Novo concerto de JAZZATLANTICA. Imos ao teatro Rosalía de Castro lembrando o de hai vinte días, con China Moses. Hoxe escoitaremos á súa nai Dee Dee Bridgewater. No ánimo de moitos alenta a inevitable tentación a comparar. Porén, a comparanza non achega nada, porque son diferentes e, sobre todo porque, no escenario, Dee Dee é un prodixio.
O concerto iníciase coa intervención da trompeta de Theo Croker, acompañado por Kassa Overall na batería. O diálogo que manteñen os dous promete. Ao cabo, incorpórase o resto do quinteto que completan Michael King no piano, Irwin Hall no saxo e Eric Wheeler co baixo eléctrico e o contrabaixo. Esa primeira peza é longa e vai situando a cada un no seu lugar. O reflectir vermello do foco na fibela do zapato de Wheeler, anticipa e anuncia os brillos e reflectires que virán.
Logo dun cuarto de hora de música a cargo do quinteto, entra Dee Dee Bridgewater, aclamada polo público. Vestido de múltiples pregues, a listas douradas e tostadas; sombreiro con cinta a xogo; chaquetiña negra curta e axustada nos ombreiros; un colgante que multiplica os brillos e reflectires das luces, medias negras, botíns de tacón afiado e altísimo, nada queda ao azar, todo forma parte dunha posta en escena coidada, na que o seu corpo, cada un dos seus movementos, tamén os risos, o termo, as flores sobre a mesiña ou o xeito de beber, compoñen unha narración plástica e teatral que sitúa e ordena o espectáculo.
A Dee Dee gústalle falar, comunicarse co público non só a través da música, senón tamén coa palabra, e saúda en galego: Boas noites. O jazz é un xogo de dar e recibir, e convida a participar. Nalgún momento, máis adiante, lembrará que non é a primeira vez que está na Coruña. Efectivamente, no ano 2007 estivo presentando o seu disco Red Earth e cando lembra este título, bate coa man pechada sobre o peito, alí onde dicimos que está o corazón.
Canta, móvese, ri, goza sobre o escenario. Sucesión interminable de rexistros, domina os ritmos, o vocal e o corporal, e exprésase nun fraseo perfecto. Ofrece un catálogo interminable de scats, improvisa, fusiona maneiras de rap ou de hip hop e, nalgún momento, debuxa sobre o escenario unha danza circular que lembra un rito ancestral, quizais de Mali, a orixe. Non lle importa perder unha parte do tacón dun dos botíns. Alá el, ben a dicir.
Formidable o momento no que forma un trío, xunto a trompeta de Croker e o saxo de Hall, na boca do escenario, mantendo con eles un diálogo no que ela xoga coa voz a ser un trombón de varas.
Lembra a China e o seu concerto recente e deixa tempo para o quinteto, que funciona conxuntado e limpo. A min paréceme que Theo coa trompeta e Kassa na batería, destacan algo sobre os resto. Fascíname Kassa, a claridade da súa man dereita, o xogo corporal co que anticipa os contraritmos, a maneira de intercarlar silencios. Paréceme xeneroso acompañando aos outros membros do grupo, pero cando chega o seu monólogo, daquela, transfórmase nun depredador do ritmo.
Dúas horas e cuarto de concerto con Dee Dee e os músicos vibrando diante dun público entregado. Un agasallo. Neste vídeo están cinco dos seis, falta Kassa Overall e non sei o nome deste outro batería, que se cadra é o titular do grupo.