KATSUBEN-BENSHI na Coruña

Onte na Coruña, na gala de inauguración de (S8) 5ª Mostra de Cinema Periférico, puidemos gozar dunha velada singular, a proxección da película muda Jirokichi the Rat do director xaponés Daisuke Ito, realizada en 1931, segundo a tradición xaponesa de conxugar imaxes e relato oral. Raiko Sakamoto, da escola Matsuda, que mantén viva a tradición do KatsubenBenshi, ou narradores do silencio, actuou como intérprete. Sakamoto foi, e aínda é, clave para que a popularidade do cine mudo se mantivese tanto tempo no Xapón, xa que conecta coa longa tradición do “relator ou contador”, herdanza da tradición oral e teatral, que non só narra o argumento da película senón que interpreta as voces dos personaxes e os efectos sonoros que evocan diversas situacións relacionadas co que acontece nas secuencias de imaxes proxectadas na pantalla, achegando, incluso, valoracións persoais, para aumentar o interese dos espectadores. Este xeito de facer cine mantívose ata hoxe. Singularidade da cultura xaponesa, a Mostra permitiunos gozar dela na xornada inaugural do festival.

O Benhi ou Katsuben era o  referente fundamental na proxección dunha película muda. Realmente el era o protagonista. Narraba a historia do film, interpretaba o diálogo dos actores e explicaba a trama. Nunha secuencia de  imaxes sen moita profundidade, el introducía coa súa voz os momentos emocionais da escena, tamén se acompañaba dun músico, dándolle así maior dramatismo ao relato. Eles eran as verdadeiras estrelas da película, tanto é así que a decisión de asistir a unha ou outra sala, dependía do actor ou intérprete que facía de Benshi.

Jirokichi the Rat é a única película silente, acompañada de Benshi, que se conserva íntegra. Raiko Sakamoto estivo acompañado de Joichi Yuasa, quen interpretou a partitura da banda sonora orixinal cun shamisen, instrumento de corda tradicional xaponés.