar, non só ofrecen información, senón tamén comentarios, entrevistas e información complementaria sobre o que foi ou que será.

Isto é o que debedes copiar na barra superior do buscador: http://vivirnacoruna.es/

gala-mestre-mateo.jpg

 

14 DE ABRIL

Hoxe é 14 de abril, para min unha das datas máis significativas do ano. Atendendo ao máis íntimo e persoal, direi que hoxe é o aniversario do meu fillo e, tamén, o cabodano de meu pai. Dende o punto de vista colectivo, do que comparto con tantos amigos, hoxe é a celebración da Segunda República.

Sei que os escasos cinco anos e tres meses que mediaron entre a súa proclamación e o golpe de estado, foi un tempo convulso, no que moitos dedicaron os seus esforzos a poñer paus na roda dun soño. Uns porque vían perigar os seus privilexios de clase, a hexemonía ideolóxica, económica e social e outros porque ansiaban ese proceso revolucionario que España nunca foi quen de vivir e que tan terapéutico resultou para algunhas das colectividades da nosa contorna. Esa dinámica causou sufrimento e sangue.

Pero sei, tamén, que aqueles sesenta e catro meses foron, sen dúbida, o período máis ilusionante da historia de España, lugar ingrato, áspero e difícil de vivir, aínda hoxe. Por iso, polo que supuxo de avance nas conquistas sociais; polos estatutos de autonomía; pola incorporación da muller á vida pública; pola educación; pola explosión creativa e cultural daqueles anos; polo avance da ciencia, pola sociedade laica, por tantas cousas, soño cun vento que leve canda si todo andazo e o marasmo que vivimos, todos os rostros da mentira, a resignación e a desesperanza, un vento que nos axude a construír unha realidade distinta, máis limpa, máis aberta, máis cívica e máis xusta. Iso significa este día para min, que sei que ese vento somos nós.

Torre de Sandiás

Torre de Sandiás

O sábado pola tarde achegueime a Sandiás, lugar no que vive Camilo de Dios, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas galegos. A súa casa queda moi preto desa torre medieval que, xunto con outras, vixiaba a Limia. Ía falar con el das súas memorias. Considero que o que el conta é algo imprescindible que alguén debería recoller. Fun a súa casa por me ofrecer. Comentoume que xa outros se ofreceran antes, pero que rexeitara a axuda, xa que ese traballo era cousa que lle correspondía a el e que niso estaba. Alegreime de saber que a súa memoria flúe e queda fixada no papel, da súa man, na súa letra limpa, elegante e fermosa.

Contaba velo onte pola mañá no acto de homenaxe aos republicanos fusilados e enterrados na fosa común do cemiterio de San Francisco, pero non veu. O sábado pola mañá caera e supoño que non se atopou ben. Chameino hoxe e o fillo dixo que algunha contusión si tiña, pero que estaba ben. Aproveitei e falei con Manolo Peña Rey, a quen este ano homenaxearon os amigos da República, amigo e compañeiro, tamén el, de Camilo.

PD 1.- se algún dos membros da Asociación de Amigos da República le isto, poderá comprobar que a estética do acto, tal e como se observa na primeira imaxe, visto dende a perspectiva en que estabamos case todos, semella un altar disposto para a misa. Digo isto por cambiar para o ano próximo, tempo no que quizais xa vivamos a terceira república, pero aínda así, será imprescindible lembrar aos asasinados e convocarnos de novo alí.

PD2.- A imaxe na que estamos falando Peña Rey e eu é de Alexandre Naveira, que foi o primeiro presidente da Asociación.

PACO IBÁÑEZ CANTA EN GALEGO

Meu amigo Antonio García Teijeiro é grande amigo de Paco Ibáñez, o cantautor por excelencia, aquel que nos emocionaba con “Palabras para Julia” ou con “La poesía es un arma cargada de futuro”, a primeira composta a partir do poema de José Agustín Goitisolo, a segunda do poema de Gabriel Celaya. Este ano Paco Ibáñez vivirá dobre celebración, cumprirá a marabillosa idade de oitenta anos e lembrará que hai cincuenta editaba o seu primeiro disco no que facía cancións cos versos de Góngora e Lorca.

Arredor destas celebracións, haberá unhas Xornadas de homenaxe nas que Antonio participará falando de poesía e música. Hai unha canción moi fermosa que Paco Ibáñez canta sempre, composta a partir dun poema de Antonio; titúlase “Que ocorre na terra?”, pero non é a única colaboración. Paco tamén lle puxo música ao poema “O vento dorme”. A continuación podedes escoitar a primeira en edición radiofónica, nun programa da SER.

E como a cantei con Paco Ibáñez tantas veces, como a sentín tan intensamente, como a poesía e a canción seguen sendo necesarias, agora que tamén queren privarnos do canto comunal, da comuñón da canción, aí deixo “La poesía es un arma cargada de futuro”…

PRIMAVERA DE PAXAROS

O domingo, paseando por Carnota, puiden ver varias parellas de ánade azulón, que andarán chocando os ovos. Non están unicamente na marisma, andan polas praias pequenas de Mar de Lira, A Gavota e Porto de Barca, agóchanse nas dunas, onde terán os niños. Restaba, tamén, un bando pequeno de mazarico curlí, oito individuos que supoño pertencerían ao grupo de 60 ou 70 exemplares que cada inverno enriquecen a Boca do Río. Patiño di que, aparentemente, cada ano increméntase a súa presenza en Galicia como aniñante. Quizais estes son expresión desa tendencia. Andan activos os charráns de todas as primaveras e xogando coa mañá grisalla, vin unha parella de escribentas liñaceiras. Pero o que máis ilusión me fixo, foi como se me ofreceu un grupo de seis liñaceiros comúns, eses paxariños fráxiles e fermosos coa cor vermella no peito e na cabeza. A miña foto co móbil non permite apreciarlles a cor, así que procurei unha en internet, que reproducise o mellor posible o que eu vin. Vai asinada e debo dicir que a tomei do blog “Criaturas feroces”. Entre a miña observación e esta imaxe coincide a varanda, que eu camiñaba entón polo paseo de madeira que cruza por riba da marisma e eles pousaran no pasamáns, talmente coma este.

 Enredando cos paxaros e volvendo a Edward Thomas, lía o outro día o poema “I never saw that land before” ou “Nunca antes vin esa terra”, que inclúe estes versos tan fermosos, que imaxino como cita abrindo o libro dun poeta:

I should use, as the trees and birds did,
A language not to be betrayed;

(Debería usar, como fixeron as árbores e os paxaros,/ unha lingua que non sexa traizoada;).

Deixo para rematar estes outros que escribín eu o outro día, ás cinco e media da mañá, con limpa lúa minguante no ceo, escoitando como o merlo chamaba polo día:

Madrugada, aínda,
e xa o merlo chama polo día.
Lúa en devalo.
Espera.

TREBLINKA

Soubemos onte que un equipo de arqueólogos británicos escavou Treblinka. Dirixido por Caroline Sturdy Colls, os investigadores atoparon elementos singulares, como as estrelas de David debuxadas nas lousas coas que se lles facía crer ás vítimas que estaban nun baño ritual xudeu e, tamén, os alicerces do que foron as cámaras de gas, dúas, unha con capacidade para 600 persoas e outra para 5000, aínda que testemuñas hai, ou houbo, que falaban de doce cámaras. Puideron, tamén, debuxar un plano completo do campo que funcionou entre os anos 1942 e 1943 e que os nazis tentaron ocultar, transformándoo en granxa antes da chegada das tropas soviéticas. Os cálculos de Vasili Grossman, feitos cando chegou ao campo co exército soviético e falou coas testemuñas civís da aldea e do ferrocarril, situaban en máis dun millón o número de mortos. Hoxe considérase como cifra máis axustada a de 900.000, todos xudeus e ciganos, a un ritmo aproximado de 3000 diarios.

Treblinka non foi un campo de concentración, senón de exterminio, unha factoría pensada para a morte, o que lle dá un valor moral diferente a calquera outro dos lugares relacionados co holocausto. Cando fixemos a viaxe en autocaravana, seguindo o percorrido da División Azul, estivemos alí. O lugar sobrecolle, quizais porque sabes o que vas ver, aínda que nada lembra o que foi. Nese sentido deixo abaixo o artigo que escribimos aquel día e que publicamos no blog “De Galicia a Novgorod”.

Podo entender o interese de quen elabora as teses negacionistas, pero non a quen as cre e lles dá pábulo. Lin o libro da xornalista Gitta Sereny Dende aquela escuridade, no que narra a serie de entrevistas que mantivo co director de Treblinka, Franz Stangl. A primeira tivo lugar o 2 de abril de 1971, é dicir que onte cumpríronse os 43 anos daquel feito. A última foi o 27 de xuño e rematou dezanove horas antes de que Stangl morrera na súa cela, vítima dun ataque ao corazón. A vida de Sereny, dende o final da II Guerra Mundial, estivo dedicada a tentar desentrañar a fría escuridade que levou a tantos militantes do partido nazi, tamén a nenos, a perpetrar o holocausto e actuar coa morte de seres humanos con eficacia industrial. Gitta Sereny mantivo unha dura disputa con David Irving, figura principal do negacionismo, con preitos e xuízos que deron con Irving na cadea.

