IRIMIA

Dende hai anos, cada quince días, recibo na caixa do buzón da miña casa a revista IRIMIA. Dende entón, a súa lectura forma parte da miña vida. Facendo memoria, penso que nos acompañamos dende hai vinte e dous anos. Cando iniciamos a relación, cheguei a colaborar nela. Logo non sei se por eles ou por min, deixei de escribir, pero mantiven a fidelidade como subscritor e como lector.

Sempre presto particular atención á páxina dúas, reflexión sobre o que acontece, proposta polo que foi meu compañeiro na Consellería de Pesca, Daniel López Múñoz. Neste último número, o 904 do ano 33, escribe sobre a nova entidade bancaria Abanca, lembrando algúns dos feitos que levaron á desaparición do que puido ser unha banca galega, controlada polo interese xeral das galegas e galegos.

Irimia é un proxecto firme, tanto como o pedregal do que toma o nome e no que nace o río Miño. E digo que é camiño firme non só pola revista, senón porque detrás está ese colectivo de crentes galegos que mantén vivo o lume dunha igrexa galega e, tamén, a tradición anual de se atopar nunha Romaxe, que este ano está convocada para o 13 de setembro, na parroquia de San Xoán de Vitre, no concello de Frades.

A editorial deste número quere poñer IRIMIA revista diante do espello de lectores e subscritores, abrindo un período de reflexión e formulando estas cuestións: Esta revista naceu para ser ese medio de conexión e de alimento da identidade compartida, do horizonte común. A súa capacidade de selo depende directamente da riqueza, da diversidade, da vida dos grupos que a len, que a empregan, que a valoran. Debe serguir sendo o que é? Debe cambiar? Debe ser unha revista quincenal en papel? Quizais debería ser mensual e máis completa en contidos e extensión dos artigos? 

Comparto con Irimia máis o de galego que o de crente, pero recoñezo que, en moitas ocasións e dende a súa perspectiva cristián, a lectura me enriquece e axuda. Hoxe, en máis de 60 cidades españolas, proxectarase o documental: Yo decido: el tren de la libertad, que expresa o sentir das mulleres do cine, directoras e produtoras, sobre o proxecto de lei do aborto do ministro de xustiza. Como a revista sempre está prendida á actualidade, nas páxinas 10 e 11 publica un artigo asinado polo teólogo Xosé Chao Rego, que reflexiona sobre a tremenda cuestión do aborto (ese é o título) Na cabeceira recoñécese que o artigo é de actualidade, pero non é de agora, que xa foi publicado na revista hai máis de vinte anos, se ben mantén toda a súa vixencia. Xosé Chao Rego advirte de que a Igrexa non pode alertarse máis contra o aborto que contra a guerra, a pena de morte, ou o capitalismo salvaxe e que non debemos confundir moral e lei civil.

Unha vez máis, Irimia, axudándome a observar mellor o meu tempo presente, a reflexionar sobre actualidade. Nese sentido, respondendo a algunha das cuestións, apunto aquí que non sei se Irimia debe seguir sendo revista en papel, xa que recibo algunha revista dixital que compre perfectamente a súa función. A periodicidade quincenal paréceme boa e a extensión dos artigos é cousa a estudar. Boa parte dos publicados teñen unha extensión correcta, propoñendo reflexión sen fatigar, pero quizais en cada número, sobre todo se a edición pasa a ser dixital, podería incluirse un artigo monográfico sobre algún asunto relevante.

En calquera caso, como subscritor, si expreso o meu compromiso con ela e o meu desexo de que prosigamos xuntos o camiño e os días.