CHANKILLO E OS DEUSES

Hoxe pola mañá, domingo 2 de novembro, clausurouse no museo da casa de María Pita, na Cidade Vella coruñesa, a exposición de fotografía: Esperando ao deuses en Chankillo, do meu amigo Gustavo García Roig, arxentino de nacemento, protagonista de exilios, habitante de varias patrias, cidadán do mundo, quen, dende hai anos, vive connosco aquí na cidade do aire, da Torre e do océano.

Templo do sol coa primeira luz do solsticio de inverno

Templo do sol coa primeira luz do solsticio de inverno

Gustoume moito a mostra, con algo de reportaxe e moito de fotografía artística. A exposición contaba algo para min descoñecido, a existencia do Templo do sol e das Trece Torres Lúa de Chankillo, un lugar situado no deserto, a 400 quilómetros de Lima, no val de San Rafael. O observatorio solar, considerado o máis antigo de América, construído 2000 anos antes da aparición da cultura inca e arredor de 400 anos antes de Cristo, foi construído pola cultura moche e permite situar o sol dende o solsticio de inverno ata o solsticio de verán e determinar tamén o momentos dos equinocios, podendo planificar, así, o momento das colleitas, a chegada da auga procedente do desxeo da cordilleira ou a seitura.

As trece Torres Lúa dende o Templo do sol

As trece Torres Lúa dende o Templo do sol

Humildemente, pero con pracer, colaborei con Gustavo, traducindo ao galego o texto escrito por el e que figuraba na tarxeta da exposición. Hoxe, a lectura dese texto foi o último acto dunha familiar e entrañable cerimonia de clausura, que ofreceu a posibilidade de realizar unha visita guiada á exposición, acompañados por Gustavo.

Solsticio de inverno. O sol xunto á primeira Torre Lúa

Solsticio de inverno. O sol xunto á primeira Torre Lúa

A exposición clausurouse, pero eu quero colaborar a que nos acompañe e permaneza, deixando constancia dela aquí. As fotografías que se ofrecen forman parte da mostra e ao final vai o texto de Gustavo na versión galega.

Condor protector en Chankillo

Nesta imaxe, Gustavo captou o voo dunha nube con perfil de cóndor, paxaro sagrado dos mochicas ao que estes atribuían a capacidade de trasladar as almas dos mortos ata as estrelas, por iso deixaban os corpos dos defuntos en lugares aos que eles puideran acceder. A nube-cóndor voaba sobre as Torres Lúa e Gustavo, que sabe da existencia doutras realidade, interpretouna como un símbolo protector. A casualidade quixo que hoxe mesmo, rematando o libro Mansa chatarra de Francisco Ferrer Lerín, dese con este texto que tamén deixo aquí, porque ofrece a posibilidade dun diálogo de disciplinas e culturas. Pertence ao relato La ciudad alejada, que ben puidera ser Chankillo: ¿Dónde estoy? La extensión de terreno no cabe en los mapas, no hay nación que pueda permitirse disponer de enclaves de esta envergadura. Me hallo pues fuera de cualquier territorio ¿y también fuera del tiempo? ¿Y la ciudad? Dijeron que los cadáveres de sus habitantes eran colocados sobre los tejados, y que los buitres -¿o cóndores?-, al amanecer, daban cuenta de ellos. Mas ¿quién lo vio?

ESPERANDO AOS DEUSES EN CHANKILLO

Lembro que aínda era noite cando espertei. A xente ollaba o ceo alumeado polas escintilantes estrelas. De socate, un lampo fugaz moveuse a gran velocidade, creando un fermoso espectáculo. Estou seguro de que os chamáns nos falarán do seu significado na cerimonia de hoxe no Templo do Sol.

Os deuses enviaban sinais para nos indicar as nosas tarefas. Nalgunhas ocasións realizabamos un sacrificio animal, como o da llama. Noutras, xuntabámonos arredor dos lumes e adorabamos as figuras de barro modeladas polos oleiros e que representaban os guerreiros que nos protexían, como facía o cóndor, encargado de levar as almas dos nosos mortos ata as estrelas.

Cando escaseaban os alimentos da terra, saiamos ao mar, a pescar nas nosas embarcacións de totora e, no tempo das colleitas, a Pacha Mama bendicíanos cos seus alimentos.

Esa noite a maxia flotaba no aire. Quilla, a Lúa, acababa de nacer e brillaba no ceo xunto con Venus. A estrela fugaz agarimara a ambos co seu resplandor deixándonos unha mensaxe. Iamos subindo pola ladeira da duna cara o sagrado Templo do sol. Alumeabámonos con fachos en honra á Lúa Nova, a Venus e ao Solsticio, unha conxunción astral propicia.

Ao chegar ao Templo, cruzamos as tres órbitas polos túneles, ata nos agrupar no Centro do Pai Sol, arredor dos chamáns e o Curaca que rexía Chankillo. Tras un fondo silencio, escoitamos o son da buguina e o Curaca falounos con voz vibrante e transcendida de emoción: chegara o tempo do Solsticio de Inverno, o tempo das colleitas.

O Sol, Inti, amencía na Primeira TorreLúa para iniciar o seu novo periplo e percorrer, outra volta, o longo camiño das Trece Torres construídas polos nosos devanceiros. Os sabios chamáns pasaran moitas lúas e soles consultando o ceo e, consonte o movemento dos astros, sinalaron a posición precisa das Trece TorresLúa aliñadas de Norte a Sur no monte Chankillo.

O Curaca chamoume para me encargar a misión de seguir o paso do Sol e da Lúa, ademais dos outros astros que se albiscaban ao amencer e ao declinar de Inti, no seu incesante camiño de reencarnación ata a última Torre.

Nalgunhas ocasións, ao camiñar cara as Torres, atopábame con algunha das “presenzas” que velaban por nós. Eran enviadas polos deuses que moraban no mundo invisible. Ás veces, elas, facíanse visibles. Aparecían cando realizabamos os rituais en honor ao noso deus supremo A apaec.

Conforme transcorrían os días e as noites observando o ceo, sentía que eu tamén ía cambiando cos astros e aínda que algunhas noites anubraba, podía intuír o movemento das estrelas que nos guiaban.

Decateime de que en Chankillo o ceo únese coa terra para crear a vida a través da auga, regando as nosas colleitas nutridas pola luz do Sol e o magnetismo da Lúa, a sutil dona da noite.

Os moches estamos unidos por unha forza espiritual que nos permite vivir en harmonía coa natureza do deserto, a influenza dos ceos e a sabedoría do Universo.

Chankillo une o ceo coa terra

ALLIN HAMUSKA/BENVID@S

Solsticio de inverno de hai 2.300 anos.