FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA

Cita anual na Feira do libro da Coruña. Milleiros de persoas pasean por diante das casetas, convocadas pola extraordinaria oferta que ofrecen os Cantóns e os Xardíns de Méndez Núñez. Nun ámbito tan reducido conviven durante dez días: Feira de Artesanía, Salón do Cómic, Feira do Libro e os locais das casas rexionais. No quiosco Alfonso e no Palexco pódense visitar as magníficas exposicións dos mellores debuxantes de banda deseñada. Á carpa dos libros, cada serán, achéganse escritores a presentar as súas novidades.

Ali Ali e Xan Arias de editorial Trifolium

Ali Ali e Xan Arias de editorial Trifolium

Onte estiven toda a tarde na Feira do Libro. A convocatoria era iniciativa da Asociación de Editores Coruñeses, que reúne a sete editoriais que acordaron asociarse nun tempo difícil no que compartir axuda. Na feira ocupan dúas casetas, cada unha coa súa oferta e cos seus clientes e a verdade é que a unión das sete é garantía dun público variado que se achega con curiosidade aos libros daquelas que non coceñe.

Na caseta estabamos Ali Ali e eu ás seis da tarde. Os primeiros 45 minutos sucederon sen incidencias, coa sensación de que non iamos asinar nada. Os comentarios, os de sempre, que a feira ía frouxa. Achegábanse as sete cando veu polo stand unha mociña de Navarra, de vacacións entre nós cunha amiga e un amigo que a acompañaban. Era a cuarta vez que pasaba por diante da caseta e non podía deixar de pararse a contemplar Suleiman y Salúa, algo caro para a súa economía de aí as dúbidas. Pero onte, véspera do final da vacación, decidírase. Izaskul é o seu nome que escribimos Ali Ali e eu, el en árabe. Foi tan feliz coas longas dedicatorias dos dous e nós quedamos tan contentos, que a confluencia de tanta enerxía positiva cambiou o aire. A partir dese momento, eu asinei: 5 Suleiman y Salúa máis, 5 As Crebas, 1 Miño e 1 Días de cera.

Vin moitos amigos e compartín o tempo con Daniel, vendo como traballa para ese proxecto fermoso que é http://www.vivirnacoruna.es

Logo asistín á presentación dunha singularidade, A dama da noite, novela sobre os últimos días de Rosalía de Castro, escrita por Xavier Seoane e publicada por Laiovento. Participaban no acto Pancho Pillado pola editorial, Anxo Angueira como presidente da Fundación Rosalía e Xavier como autor.

Esta é a crónica:

Rosalía de Castro viviu na Coruña entre os anos 1871 e 1878, na praza da Fariña, hoxe praza de Azcárraga. Unha placa na fachada dunha das casas, lembra ese feito. A Coruña é pois un dos espazos importantes na vida da escritora, tal e como recolle Xavier Seoane no seu libro A dama da noite e como salientou onte Anxo Angueira.

A dama da noiteA dama da noite é, a xuízo de Francisco Pillado, un libro histórico, que prestixa a calquera editorial, tanto polo libro en si, -unha desas lecturas que dá mágoa rematar-como polo feito asumir o reto de enfrontar nun texto narrativo, os últimos días da escritora. Poema en prosa sinfónica, afirmou refiríndose con admiración ao texto escrito por Xavier Seoane.

Como reto extraordinario cualificou Anxo Angueira a proposta de Seoane, xa que novelar parte da vida de Rosalía require valor, por ser un personaxe de tanta envergadura que mete medo, afirmou, engadindo que ninguén ata agora se atrevera a facer algo semellante ao abordado por Xavier. Na súa opinión, o libro incide nese remuíño que vivimos nos últimos anos e que pretende situar á fundadora da moderna literatura galega, na perspectiva do noso tempo, fuxindo do estereotipo morriñento que dela se tivo ata hai pouco. Angueira considera a Rosalía fonte e océano: fonte por ser a matriz do que somos; océano porque nela está o horizonte cara o que camiñamos. Debullou os núcleos nos que se centra a novela, compartidos por todos os que se achegan ao mundo rosaliano hoxe: a paternidade ausente; a penuria económica familiar; a Rosalía feminista; o perfil intelectual, político e social que nos ofrece a perspectiva dunha muller revolucionaria que xa dende a mocidade reclamaba igualdade, independencia e liberdade, rematando por centrar os lugares esenciais na vida da escritora, que son tamén os que Xavier recolle na novela: Ortoño, Padrón, Santiago de Compostela, Madrid, A Coruña, Lestrove e a Casa da Matanza, hoxe lugar de referencia rosaliana, lugares que nos falan dunha muller de múltiples lecturas, relacionada ca vangarda cultural galega e española, de pensamento demócrata e liberal, coñecedora dos movementos sociais e literarios europeos.

Libro difícil, dixo Xavier Seoane desta súa última obra, por ser Rosalía unha figura grandiosa e enigmática, cunha vida na que as grandes preguntas seguen sen responder. Confesou que sempre se plantexou escribir unha obra de ficción, polo que iso supoñía de liberdade, aínda que nalgún intre considerou que pola cantidade de material reunido e das lecturas acumuladas, estaba en condicións de escribir un ensaio biográfico. Xavier rematou a súa intervención asegurando que poñía este libro en mans dos lectores, con humildade, aceptando a súa consideración.

Mañá ás 20,00 h. toca presentación de “As crebas, outro xeito de andar ao mar”, que fixen con Maribel Longueira e que publicou Baía Edicións. Será ás oito e sentarán comigo Belén López, pola editorial e Manuel Rodríguez, xornalista de La Voz de Galicia e crebeiro coma min.