MILES DAVIS E A ALBORADA DE VIGO

O pasado sábado, no pavillón polideportivo de Pedrafigueira, en Carnota, celebrando un Enarborar o bosque afastados das árbores, conmovidos pola constancia do temporal e polo bater da chuvia, vivimos momentos moi especiais de emoción, coñecemos xente e descubrimos cousas. Unha delas, das mans e dos labios de Dubi Méndez Baamonde, músico extraordinario que tocou a frauta para nós, pero que tamén sabe de gaita e que é un dos fundadores da orquestra de música tradicional galega, foi esta peza, que vos deixo, para min descoñecida, de Miles Davis e Gil Evans, incluída no disco Sketches of Spain de 1960, e titulada Pan Piper, aínda que algúns a denominan Alborada de Vigo. Fixádevos no que son quen de facer cuns acordes de alborada e un aire de subiote de afiador.