NÉLIDA PIÑÓN

Sucede ás veces que un coincide en varias ocasións con alguén, pero non chega a producirse o encontro que faga posible o coñecemento. Algo así me acontece con Nélida Piñón, escritora coa que coincidín en actos do Pen Club, pero coa que nunca cheguei a cruzar máis ca unhas palabras de saúdo. Tamén sucedeu onte, na cerimonia de recepción como académica de honra na Real Academia Galega.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Porén, debo dicir que foi escritora de referencia dende que lin A república dos sonhos, ben avanzados xa os anos noventa, se cadra quince despois da primeira edición e algo antes da versión galega publicada por Galaxia. Quizais sexa esta a súa obra maior, novela na que tentou restaurar a humanidade dunha saga galega e brasileira e que, segundo recoñeceu onte no seu fermosísimo discurso, foi a única que escribiu, malia a súa dimensión, sen un esquema literario previo e sen tentar conseguir unha obra de dimensión totalizadora, que foi, ao cabo o resultado.

Cando a lin decateime, quizais erroneamente, de que a novela da emigración debería ser contada por alguén do lado de alá, protagonista ou descendente de protagonistas daquela épica do desarraigo. Eu pensei algunha vez en avanzar nun proxecto desas características. Confiaba en poder situarme no ser do outro para explicar como é que creba e sangra o corazón no momento da partida. Tamén sentía azos para contar os medos, ou os terrores, que sentirían nos barcos os viaxeiros sen retorno, pensando nas dificultades que deberían superar, tentando imaxinar como as vencerían. Máis difícil, pero non imposible, sería soñar con eles un futuro na terra de promisión. Pero hai que ser quen de penetrar en máis mundos, de responder a preguntas complexas: que azar é o que determina que un poida saír adiante e outros non? Arrefría a saudade dentro do corazón de cada quen? É o individuo quen mantén intacta a consciencia de pertenza ou é a colectividade de desterrados? Como son as relacións de poder dentro da propia comunidade emigrante, e como as desta co resto do contexto social? Si, posible sería, pero conviña saber e, tamén, un tempo de permanencia e de investigación no lugar, algo difícil para min.

Dende logo, en A república dos sonhos, Nélida é quen de afondar en cuestións que só ela, filla de emigrantes, que naceu alá, pero que durante uns anos medrou aquí, pode comprender, abranguer e expresar na súa complexidade.

Dicía que onte o seu discurso foi unha fermosa peza literaria, a altura da narradora que é. Acompañada por moitas persoas do concello de pontevedrés de Cotobade, do que procede a saga familiar, ao que retorna con frecuencia e do que é filla predilecta, Nélida emocionounos a todos, unha vez máis, cos fíos que teceu entre as súas dúas realidades, Brasil e Galicia. Fermoso e iluminador, tamén, o discurso de resposta, lido por Ramón Villares.

Hai algún tempo, cando aínda coordinaba o club de lectura da biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, propuxen a lectura do seu segundo libro publicado en galego, tamén pola editorial Galaxia, A casa da paixón. Algúns lectores gustaron del e outros non. Houbo algúns que se sentiron vencidos pola linguaxe barroca. Eu tentei explicarlles que o que sucedía é que a linguaxe pode representar a realidade física que pretende explicar, non só dicindo como é, senón transformándose e facéndose parte dela, cousa que acontecía na novela de Nélida, na que a linguaxe ponse do outro lado do narrador e transfórmase en selva, en vizosa vexetación e bater de ás. Non sei se todos o entenderon, pero Nélida é desas narradoras capaces de conseguir ese milagre da palabra de chegar máis alá do que as propias palabras din.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Dende onte forma parte da Academia Brasileira das Letras do Brasil e da Real Academia Galega. Xa ten cadeira nas dúas ribeiras dos seus soños.

Fun ao acto coa miña amiga Malores Villanueva, veciña e amiga de Nélida, tamén ela do concello de Cotobade. De Malores son as fotografías.

Unha opinión sobre “NÉLIDA PIÑÓN

  1. A min encantoume ir contigo, disfrutei de escoitar a épica do corazón de Nélida ó teu carón e da miña xente de Cotobade. Grazas por facer a crónica dun día especial, o da entrada dunha filla da emigración na casa da lingua dos seus devanceiros.

    Gústame

Os comentarios están pechados.