Hai dous días sorprendíanos a nova do pasamento de Nadine Gordimer, a escritora sudafricana e premio Nobel do ano 1991. Un está afeito ás casualidades, sobre todo nisto da literatura: a morte de Torga cando leo a Torga; o premio Nobel a Saramago cando leo unha novela súa e, neste caso, a morte dunha voz africana, unha das voces máis queridas por min, o día en que remato Lejos de Ghana, a novela de Taiye Selasi, a quen xa se considera como referente da nova narrativa de África.
Sempre admirei a Nadine Gordimer. Nalgunha parte deste blog falei algunha vez, quizais nalgún artigo relacionado con Elena Poniatowska, da miña admiración polas mulleres miúdas e valerosas que son quen, dende a súa aparente fraxilidade, de enfrontar a violencia, a barbarie, de vencer o terror, de cambiar o mundo para ben. Elas as dúas son dous exemplos claros diso que digo, pero hai máis. Na literatura de Gordimer, máis alá da denuncia do apartheid, sempre admirei a súa firmeza ética, a fonda humanidade, a limpeza dos seus textos, que eu só lin en traducións, e a capacidade de penetrar na alma e no corazón dos seres humanos, ofrecéndonos personaxes complexos. Admirei sempre, tamén, a súa resistencia á fatiga, xa que, ao comprobar que a fin do apartheid non supoñía o final da pobreza e da desigualdade, ergueu a súa voz unha vez máis, denunciando a incapacidade dos políticos para transformar a sociedade e a súa conivencia co poder.
Tiven a sorte de coincidir con ela na Feira Internacional do Libro de Guadalajara. A súa conferencia marco na feira foi un dos actos literarios máis emotivos aos que asistín nunca. Tiña, daquela, 83 anos, pero sorprendía a súa afouteza ao contar como foi a súa adolescencia de moza branca de clase media, como descubriu e padeceu a violencia, a lucidez con que contaba como fixo da loita contra a inxustiza e a desigualdade cuestión de vida.
Dicía que a coincidencia quixo que a información do seu pasamento coincidise co remate da lectura de Lejos de Ghana, novela de Taiye Selasi, escritora filla de ganés e nixerina, nacida en Londres e criada en Massachusetts. Recomendoume este libro Pepe Monjardín, a quen vexo de cando en vez porque somos veciños, aquí na Coruña. Sorprendeume o libro, lonxe das referencias coñecidas de Gordimer, pero que reflicte, dentro dunha mesma familia, o carácter mestizo do mundo que habitamos e as ramificacións profundas dos conflitos, tanto individuais, como familiares ou colectivos. Fascinoume a capacidade de Taiye para crear un grupo de personaxes de personalidades tan complexas e ir levándoos a todos cara adiante, ata un final que se precipita para o lector, pero non para a autora, sempre dona do que narra.
É esta, ademais, unha novela de múltiples xeografías, como non podía ser doutros xeito, vista a súa biografía, e tamén unha desas historias nas que morrendo o protagonista nas primeiras páxinas, iso non fai máis que aumentar o interese e a tensión do libro, xa que a súa morte actúa como catalizador da vida da súa primeira muller e dos catro fillos, dúas mulleres e dous homes.