BANVILLE & BLACK

Sigo a obra de John Banville dende hai anos. Cheguei a el polo libro Imposturas; logo foi O mar, que me fascinou e que considero a mellor obra del das que lin, algo superior, incluso, a esa última alfaia que nos ofreceu o pasado ano, Antiga luz. Sempre o recomendei, tanto na faceta de escritor que asina co seu nome, como na de escritor de novela negra, que asina co pseudónimo de Benjamín Black. As historias de Benjamin Black e as de John Banville responden a un mesmo compromiso, están escritas coa mesma limpeza e coidado e vocación de estilo, se ben as de Benjamín, polo asunto e o argumento, pretenden chegar a un público máis numeroso, heteroxéneo e diverso, velaí eses dous títulos fantásticos: O segredo de Christine ou A loira de ollos negros.

Sempre me chamou a atención que esa separación ou diversificación do propio ser, tiña en conta, tamén, a diversificación editorial, supoñía eu que por afianzar o equívoco, de maneira que as novelas de Banville, en España, eran publicadas por Anagrama e as de Black por Alfaguara. Iso foi así ata a Antiga luz, publicada xa por Alfaguara.

Cando coordinaba o club de lectura da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, falei moitas veces del, lamentando non ter obra súa traducida ao galego. En máis dunha ocasión recoñecín o moito que me gustaría escribir como fai el, por cuestión dese estilo limpo e harmónico e, tamén, pola capacidade de afondar nas cousas da vida a través das palabras.

Irlandés, nacido en Wexford en 1945, esta semana foille concedido o premio Príncipe de Asturias, agora que non haberá príncipe, velaí a razón da súa retranqueira pregunta sobre quen lle ía entregar o premio. Quizais este recoñecemento sexa anticipo do Nobel, xa que ano tras ano aparece nas quinielas. Con Nobel ou sen el, Banville e Black son autores que alimentan o pracer de ler.

 

Unha opinión sobre “BANVILLE & BLACK

  1. Boa pregunta. Cabe a solución do self-service, algo chocante, pero moi práctico, que podería abrir as portas a cambios máis profundos.
    Apertas

    Gústame

Os comentarios están pechados.