CAMIÑANDO O PEDREGAL

Foi o xoves de mañá. Aproveitamos a visita de Fernando Alonso Romero e de Malores Villanueva, para lanzarnos a camiñar unha parte nunca antes visitada do monte Pindo ou Pedregal, que é como lle din aquí. Iamos tamén María Tilve e nós.

Collemos o camiño que ascende dende a rotonda de San Cibrán, pasamos as albarizas da xente de Caldebarcos ata chegar a uns outeiros que trepan monte arriba sucesivos, dende os 120 a case os 200 metros. Fernando perseguía algo que xa vira noutra ocasión, sen poder prestarlle moita atención, algo que a vexetación dos anos sen lume sepultou, pero que agora, cos toxos aínda novos e se monte baixo, son de doada observación.

Obsérvese a ordenación singular das penedas chantadas no chan.

Obsérvese a ordenación singular das penedas chantadas no chan.

Chamou el a atención sobre os restos dunhas construcións evidentes, que polo tamaño pequeno non foron nin lugares de durmir os pastores, nin lugares de gardar o gando. Fernando considera que foron lugares de enterramento. Algo máis arriba, nunha meseta entre dos outeiros, percibimos restos de cabanas circulares, con capacidade para acoller unha familia e de estrutura semellante ás dos castros. No outeiro seguinte observamos un oco entre laxes. Eu consigo penetrar nel e vemos que é unha estrutura semellante ás vistas máis abaixo, aquelas sen cubrir como esta, que está selada con pedra máis cativa en todas as fendas agás nesa pola que eu penetrei. Parécenos que si, que ben puideron ser o que di Fernando, ou calquera outra cousa, pero que como comentamos sempre, sería necesario desenvolver traballos arqueolóxicos serios neste espazo, antes de que se perda todo, porque o Monte do Pindo garda segredos que intuímos importantes para explicar o que somos.

Un dos enterramentos posibles, presidido pola cabeza de Apis. A entrada é baixo a laxe inclinada da esquerda,

Un dos enterramentos posibles, presidido pola cabeza de Apis. A entrada é baixo a laxe inclinada da esquerda,

Descendendo atopamos un anaco de cerámica que Fernando levará a analizar ao laboratorio da universidade. A ver que cal é o resultado. Esta vez a excursión foi curta, non como a anterior de xullo que durou doce horas. Ao mediodía regresamos.

As fotografías son de Maribel.

Advertisement