EN LONG ISLAND CON WALT WHITMAN

O xoves pasado, como actividade do The Americas Poetry Festival of New York 2014, un pelotón de poetas marchamos cedo cara Long Island, para asistir a unha conferencia sobre as referencias de Walt Whitman na literatura hispana e logo ofrecer un recital ao público asistente, en especial aos alumnos dun colexio próximo que encheron o auditorio. Con chuvia saímos ás 8,30, do número 148 East, da rúa 33. Nunha furgoneta de 15 prazas, avanzamos lentamente na trafega da hora punta, cruzamos Queens, saímos da cidade e penetramos nos bosques de Long Island, ata chegar á casa onde naceu Walt Whitman en 1819, restaurada no ano 2001 como lugar de interese histórico, cun fermoso auditorio-museo abeirado da casa construída polo pai do poeta en 1910 e situada no outro extremo do xardín, baixo os arces.

Sorprendéronme a cantidade de retratos do escritor. Descoñecía eu que, sendo un personaxe do século XIX, chegase a ser retratado máis de cen veces. Un fermoso panel, que integra fotos e versos, preside a sala.

Whitman

Levaba eu uns versos preparados para ler, celebrando estar alí con compañeiros doutros países latioamericanos, por iso escollera un fragmento dun poema marcado hai moitos, anos na edición que teño de Hojas de Hierba, pero non os lin, porque a cousa ía xusta de tempo e había que aproveitar para recitar, que era realmente o que se nos pedía. Déixoos aquí por compartilos, porque son fermosos e alumean ben como era o carácter e o compromiso de Whitman co resto dos seres humanos.
My spirit has pass’d in compassion and
determination around the whole earth;
I have look’d for equals and lovers, and found 
them ready for me in all lands,

(O meu espirito vagou con compaixón e determinación, arredor do mundo. Busquei iguais e amantes, e atopeinos preparados para min en todo os países).

Whalt Whitman&Chisco©maribel7085

Sei que recitei ben neste lugar. Teño unha boa sensación e unha boa lembranza. Serían el, o espazo, a luz que entraba polas paredes de cristal, as cores outonizas do xardín, brillante baixo o sol logo da chuvia. No centro segue o pozo, o mesmo que lle deu de beber a Whitman, como seguen na casa o cuarto onde naceu, a sala coa cheminea, as grandes fiestras pintadas de azul prusia, cada porta, cada marco de fiestra coa súa particularidade, que o pai, que construía casas, ofrecía a súa como catálogo, polo que aplicaba solucións e adobíos diferentes en cada recuncho para que o cliente observase como resultaban e escollese o que máis lle gustaba.

Pozo Whitman

Agora, de regreso, repasando poemas seus, observo que nunha colección de versos titulada Restos del naufragio, hai moitos, moitos, versos sobre crebas. El non lle chama crebas, claro, pero si despoxos e fai con eles os mesmos xogos que facemos nós, incluso facendo deles metáfora da vida. Cando escribín o libro das Crebas non me lembrei del, ao cabo lera os seus versos no ano 1975 e só volvera a eles puntualmente. Agora que repaso con gusto a miña edición en castelán, obra de Francisco Alexander, e procuro tamén os versos en inglés, lamento o meu descoido, porque terían enriquecido o meu texto, pero podemos ler os seus versos sen máis pretensión, valoralos e gozalos, velaí senón, estes exemplo:

I, too, but signify, at the utmost, a little wash’d-up dfift,
A few sands an dead leaves to gather,
Gather, and merger myself as part of the sands and drift.

(Yo no soy sino un insignificante madero abandonado por la resaca,/ Un puñado de area y hojas muertas,/ Y me confundo con las arenas y con los restos del naufragio).

A foto do pozo e a dos rostros, son miñas, a outra, na que estou eu con el, é de Maribel Longueira-