PACO IBÁÑEZ CANTA EN GALEGO

Meu amigo Antonio García Teijeiro é grande amigo de Paco Ibáñez, o cantautor por excelencia, aquel que nos emocionaba con “Palabras para Julia” ou con “La poesía es un arma cargada de futuro”, a primeira composta a partir do poema de José Agustín Goitisolo, a segunda do poema de Gabriel Celaya. Este ano Paco Ibáñez vivirá dobre celebración, cumprirá a marabillosa idade de oitenta anos e lembrará que hai cincuenta editaba o seu primeiro disco no que facía cancións cos versos de Góngora e Lorca.

Arredor destas celebracións, haberá unhas Xornadas de homenaxe nas que Antonio participará falando de poesía e música. Hai unha canción moi fermosa que Paco Ibáñez canta sempre, composta a partir dun poema de Antonio; titúlase “Que ocorre na terra?”, pero non é a única colaboración. Paco tamén lle puxo música ao poema “O vento dorme”. A continuación podedes escoitar a primeira en edición radiofónica, nun programa da SER.

E como a cantei con Paco Ibáñez tantas veces, como a sentín tan intensamente, como a poesía e a canción seguen sendo necesarias, agora que tamén queren privarnos do canto comunal, da comuñón da canción, aí deixo “La poesía es un arma cargada de futuro”…

Advertisement

Unha opinión sobre “PACO IBÁÑEZ CANTA EN GALEGO

  1. Que saudade! Con Paco Ibáñez abrímonos á poesía unha chea de rapazas e rapaces dos anos 70. Lembro tamén un festival de homenaxe a Pablo Neruda, no que Joaquín Sabina dicía que faltara el: ‘Con su voz de cabra monótona, fue quien mejor cantó a Neruda’. Tamén as súas contradicións profundas, a sombra da súa voz polos escenarios… todo como parte dunha forza marabillosa, que ten sitio na casa cando aparece.
    Apertas

    Gústame

Os comentarios están pechados.