MANUEL COLMEIRO

Non son moi dado a facer listas cos mellores escritores, músicos, ciclistas ou pintores. Paréceme que esas relacións sempre empobrecen, porque sendo todo subxectivo, sempre faltará alguén que debería estar. Con todo, se fixésemos unha enquisa sobre o mellor pintor que deu Galicia, seguramente aparecerían nomes como Eugenio Granell, Maruja Mallo, Luís Seoane, Arturo Souto, Leopoldo Nóvoa ou Xosé Luis de Dios, entre outros. O que me parece seguro é que, sempre, na proposta de cada quen, Manuel Colmeiro tería un espazo reservado. Onte mesmo, Pepe Fernández Ferreiro, dicíame que para el era o mellor dos nosos pintores.

Muller ColmeiroVén isto a conto pola inauguración onte dunha exposición que amosa ao público a colección familiar, formada por obras pouco coñecidas, entre elas eses tres bocetos ou proxectos de murais cos que se inicia a mostra e que falan do Colmeiro ideoloxicamente comprometido coa transformación da sociedade e coa xustiza, argumentos que o levaron ao exilio. A min sorprendéronme, porque non os coñecía, uns debuxos nos que o pintor reflicte a barbarie da represión fascista en Galicia, no verán de 1936. Son debuxos que non están lonxe dos de Castelao ou Seoane e non estaría mal organizar unha mostra coa obra dos pintores galegos sobre o tema. Fernández Ferreiro, que o coñeceu e tivo bastante relación con el, lembraba para min o seu carácter aberto e divertido e a súa condición de bohemio, froito dos anos vividos no exilio de Bos Aires e, sobre todo, en París.

A primeira vez que fun a Bos Aires, hospedado no hotel Diplomat, na encrucillada San Martín e Paraguai, á beira da rúa Florida, unha das primeiras cousas que fixen foi ir ás Galerías Pacífico e admirar a cúpula onde Colmeiro deixou constancia do seu bo facer como muralista.

Pintores Pacífico

Era o ano 1946 e el formaba parte do grupo Taller de Arte Mural, a quen se lle encargou a decoración da cúpula central do edificio. Os compoñentes do Taller, que vemos na imaxe eran: Demetrio Urrruchua, Antonio Berni, Lino Enea Spilimbergo, Colmeiro e de pé sobre eles, Juan Carlos Castagnino. Na bóveda das Galerías que acollen o centro Jorge Luis Borges, hai obra dos cinco, porque o grupo recibiu a encarga da súa decoración. O resultado é fantástico, unha explosión de formas e de luz.

ColmeiroEste que vedes aquí é un detalle, obra de Colmeiro. Dende entón, sempre que regreso, é esa unha das primeiras visitas, obrigadas, como penso que tamén o son o mural de Seoane no Teatro San Martín, na rúa Corrientes e tantos outros lugares que forman parte da nosa memoria colectiva, aínda que sexa do lado de alá, pero como lle acontecía a Cortázar, non se sabe moi ben onde está o lado de acá, nin o lado de alá.

 

 

Unha opinión sobre “MANUEL COLMEIRO

  1. Despois dos días de Louro, da extraordinaria experiencia dos petróglifos e das paisaxes, regreso a esta páxina, para lembrar as descubertas que me facilitaches en Buenos Aires: Seoane, o Diplomat, o London, San Telmo… Agora regresa este Colmeiro, que descubrín pola miña conta hai máis de trinta anos, no que era o Museo Español de Arte Contemporáneo. Alá unha parte da nosa alma, cun silencio cheo de significados.
    Apertas!

    Gústame

Os comentarios están pechados.