Gitta Sereny. Foto Cámara Press

Gitta Sereny. Foto Cámara Press

Entrevistou a canto líder nazi puido, mantendo con eles longas conversas nas que xogaba ao límite da súa propia integridade psíquica e intelectual. Dise que Franz Stangl non foi quen de resistir os argumentos de Gitta e o xeito de entrevistalo e que iso foi o que lle causou a morte horas despois de que ela abandonase a cela dos encontros, aquel 27 de xuño. Pero Gitta non só entrevistou, tamén investigou e no libro Dende aquela escuridade desvela a trama da igrexa católica para salvar aos líderes nazis, entre eles ao propio Franz, quen nunha das entrevistas desvela como saíu de Alemaña e de Europa, amparándose nesa rede internacional alimentada dende Roma. Gitta Sereny faleceu o 14 de xuño de 2012, con 83 anos.

A metodoloxía e a tecnoloxía empregadas polo equipo de arqueólogos británicos, é semellante ao empregado aquí polo equipos de forenses e arqueólogos, para investigar as fosas da Guerra Civil.

—————-DE GALICIA A NOVGOROD (LA VOZ DE GALICIA) 14/04/2011—————

Fomos a Treblinka. Ningún letreiro na estrada ata chegar a 1,5 quilómetros. O primeiro que atopamos é o do pobo, do campo só ese que fotografou Maribel. É como se ninguén quixese lembrar ese lugar do espanto. A impresión que causa sobrecolle, pero non manca. Eu temía unha representación realista, con barracón, maletas, a cámara de gas, o forno, pero non. Espazos enormes cubertos de herba, bosque e milleiros de paxaros que cantan na mañá e que afirman a dimensión do silencio. A enorme instalación artística vai dando conta dos lugares máis singulares do campo. Todo é lembranza, todo é respecto, todo feito con amor e con sensibilidade extrema. O máis impresionante, amais dos amilladoiros, é a fosa. Cando eu lía cousas deste campo, Grossman, por exemplo, imaxinaba fosas dun tamaño razoable, pero o que vimos supera todo o imaxinable. Cincocentos metros de longo por cento cincuenta de ancho e quince ou vinte de fondo, calculo eu. O memorial, coa torre de pedra no centro e milleiros de menhires arredor, moitos con flores e candeas, representan a chegada das vítimas no tren. O pequeno museo informa do momento histórico que deu lugar a esta sen razón e ofrece unha maqueta que explica as instalacións. Non hai nada que mercar, non se comercia coa memoria.

Regresamos ás estradas polacas. Hoxe fixemos poucos quilómetros, pero foi moita a fatiga. En facer 100 quilómetros logo de Varsovia, tardamos máis de dúas horas. O dos camións segue impresionando, por veces, cando estamos parados, conto máis de cen seguidos en dirección contraria. Supoño que a nosa fileira será semellante.

A neve deixou paso ás inundacións. Ríos que saen da canle e ocupan lameiros, parques infantís, merendeiros de verán, que penetran nos bosques. Campos cultivados que xa non poden beber máis e cegoñas, avefrías e milleiros de parrulos.

Mañá quixeramos deixar Polonia e entrar en Alemaña. Estamos a 300 quilómetros da fronteira, pero visto o visto…

ELENA PONIATOWSKA ENTRE O DURMINTE E O SILBATAZO

A editorial Trifolium publica estes días unha novidade importante e fermosa, un relato de Elena Poniatowska, poucos días antes de que ela veña a España para recibir o Premio Cervantes 2013. Trátase dunha historia que explora territorios que teñen que ver co sexo, coa posesión, coas relacións dos seres solitarios cos outros e coas cousas, todo contado cunha sensibilidade moi especial e co marabilloso sentido do humor de Elena.

O relato narra a historia de Pancho, un maquinista de tren, que sente pola máquina, Prieta, unha atracción semellante a que lle produce Teresa a súa amante. Non é Pancho o único que humaniza a súa locomotora. Luciano púxolle La Coqueta á súa. As primeiras páxinas, coa máquina abríndose camiño na noite, precedida da lanterna de luz que alumea dous quilómetros por diante e contra a que morren os paxaros, son dunha forza e dun alento creador insuperables.

Non é o primeiro libro de Poniatowska que publica Trifolium, que xa antes acollera no seu catálogo o libro infantil Lilus Kikus, traducido ao galego por Teresa Moure e, tamén en galego, a emotiva e novelada correspondencia entre Quiela e Diego, doce cartas que dende París escribe a Diego Rivera a pintora rusa Angelina Beloff, no libro que leva por título Benquerido Diego, abrázate Quiela.

A fermosa e suxestiva ilustración de cuberta desta novidade é obra da pintora Ánxela Pérez Meilán.