DIADA: CRÓNICA DUN DÍA DE FESTA

Polo valor informativo, pola sorte de poder polos ollos de quen estivo alí, polo ben escrito que está, polo que alenta nas súas palabras, deixo esta crónica da Diada, enviada pola miña amiga Malores Villanueva. 

Malores e Chus Lamas

Malores e Chus Lamas

Hoxe as rúas de Barcelona respiraban alegría, a xente paseaba sorrindo, cousa que non é tan habitual nesta cidade onde as persoas corren dun lado para o outro entre o agobio de chegar tarde ó traballo ou a non coller o metro. Tampouco é habitual escoitar tanto catalán, pero hoxe os estraños eran os turistas que despistados miraban aquela marea de cor que invadía os carrís para os coches. Familias enteiras ían collendo o seu sitio na Avinguda Diagonal e na Gran Via de les Corts, as dúas arterias destinadas a facer o V, a letra coa que se escribe votar e vitoria. A organización intentaba que a xente se desciplinase e formase fileiras de catro coa camiseta da mesma cor nunha sucesión de amarelo-vermello que se repite alternativamente para formar as oito franxas da bandeira catalá. A xente estaba desexosa de coloborar e facía o que podía para que así fose, pero ás veces, con pequenos xa cansos de agardar e coa calor que ía, non era doado. Unha das cousas que máis pode chamar a atención, ou cando menos a min, era ver xente de elevada idade coa súa camiseta e con pequenas cadeiras pregables para poder aguantar ata que fose preciso. Á súa beira os netos e as netas nos seus carriños, nos seus colos, nunha respiración acompasada e serena. Familias enteiras son as que conseguiron hoxe unha Diada memorable e iso sentíase no ambiente, pero non só había persoas de tódalas idades, tamén se podía apreciar xente moi diferente socialmente e todos estabamos alí polo mesmo, pola crenza de que os pobos teñen dereito a decidir o seu futuro. Parece doado, parece o máis democrático, parece comprensible para Escocia ou para outros países, pero aínda hai a moitos ós que lle escoce a democracia e están no poder para revertela cada día. Esa é a sensación de moitos cataláns e de moitas catalás, pero tamén de moitos galegos e galegas, que hoxe non estaban cabreados, hoxe sorrían ó ver un país que ten capacidade e entusiasmo para ser donos da súa historia, hoxe deron outro paso adiante.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAOs trens ateigados de xente, moito máis cheos que cando xoga o Barça, centos de autobuses de todas partes de Cataluña nun ambiente de relaxación, propio dun día festivo, pero tamén de ilusión e de vontade de ser. Eu só podo falar do meu tramo, do 18, pero alí non houbo insultos, nin pancartas ofensivas contra ninguén, nin tan sequera fotografías dos que se empeñan en coutar a democracia, nada que perturbase o realmente importante, o país. A xente só levantaba senyeras e estelades, e tamén nenos e nenas a cabaleiro admirados ante o espectáculo que tiñan para si. Ás 17.14, hora que recordaba o ano 1714, foi o clímax, o momento de facerse sentir e ver, pois dende os helicópteros tiña que quedar a imaxe que hoxe se veu en todo o mundo. Pouco a pouco fomos abandonando aquela V e a xente, nós tamén, paseaba dominando a cidade, esa parte de Barcelona que parece dada ós turistas, pero que hoxe parecía reconquistada. Os vendedores nas rúas que se achegan cada tres pasos dicindo “Cerveza, beer”, onte facíano co ofrecemento de bandeiras catalanas, e as cafeterías do centro que por defecto se dirixen a ti en inglés facíano en castelán, supoño que habería algún que en catalán, pero non foi o noso caso. Sentamos nunha das terrazas de Rambla Catalunya e aquel rapaz, español, non entendía a nosa petición en catalán, o de suc de préssec, soáballe a chinés, supoño que o entendería mellor nesa lingua, está máis afeito. Non había problema en traducir o zumo de pexego, quizais outro día seguiría á tradución algún comentario sociolingüístico, algún lamento ou queixa, pero non era o día. Naquel ambiente de festa ata nin importaba mirar a conta do local e pagar, nun lugar ó que noutras circunstancias nin o pisarías. É un día especial e iso contaxia todo. Mañá Barcelona, nesa mutación asombrosa que ten esta cidade, é posible que esperte sen pegada do que viviu hoxe, pero do corazón e da mente das persoas que onte estivemos alí será imborrable e iso dá azos a esta sociedade para que este país siga o camiño que escolla. Ó rematar só se pensaba do 9 de novembro, o día fixado para o referendum. As metas son a curto prazo e os cataláns saben que mica a mica s’omple la pica, é dicir, que pouco a pouco é como se conseguen as cousas, o camiño está iniciado…