PRIMAVERA DE PAXAROS

O domingo, paseando por Carnota, puiden ver varias parellas de ánade azulón, que andarán chocando os ovos. Non están unicamente na marisma, andan polas praias pequenas de Mar de Lira, A Gavota e Porto de Barca, agóchanse nas dunas, onde terán os niños. Restaba, tamén, un bando pequeno de mazarico curlí, oito individuos que supoño pertencerían ao grupo de 60 ou 70 exemplares que cada inverno enriquecen a Boca do Río. Patiño di que, aparentemente, cada ano increméntase a súa presenza en Galicia como aniñante. Quizais estes son expresión desa tendencia. Andan activos os charráns de todas as primaveras e xogando coa mañá grisalla, vin unha parella de escribentas liñaceiras. Pero o que máis ilusión me fixo, foi como se me ofreceu un grupo de seis liñaceiros comúns, eses paxariños fráxiles e fermosos coa cor vermella no peito e na cabeza. A miña foto co móbil non permite apreciarlles a cor, así que procurei unha en internet, que reproducise o mellor posible o que eu vin. Vai asinada e debo dicir que a tomei do blog “Criaturas feroces”. Entre a miña observación e esta imaxe coincide a varanda, que eu camiñaba entón polo paseo de madeira que cruza por riba da marisma e eles pousaran no pasamáns, talmente coma este.

 Enredando cos paxaros e volvendo a Edward Thomas, lía o outro día o poema “I never saw that land before” ou “Nunca antes vin esa terra”, que inclúe estes versos tan fermosos, que imaxino como cita abrindo o libro dun poeta:

I should use, as the trees and birds did,
A language not to be betrayed;

(Debería usar, como fixeron as árbores e os paxaros,/ unha lingua que non sexa traizoada;).

Deixo para rematar estes outros que escribín eu o outro día, ás cinco e media da mañá, con limpa lúa minguante no ceo, escoitando como o merlo chamaba polo día:

Madrugada, aínda,
e xa o merlo chama polo día.
Lúa en devalo.
Espera.

3 opinións sobre “PRIMAVERA DE PAXAROS

    • Pois moitas grazas Jorge por esta información que tanto agardabamos. Eu estiven en Sandiás o sábado e prestei atención, tanto pola zona da torre como na propia vila, pero non o escoitei. Alégrome de que ande por aí. Non é doado velo, é paxaro fuxidío, pero sábese moi ben del polo cuquexar.

      Gústame

Os comentarios están pechados.