POR FIN O CUCO

O domingo pola tarde fun a Ourense. Como ía con tempo e sen présa, acordei ir pola estrada vella ata Lalín. Cando cheguei a Lestedo decidín subir ao Pico Sacro. Había moito tempo que non ascendía o monte Illicinius do Calixtino. A última vez foi cando fixemos aquela guía patrimonial da provincia da Coruña, para Caixa Vigo, antes da fusión das Caixas de aforros. Daquela foramos facer a foto do monte e, tamén, das ermidas de San Lorenzo e de San Sebastián.

Dende o Pico Sacro, na distancia o Monte do Pindo

Dende o Pico Sacro, na distancia o Monte do Pindo

Antes, na década dos oitenta, cada ano, por San Xoán, subiamos ao monte sagrado a celebrar o solsticio. Chegabamos arriba antes da saída do sol, vestiamos as túnicas brancas, Arturo Romaní, actuando de druída, coroaba as raíñas das colleitas, das artes e das letras para todo o ano, e logo celebrabamos as primeiras raiolas do sol con música e moita alegría. Daquela compaña de luz formabamos parte de maneira estable, amais de Arturo e as súas fillas, Luis Monteagudo, María Castroviejo, Fernando Alonso Romero, Maribel, eu… Daniel chegou a vir dous anos, os primeiros da súa vida. Tamén acudían amigos, uns con frecuencia, outros máis esporadicamente. A música era cousa de Xoán Silvar e de Emilio Cao.

Un día, hai tempo, coincidín con Emilio Cao nun acto poético musical no mosteiro de Melón. Falamos e eu lembreille aqueles solsticios festivos. El lembraba con saudade a tola ledicia daquelas celebracións, que chegaron a merecer reportaxe na revista Interviú.

O rueiro de Lupa

O rueiro de Lupa

O domingo ascendín o carreiro no que trazaron chanzos con trabes de madeira e, chegando arriba, escoiteino. Non ao dragón, nin un dos bois da lenda. O cuco cantaba no fondo do val, cara Bandeira, cantaba na tarde anubrada, que é cando máis lles gusta cuquexar. Alegreime moito, que eran dous anos sen sentilo. Arriba, ollando a paisaxe imensa que se ofrece dende a altura, concentreime no seu canto mentres buscaba no horizonte o Monte do Pindo. E atopeino, contra o solpor, os dous montes de Lupa visibles entre si na distancia.

2 opinións sobre “POR FIN O CUCO

  1. Tamén eu o botaba en falta. Pero este ano apareceu polo Pedroso e por Fornelos, coa alegría das miñas fillas ao escoitalo, logo duns instantes de silencio incrédulo.
    Agora quédame descubrir o Pindo desde o Pico Sacro. Non pensei que se vise, e iso que ultimamente vou bastante por aló.
    Apertas fortes

    Gústame

    • Pois si, Carlos, si se ve. Eu vira moitas veces o Pico Sacro dende a Moa, en días claros, pero non fixera a observación inversa e si se ve, aínda que a foto non é moi boa, na liña do horizonte, no centro, baixo o final dunha liña de nubes brancas, obsérvase unha elevación, afastada e sutil, dende a distancia, ese é. A simple vista é moito máis doada a obervación, en días coma o domingo, anubrados e luminosos ao tempo. Apertas.

      Gústame

Os comentarios están pechados.