DENDE BOS AIRES

Periodicamente chegan novas de Bos Aires. Cariñosas novas transmitidas por Jorge Omar, o amigo entrañable, o irmán, a persoa que nos acompañou naquela viaxe fantástica pola Patagonia, na que aprendemos a interpretar unha parte do sur e descubrimos realidades silenciadas, como a da comunidade mapuche.

Con el comparto a referencia orixinaria de Oira, o pasado dos nosos pais (seu pai e miña nai foron veciños, amigos de mocidade e puideron ser noivos), o amor pola natureza e, de maneira particular, polos paxaros. El é pajarero, en expresión de Julio, seu pai.

Quen viaxando a Bos Aires busque un hotel familiar, moi ben situado no microcentro, que pense no Diplomat, alí atopará a Julio, a Jorge Omar ou a Jorge, que é da Fonsagrada e soña con volver.

É el quen me confirma que as baleas que observamos en Islandia nada teñen que ver coa balea franca austral, que viramos con el en Puerto Madryn. Cóntame que estas dúas especies, xunto coa balea azul, foron as máis diezmadas na caza desenvolvida no pasado século.

Esta vez as novas traen a revista AZARA, que publican a Fundación de Historia Natural Félix de Azara e o Departamento de Ciencias Naturais e Antropolóxicas da Universidade Maimónides. Jorge Omar forma parte da organización Aves Arxentinas, pero tamén da Fundación.

Fermosa publicación na que podemos atopar información sobre golfiños, arqueoloxía, paxaros, orquídeas, dinosaurios ou unha interesante entrevista con Jane Goodall.

Este é o enlace:

http://www.fundacionazara.org.ar/notulas-faunisticas.html

Unha opinión sobre “DENDE BOS AIRES

  1. Lembro a crema de uso feminino que traías de volta e o entusiasmo de Julio ao describila: Te la ponés en la cara, en las manos, en los pechos… Vaya! Que yo me la pondría ahora mismo, si no la tuvieras envuelta!
    Xente marabillosa, desde logo.
    Apertas

    Gústame

Os comentarios están pechados.