ADONIS EN POETAS DI(N)VERSOS

Foi onte, pasadas as oito e media do serán, da man de Yolanda Castaño, con Manuel Álvarez Torneiro e con Adonis. Sabiamos do poeta sirio que viviu en Beirut e que hoxe reside en Francia. Leramos versos seus, celebráramos que a editorial Linteo de Ourense, acordase publicar o libro Singulares, na súa extraordinaria colección de poesía.

O recital foi unha festa, primeiro Torneiro, debullando versos de catro dos seus libros, entre eles os dous últimos, o premiado Os ángulos da brasa, que lle valeu o premio Nacional de poesía e o presentado hai catro días Onde nunca é mañá.

Logo Adonis con Yolanda, nun xogo de complicidades. Non sabemos se recitou, se declamou, se interpretou, se cantou. Escoitar os poemas na súa lingua, a diferencia de son do aire nos pulmóns, no esófago, na gorxa, na boca, o ritmo case canción, a forza e a dozura, a delicadeza e o espasmo, o verso coma vento, foi un agasallo que non esquecerei. O traballo de Yolanda como tradutora e como recitadora dos versos de Ali Ahmad Said, extraordinario.

Ali Ali, Xan Arias e eu tivemos ocasión de agasallarlle un exemplar de Suleiman y Salúa, publicado por Trifolium, a editorial de Xan, que inclúe edición en árabe. Grande foi a súa sorpresa ao descubrir que había entre o público un sirio coma el, non podendo ocultar a súa alegría. Falaron entre eles, pero non teño nin idea de que se dixeron.

Adonis con Eva Veiga

Adonis con Eva Veiga

Deixo aquí estes versos. O primeiro poema, “Rapsoda” é tradución de Yolanda. Os outros son cousa miña, traducidos, iso si, dende unha versión en castelán. O primeiro poema que eu coñecín del foi a “Homenaxe ao vento e ás árbores” ao que pertence o fragmento que vai en segundo lugar. O terceiro titúlase “Na sombra das cousas”:

Xáctase o bosque inexpugnable
dos lobos que devastan o cerco que o protexe.
Por que entolece o ceo, cando a pedra se alza
e guinda unha rosa baixo a súa fiestra?
Saíde, lobos da tolemia, e dicide: Sexa a paz.
Benestar que fai rodar a súa herdanza
pola senda de Xerusalén ou A Meca,
ovella que non ten máis patrimonio
ca un año perdido.
Humanidade que camiña cara o seu Señor
cun pé na terra e outro
no ceo. Fato de roxelos.
A esfera de Deus escribe a súa historia con tinta
que non é senón sangue.
Por que non abandona a terra a súa quimera?

 

O vento pousa a man dereita
no ombreiro da rosa
e mete a esquerda no peto:
vento ladrón do recendo.

 

Eu prefiro quedarme na penumbra;
quedarme no secreto das cousas.
Gústame introducirme nas criaturas.
Errar como unha idea.
Estraño como a arte.
Anónimo,
incerto,
e esquecido,
nacendo novamente
en cada día.

4 opinións sobre “ADONIS EN POETAS DI(N)VERSOS

  1. A verdade que foi un recital marabilloso, o dos dous, de Torneiro e Adonis. A min emocionoume moito Adonis, a súa voz, pois nada entendía do idioma, e a fermosísima tradución de Yolanda.

    Gústame

  2. A verdade que foi un recital marabilloso, o dos dous, de Torneiro e Adonis. A min emocionoume moito Adonis, a súa voz, pois nada entendía do idioma, e a fermosísima tradución de Yolanda.

    Gústame

  3. Foi unha marabillosa velada, con dous mounstros da poesia, Torneiro e Adonis…e unha Yolanda impecable.

    Gústame

Os comentarios están pechados.