BALTAR, PUJOL… GAZA

Mes difícil este de xullo, de aceiro e sangue, no que vimos entrar a Matas na cadea, escoitamos a sentenza do caso Baltar e ficamos pampos coa caída de Jordi Pujol, pero sobre todo, sobre todo, no que asistimos a crime de Gaza.

Penso que algún día escribirei un libro sobre a miña experiencia na administración, na que levo traballando 39 anos. Contarei, seguro, que estiven dúas veces con Jordi Pujol. Unha foi na Feira de Barcelona do ano 1983, á que fun como un dos representantes da Consellería de Industria e Comercio da aínda nova Xunta de Galicia. El inaugurou aquela Feira e pasou polo noso stand, acompañado de Miguel Boyer e de Pasqual Maragall. Explicámoslle as características dos camións URO, daquela feitos en Lugo, hoxe penso que en Polonia.

A segunda foi nun congreso de artesanía, tamén en Barcelona, ao ano seguinte. Recibiu aos congresistas no pazo da Generalitat. Saudeino un momento e faleille da artesanía galega. Nas dúas ocasións deume a sensación de persoa en aparencia próxima, pero sempre en garda e distante. Por iso me impresionou tanto a confesión e a caída destes días.

Pero o que quixera dicir é que non podo soportar un día máis o que acontece en Gaza. Cada mañá loito contra unha certa sensación de cousa vista, contra a sensación de que todo é inevitable, contra a rutina do sangue e da dor. Ese exército implacable é o mesmo que aparece neste vídeo, traducido ao galego polo meu amigo, o poeta de Boborás Moncho Iglesias: Un neno, un muro, un burro… e algo máis. Aí o deixo, dende unha certa sensación de desesperanza: